Ence abre o debate sobre a súa seguridade e non quere unha lei contra a súa concesión, pendente de avaliación xudicial

Instalacións de Ence na ría de Pontevedra, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA encefora.gal

O presidente da empresa advirte a empregados dun posible “susto maiúsculo medioambiental” e a compañía matízao con varios comunicados nos que di que o complexo de Pontevedra é “totalmente seguro”

Tras anos asegurando que as súas instalacións na ría de Pontevedra son respectuosas co medio ambiente, o presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, dirixiu hai uns días unha mensaxe ao persoal da empresa na que advertiu da posibilidade de “ter un susto maiúsculo medioambiental en calquera momento que pode afectar ademais ás persoas” se o Goberno central non garante a concesión dos terreos nos que se asenta a fábrica o tempo suficiente como para que lle resulte rendible facer determinados investimentos. Sen eses investimentos, vén dicir Colmenares, “verémonos obrigados a pechar a fábrica de forma ordenada pero de forma rápida” para evitar a posibilidade do susto. 

Tras esas verbas de Colmenares e diversas esixencias ás administracións -de representantes políticos como o voceiro local do PSdeG e entidades contrarias á presenza da instalación, ás que este luns se sumou o propio Concello de Pontevedra- para que supervisen a seguridade de Ence, a compañía emitiu varios comunicados nos que garante que o complexo de Pontevedra é “totalmente seguro” e critica a descontextualización do dito polo seu presidente. Un Colmenares que tamén cargou contra a Lei de Cambio Climático que está a tramitar o Goberno central no Congreso dos Deputados por considerar que contén un artigo retroactivo para anular a prórroga da concesión dos seus terreos que lle outorgou o Goberno en funcións de Rajoy en xaneiro de 2016. Esa prórroga está a ser analizada na Audiencia Nacional e, se o tribunal a anula, a lei en tramitación xa non tería nada que anular de xeito retroactivo.

As verbas de Colmenares sobre o “susto maiúsculo medioambiental”, pronunciadas nunha das súas alocucións periódicas por videoconferencia a persoal da empresa, foron transcritas o sábado por Diario de Pontevedra nun amplo despregue de catro páxinas sobre a ameaza de que a empresa peche xa de forma “rápida” se non se lle garanten máis anos de concesión cos que poder facer rendibles investimentos cos que supostamente evitar o hipotético “susto” ambiental. Posteriormente Pontevedraviva.com publicou un vídeo con esas verbas e representantes políticos e de entidades ambientais que reclaman a retirada da fábrica da ría esixiron explicacións e investigacións por parte das administracións. 

"Como non nos deixen horizonte suficiente para investir, nos veremos obrigados a pechar a fábrica de forma rápida", di o presidente de Ence

A empresa contestou cunha sucesión de varios comunicados nos que di que as declaracións divulgadas do seu presidente son un “extracto recollido ilegalmente” que “non debe ser descontextualizado” xa que os seus catro minutos de duración son “parte dunha intervención de máis de tres cuartos de hora” que non facilita pero na que asegura que Colmenares “minutos antes referírase á necesidade de seguir mellorando día a día o comportamento medioambiental das plantas de Ence, por respecto á contorna e ás comunidades coas que convivimos”. Segundo os comunicados, o presidente dixo que en Pontevedra “os equipos que máis recorrido de mellora teñen son a caldeira de recuperación e caustificación”, dos que a empresa asegura que son equipos “absolutamente seguros” que contan con inspeccións e certificados.

Na parte da súa intervención divulgada no vídeo, Colmenares di que en Pontevedra “con esa caldeira de recuperación e esa caustificación inestable podemos ter un susto maiúsculo medioambiental en calquera momento que pode afectar ademais ás persoas”, e engade que “como non nos deixen horizonte suficiente para investir o que hai que investir e que estamos dispostos a investir, e por iso está posto no plan estratéxico, pois nos veremos obrigados a pechar a fábrica de forma ordenada pero de forma rápida”.

