Feijóo e o PPdeG usan o peche de Endesa nas Pontes para cargar contra PSOE e Goberno central

Feijóo, durante un acto este sábado © PPdeG

Endesa anunciou este pasado venres que acelera o peche da súa central térmica das Pontes, unha decisión derivada, como no caso de Meirama, polo prezo do carbón e o CO2, que vira en carísima a queima de carbón, que xa non é competitiva nin rendible para a compañía. A elevada contaminación e impacto climático dunha instalación como esta fai inviable un futuro máis curto do que moitos agardaban tras os investimentos acometidos. Lonxe de buscar unha estratexia común, como insinuara o venres, Feijóo e o PPdeG aproveitaron o sábado para avivar a precampaña culpando o PSOE e o Goberno cetnral da decisión da empresa.

"O PSOE quere acabar con todo, destruír 700 empregos", di Tellado; Feijóo relaciona o peche coa "parálise e incompetencia" dos socialistas

“As Pontes ten a segunda renda media per cápita máis alta de Galicia e a pensión media máis alta. Todo grazas á central térmica de Endesa. Agora o PSOE quere acabar con todo. Destruír 700 empregos”, dixo en redes sociais Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG. “Espero que o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes dimita como militante do PSdeG-PSOE”, engadiu Rosa Gallego, concelleira popular na Coruña. Máis cargos públicos falaron mesmo de “coitelada” ou “castigo” por parte do Partido Socialista. 

Vista da central térmica das Pontes © Endesa

Foron só o aperitivo. Mesmo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou que Galicia “leve varias décadas sufrindo a falta de previsión” do Goberno central baixo mandatos socialistas. “Non se pode pensar que a política consiste simplemente en ter ocorrencias e arrebatos”, dixo, advertindo de que “cada acción ten consecuencias nas que hai xente detrás”. 

Feijóo relacionou o peche coa “parálise e a incompetencia” do Executivo central que, dixo, afecta tamén á planta de Alcoa en Cervo e que “está avisando desde hai meses que está en perdas como consecuencia do prezo da luz”. “Levamos meses demandando unha transición ecolóxica ordenada”, insistiu o presidente da Xunta sobre As Pontes, tras asegurar que “Galicia quere enerxías renovables pero tamén sabe que non se pode romper de forma abrupta” unha planta como a do norte galego. 

Común da Esquerda, BNG e En Marea critican que nin PSOE nin PP "fixeron os deberes" no Goberno central e na Xunta

Desde a oposición galega, o BNG asegura que Galicia se atopa “ante unha situación na que nin o Goberno do Estado nin o da Xunta fixeron os seus deberes en relación á decisión da empresa de pechar a planta”. “A transición ten que ser xusta para Galiza e por iso non se pode permitir que unha empresa que explotou os nosos xacementos e recursos, que obtivo miles de millóns de euros de beneficios, unha vez que esquilma os recursos do país pretenda desmantelar a central sen deixar ningunha alternativa”, declarou Pontón tras a celebración do Consello Nacional.

Así, o Bloque demanda unha alternativa de futuro para As Pontes e para toda a comarca de Ferrolterra, “que leva sendo unha das comarcas máis castigadas polas reconversións industriais e os antecedentes que temos preocúpan”. 

Desde o Grupo Común da Esquerda, a deputada Luca Chao demandou á Xunta un plan de emprego con enerxías verdes para As Pontes e que as administracións se poñan a traballar en “solucións concretas” para as persoas que traballan na comarca logo do anuncio de peche. “Como vimos advertindo desde hai tempo, esta decisión depende da vontade dunha empresa”, engadiu. 

Ademais, En Marea propón activar o mapa de transición sustentable de Galicia para afrontar o peche. O seu portavoz, Luís Villares, considera que durante estes últimos dez anos “PP e PSOE estiveron enganando a cidadanía facéndolle crer que a central térmica permanecería aberta ata 2045 recibindo subvencións por contaminar”. 

Por outra banda, González Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación, pediu unha “resposta clara” a Endesa e asegurou que o Concello continuará “traballando con toda a sociedade pontesa para reclamar medidas de compromiso co emprego do complexo eléctrico”. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.