A central térmica das Pontes segue a liderar, xunto con Alcoa, a xeración de emisións de CO2 en Galicia

Central térmica das Pontes CC-BY-SA Banjo

A fábrica de Alúmina-Aluminio de Alcoa en San Cibrao e a central térmica de queima de carbón de Endesa nas Pontes son as industrias galegas que no ano 2020 emitiron á atmosfera máis dióxido de carbono (CO2), o máis importante dos gases causantes de cambio climático. Tanto unha como a outra instalación superaron o millón de toneladas, situándose lixeiramente por diante da central de ciclo combinado (queima de gas) de Naturgy en Sabón (Arteixo), con 0,8 millóns de toneladas, a refinería de petróleo de Repsol na Coruña (0,63 millóns de toneladas) e a central de queima de carbón de Naturgy en Meirama (0,53 millóns de toneladas).

As emisións de gases causantes de cambio climático das térmicas de carbón baixaron de 2,5 a 1,5 millóns de toneladas entre 2019 e 2020, debido a que produciron un 45% menos electricidade

O ano 2020 foi un ano singular, en primeiro lugar polo efecto da pandemia de Covid-19, que diminuíu un chisco as emisións contaminantes, debido á paralización que sufriu unha parte da actividade económica. E, en Galicia, foino sobre todo polo inicio do proceso do abandono da queima de carbón para a produción eléctrica, co peche da central de Meirama e a proxectada clausura da central das Pontes, que nas décadas anteriores foran os maiores emisores de gases causantes do cambio climático en Galicia, situándose entre as industrias máis nocivas de toda Europa.

As cinco industrias que xeraron máis emisións de CO2 en Galicia en 2020 © Galiza, un futuro sen carbón

Galiza, un futuro sen carbón demanda un recorte das emisións do 65% en 2030, "a máis tardar"

A produción eléctrica nas centrais de carbón galegas diminuíu o 45,5% en 2020. Como resultado da súa menor produción, as emisións de gases causantes de cambio climático das térmicas de carbón baixaron de 2,5 a 1,5 millóns de toneladas entre 2019 e 2020. A central de carbón das Pontes emitiu un millón de toneladas de CO2 en 2020, fronte a 2,3 millóns en 2019. A de Meirama, que pechou definitivamente no mes de xullo, incrementou a súa achega á emerxencia climática global desde 230.000 en 2019 a 530.000 toneladas o ano pasado.

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón demanda un recorte das emisións totais de Galicia do 65% en 2030, "a máis tardar". Para acadar ese obxectivo, a entidade fai un chamamento a "deixar de queimar combustíbeis fósiles na xeración de electricidade" e, ademais, reclama que se tomen medidas urxentes noutros ámbitos como o transporte.

A entidade insta ao "peche total e definitivo da central das Pontes" e á aceleración da elaboración dos Convenios de Transición Xusta para as áreas de influencia socioeconómica das centrais de Meirama e As Pontes.

Por unha banda, insta ao "peche total e definitivo da central das Pontes" e á aceleración da elaboración dos Convenios de Transición Xusta para as áreas de influencia socioeconómica das centrais de Meirama e As Pontes. Pola outra, chama a atención sobre o efecto contaminante que seguen a ter as centrais de ciclo combinado, que queiman gas natural e que coa desaparición das térmicas de carbón serven de "soporte" para as fontes renovables de produción eléctricas, suxeitas (sobre todo no caso da enerxía hidráulica) a oscilacións derivadas da situación climática.

Central de ciclo combinado de Sabón © Grupo Cobra

A plataforma pide a supresión das centrais de ciclo combinado antes do ano 2030

Pola outra, a plataforma pide "ir limitando todo o posíbel" o papel da queima de gas natural nas centrais de ciclo combinado como enerxía de respaldo, co obxectivo de "abandonar o seu emprego na xeración eléctrica antes de 2030". No 2020 as centrais de ciclo combinado en Galicia emitiron 850.000 toneladas de CO2 para producir 2.200 GWh de electricidade, mentras de que as de carbón emitiron 1,5 millóns de t de CO2 para xerar 1.350 GWh. Porén, o gas fósil, aínda que menos contaminante que o carbón, "non é un combustíbel limpo e contribúe á crise climática", lembran.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.