Vista aérea da factoría de ENCE © encefora.gal

Antecedentes

A Audiencia Nacional analiza se o prazo máximo de 75 anos que pode ter unha concesión debe contarse desde o seu primeiro outorgamento ou se unha reforma legal do PP criticada por ambigua polo Consejo de Estado ampara tamén a prórroga a Ence

A orixe do conflito de Ence sobre a concesión dos seus terreos na ría de Pontevedra está en 1958, cando se lle outorgou o espazo. As concesións públicas en España están limitadas a un máximo de 75 anos, pero cando en 2016 o Goberno en funcións de Rajoy lla ampliou fíxoo ata 2073, máis alá do 2033 en que se acadarían os 75 anos, amparándose nunha reforma previa impulsada polo propio PP da Lei de Costas e no seu regulamento posterior que foron criticados polo Consejo de Estado por “ambiguos”, xa que non deixaban claro se os prazos máximos de concesión debían contar desde o primeiro outorgamento ou desde a autorización das prórrogas posteriores á reforma legal. [A ambigüidade de Rajoy pode acabar propiciando que ENCE marche da ría de Pontevedra].

"O lóxico sería que a Lei permitise a prórroga ata ese máximo [75 anos para os casos con menos impacto ambiental] pero deixando meridianamente claro se se contan ditos 75 anos desde o comezo mesmo da concesión (é dicir sumando as duracións de ambas [concesión orixinal e prórroga])", dixo o Consejo de Estado, presidido daquela polo popular Romay Beccaría, que se preguntaba “se en realidade o prazo total podería chegar incluso aos 150 anos”, ao sumarse concesión orixinal e prórroga.

O Consejo de Estado pediu que se aclare que unha nova lei que quere limitar as concesións non é retroactiva, pero iso non afectará ao preito pendente na Audiencia Nacional, que o que analiza é a prórroga de 2016 segundo a interpretación que lle mereza a lei daquel momento

O Concello de Pontevedra, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e Greenpeace recorreron a prórroga da concesión de Rajoy por considerar que esta non pode superar o 2033 no que se cumprirían os 75 anos. No preito o Goberno central de Rajoy defendeu inicialmente que a nova redacción da lei e o seu regulamento si permitían interpretar que o cómputo dos prazos máximos volvía iniciarse tras esa reforma legal, pero o Executivo de Pedro Sánchez mudou de postura e pasou a defender que hai que contar os prazos desde o seu comezo en 1958

Ao tempo, o Goberno actual, a través da Lei de Cambio Climático a trámite no Congreso, inclúe un artigo no que quere poñer fin a esa ambigüidade e establece que “os prazos de duración” das concesións previstas na Lei de Costas “computaranse en todo caso desde o seu outorgamento e incluirán todas as súas prórrogas”. Pero engade a continuación un matiz: “sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos ditados en incumprimento do previsto neste artigo”. Esa redacción foi tamén criticada polo Consejo de Estado, nun novo ditame no que di que “procedería substituír a expresión ‘ditados’ por ‘que se diten’, coa fin de deixar claramente establecido que se trata dos actos posteriores á Lei”. Isto é, que a reforma agora a trámite non permita no futuro concesións totais superiores aos 75 anos pero non sexa retroactiva, o que podería validar a prórroga concedida por Rajoy en 2016. 

Na súa intervención Colmenares di que se o Goberno central non muda a redacción dese punto como lle pide o Consejo de Estado “en semanas” antes de que lei resulte aprobada polo Congreso a empresa pechará “de forma rápida” sen agardar a 2033. Porén, aínda que iso sucedese e o texto deixe claro que non será retroactivo, non afectará ao preito pendente de resolverse na Audiencia Nacional, que o que analiza é a prórroga de 2016 segundo a interpretación que lle mereza a lei daquel momento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.