Galicia e o Acordo de París contra o cambio climático

Unha activista ecoloxista en París, onde se acadou o acordo © Víctor Barro

Xosé Veiras aborda n'Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo e biodiversidade de Praza Pública, os retos de Galicia perante o cambio climático neste Día da Terra

Este 22 de abril, Día da Terra, cun evento na sede das Nacións Unidas en Nova Iork, comeza o período de sinatura do Acordo de París, alcanzado en decembro pasado durante o cumio climático celebrado na capital francesa. “En comparación co que podería ter sido, é un milagre. En comparación co que debería ter sido, é un desastre” (1). Así opinaba  sobre o Acordo de París na súa columna do xornal The Guardian o escritor George Monbiot, un dos máis brillantes analistas sobre as cuestións socioambientais.

O mundo encóntrase nun auténtico estado de emerxencia climática. Após décadas de inacción e de emisións crecentes, semella xa practicamente imposíbel evitarmos unha mudanza climática perigosa. Só estamos a tempo de limitarmos o alcance dunha previsíbel catastrófe climática e de aumentarmos a nosa resiliencia fronte a ela.

Cómpre moito máis que o “Acordo de París”. Até para os máis confiados e optimistas este é apenas un “punto de partida”

Para iso, cómpre moito máis que o “Acordo de París”. Até para os máis confiados e optimistas este é apenas un “punto de partida”. Neste senso, máis alá da acción a escala estatal e internacional, hai coincidencia xeral en sinalar a mobilización da cidadanía e a implicación dos gobernos locais e subestatais como esenciais para afrontarmos a mudanza climática e, máis por extenso, a crise sociecolóxica mundial na que se enmarca. Como apunta o educador ambiental Francisco Heras, “o cambio climático non só formula un reto global: tamén nacional, rexional, local e persoal”.

Está Galicia a responder a este reto urxente e decisivo?

Un obxectivo de redución das emisións pouco críbel

A Xunta vén de incluír no seu Plan Estratéxico 2015-2020 un obxectivo de redución das emisións de gases de invernadoiro dun 20% a respecto de 1990. Un obxectivo moi pouco críbel de non se produciren importantes mudanzas políticas.  O parón renovábel, o carbón de importación barato -a maior fonte de emisións, responsábel dun terzo do total- e a recuperación do tráfico nas estradas non convidan ao optimismo.

O parón renovábel, o carbón de importación barato e a recuperación do tráfico nas estradas non convidan ao optimismo

En 2013, último ano para o que hai datos oficiais, as emisións baixaran o 4% a respecto de 1990, mais todo apunta a que en 2015 volveron ser superiores.  Para lograr o obxectivo proposto para 2020 habería que cortar as emisións nuns 6 millóns de toneladas, unha cantidade un pouco inferior ás emisións en 2014 da maior fábrica de cambio climático de España, a central de carbón das Pontes (ENDESA).  Sen enfrontarse ás grandes empresas do sector enerxético e metalúrxico (3) e sen unha política climática ambiciosa o obxectivo é inalcanzábel.

O Observatorio da Sustentabilidade apunta, no informe Cambio climático. Evidencias, emisiones y políticas, que Galicia está á cabeza das comunidades autónomas españolas  en emisións por habitante -xunto con outras nas que tamén hai centrais de carbón- e á cola en compromiso climático. Á hora de avaliar a actividade política autonómica sobre o cambio climático, o observatorio inclúe Galicia entre as comunidades “pouco activas”.

As institucións locais seguen á marxe da loita contra o cambio climático.

Non foi avaliada polo Observatorio da Sustentabilidade, mais  igual de “pouco activa” é a actividade de deputacións e concellos, corresponsábeis do deficiente desempeño do noso país na loita contra o cambio climático. 

A política de restrición do uso do coche na cidade impulsada polo Concello de Pontevedra é até hoxe a única acción destacábel no ámbito municipal con efectos positivos na loita contra o cambio climático

Vinte e catro concellos galegos e unha mancomunidade integran a Rede española de cidades polo clima da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Ademais de seren unha minoría, a súa participación  na rede adoita ser testemuñal, cando menos se facemos caso da información facilitada pola web da propia rede. Na ficha correspondente a cada concello, o epígrafe “actuacións” non ofrece información.  Para os Concellos galegos, apuntarse a esta rede non pasa de ser un xesto tan inútil como o de  sumarse cada ano á mediática “A hora do planeta”.

A política de restrición do uso do coche na cidade impulsada polo Concello de Pontevedra é até hoxe a única acción destacábel no ámbito municipal con efectos positivos na loita contra o cambio climático. Porén, e de xeito contraditorio, o mesmo concello fomenta o uso do coche en desprazamentos interurbanos apoiando a construción dunha nova infraestrutura como a autovía A-57.

Entre as accións previstas, merece destaque o novo impulso á Estratexia contra o Cambio Climático da Coruña 2014-2020 anunciado polo goberno municipal da Marea Atlántica.  Esta estratexia -a única existente no país- inclúe 52 medidas en ámbitos de competencia municipal (transporte, urbanismo, residuos urbanos…). Esa será a súa principal limitación, pois o peso da industria na xeración das emisións é aínda máis acusado no concello da Coruña que no conxunto de Galicia. A industria é a orixe do 71% das emisións, debido fundamentalmente á achega de Alcoa e, sobre todo, de Repsol. Só unha redución das súas producións rebaixaría sustancialmente as emisións, algo que ninguén parece desexar.

A estratexia da Coruña inclúe 52 medidas de competencia municipal

A estratexia da Coruña dá cumprimento ao compromiso adquirido polo Concello ao asinar en 2012 o Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, promovido pola Comisión Europea. Santiago adheriuse a esta iniciativa en marzo deste ano, sendo o segundo concello galego que o fai.  Os novos asinantes deste pacto comprométense a reducir as emisións de CO2 en polo menos un 40% de aquí a 2030, en liña co obxectivo da UE, considerado pouco ambicioso por organizacións e redes como Climate Action Europe, que defende unha redución mínima do 55%, máis acorde coa urxencia do problema climático e coas posibilidade e responsabilidades europeas. 

Desinterese social, inacción política

A feble acción das institucións galegas no combate ao cambio climático semella, en parte, reflexo da escasa conciencia social. O cambio climático -e a máis ampla crise socioambiental global- segue a suscitar pouca preocupación entre a cidadanía galega e española. Non figura entre as prioridades sociais e resulta politicamente irrelevante, como se puxo de manifesto, sen irmos máis lonxe, na pasada campaña electoral.

O 15-M e a emerxencia de novas forzas políticas pouco mudou o panorama no que atinxe ao cambio climático. Unha proba diso tivémola esta mesma semana, a só dous días do inicio do período de sinatura do Acordo de París. A Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados aprobou, entre as críticas da Fundación Renovables, Greenpeace, e o Instituto Internacional de Dereito  e Medio Ambiente,  unha proposición non de lei pedindo unha bonificación fiscal para o carbón español, a cal contou co apoio do grupo Podemos-En Marea-En Comú Podem, agás o voto contrario de Josep Vendrell, secretario de ICV. Equo, non representado na devandita comisión, tamén se desmarcou do seu grupo neste asunto.

Máis referencias sobre este contido n'Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo e biodiversidade de Praza Pública

Unha activista ecoloxista en París, onde se acadou o acordo © Víctor Barro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.