Feijóo xa non desbota que ENCE quede na ría de Pontevedra

Referencia a ENCE no programa do PP nas autonómicas de 2012 CC-BY-SA Praza Pública

Un dos cambios de posición que trouxo consigo o ascenso de Alberto Núñez Feijóo ao liderado do PP galego foi sobre a continuidade da planta de ENCE na ría de Pontevedra. Da pechada defensa realizada por Manuel Fraga os conservadores transitaron, pasando por diversos matices, ao rexeitamento. Así, por exemplo, no programa electoral co que concorreron as autonómicas de 2012 os populares explicaban que, "na procura de facer compatible a actividade produtiva coa calidade ambiental", o partido "mantén a súa aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento". O único "irrenunciable" era "a continuación da súa actividade na contorna da comarca de Pontevedra". Apenas sete meses despois dos comicios, esta postura xa non é, nin moito menos, tan inquebrantable.

Nos últimos días o presidente da Deputación pontevedresa, Rafael Louzán, púxolle voz á aparente viraxe do seu partido. Para o líder dos conservadores na provincia o traslado da factoría é "inviable" e, na súa opinión, debera "seguir xerando riqueza" á beira da ría "durante moitos anos". O momento das declaracións non é menor. Cadra coa aprobación definitiva da nova lei de costas, o texto que abre a porta de par en par á continuidade de ENCE no emprazamento que ocupa dende 1957.  Nomeadamente, a nova norma permite prorrogar a concesión "a instancias do seu titular" se a Xunta emite un informe favorable. Esta prórroga podería durar ata setenta e cinco anos -coa anterior lei as prórrogas quedaban en 60-, polo que a pasteira podería ficar onde está ata ao ano 2093.

No programa do PP nas pasadas autonómicas figuraba a promesa de que ENCE "abandone o seu actual emprazamento"

Con este pano de fondo o presidente da Xunta foi cuestionado este xoves ao respecto tras a reunión semanal do Consello do seu Goberno e as respostas non foron, en absoluto, tranquilizadoras para as persoas e grupos partidarios do traslado. No marco dunha gabanza xeral á norma aprobada en solitario polo PP no Congreso por "legalizar 8.000 vivendas que se ubican en núcleos tradicionais" o xefe do Executivo di, sen dicilo, que a porta xa non está pechada de todo, tampouco politicamente, para os intereses da pasteira. Así, o presidente adapta a textualidade das súas propias promesas electorais para asegurar que "o que está no programa do PP é que a concesión caduca no ano 18" e, a continuación, constata que agora "ábrese unha lei que dá posibilidades de seguir ou non seguir". Por todo isto, di, a Xunta "avaliará moi polo miúdo esta decisión".

E, que factores terá en conta? Dado que ENCE, evidencia, "necesita un informe determinante" da Consellería de Medio Ambiente para poder seguir na ría, o Goberno vai "escoitar, por suposto, as institucións democráticas de Pontevedra -previamente, preguntáraselle por Louzán-" e tamén "aos axentes económicos e sociais". Pero, ademais deste diálogo, a Xunta tamén terá en conta "que melloras económicas está disposta a facer a empresa", toda vez que a prórroga non é, en ningún caso, "automática". "Hoxe por hoxe ENCE non formula ningunha medida que nos faga variar de opinión" e esa "opinión", di, é que "en 2018 caduca a concesión". Así as cousas, e á espera de que ENCE faga ofertas, o titular da Xunta proclama que non hai "ningunha novidade" e a única convicción que manifesta é que "o Goberno de España non fará nada distinto do que propoña a comunidade autónoma", isto é, que o Goberno central cumprirá a lei que vén de aprobar, evidencia.

Planta de Ence en Pontevedra © Google Street View

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.