62.000 euros en espadanas para aforrar un millón ao ano na autovía que ameaza o Eume hai dúas décadas

Espadanas (Typha spp) como as que a Xunta quere que 'capturen' a contaminación que producen os noiros da AG-64 ao seu paso por As Pontes CC-BY-SA Le.Loup.Gris

Tras anos de custosa loita activa contra a acidez nas augas que provoca un noiro da AG-64 nas Pontes, a Xunta impulsa agora unha solución "pasiva" coa construción dunha "zona húmida" artificial que neutralice os metais contaminantes

Hai dúas décadas a Xunta construíu a autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) cunha incompleta avaliación ambiental que impediu detectar a tempo que o terreo polo que pasaría ao sur das Pontes, ao quedar descuberto, faría moi ácidas as augas do río Eume e mataría os seus peixes. Desde aquela a Consellería de Infraestruturas vén acometendo na zona todo tipo de custosas actuacións para paliar o problema.

Agora quere pasar dos tratamentos "activos", cun "elevado custo económico" -actualmente un millón de euros ao ano-, a unha solución "pasiva". Para iso construirá unha "zona húmida" artificial pola que pasen as augas do noiro problemático e na que os seus metais contaminantes queden retidos ou neutralizados polas plantas acuáticas que alí se plantarán: espadanas (Typhas spp) por importe duns 62.000 euros.

Esquema das balsas coas que se queren neutralizar as augas ácidas orixinadas na AG-64 que ameazan o río Eume CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A Autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) foi impulsada pola Xunta de Manuel Fraga hai agora dúas décadas en dúas fases. Primeiro para conectar o porto ferrolán coa central térmica das Pontes e facilitar así a chegada de carbón en camións cando pechase a mina local. E despois para completar, con fondos autonómicos, a conexión por autovía do norte peninsular logo de que o Goberno de España decidise que a Autovía do Cantábrico (A-8) non chegaría a Ferrol senón que pasaría por Vilalba para rematar en Baamonde. 

A incompleta avaliación ambiental da autovía Ferrol-Vilalba realizada pola Xunta hai dúas décadas obriga desde aquela a constantes actuacións para evitar que o arrastre das terras con pirita que deixou ao aire mate a fauna do Eume

A avaliación ambiental da infraestrutura aprobada en 2000 limitouse a realizar as habituais esixencias, en materia de movementos de terras, de que estes non afectasen aos ríos e regatos da contorna e se mantivese a calidade das augas. Nada dicía aquel documento da composición das terras polas que pasaría a nova infraestrutura ao sur do núcleo urbano das Pontes, a carón do polígono empresarial dos Airíos, nin do nivel de pH das augas dos ríos lindeiros, cuestión que non foi analizada para decidir o trazado.

En 2008, cando as obras comezaron a avanzar das Pontes cara a Vilalba, o río Eume comezou a rexistrar unha eleva mortaldade de peixes. As análises da auga revelaron un pH demasiado ácido e acabouse detectando que as obras da autovía estaban a concentrarse nunha zona de terras ricas en piritas, un mineral que ao oxidarse e acabar arrastrado aos ríos e regatos próximos aumentaba a súa acidez e, a través deles, a do Eume.

Proxecto aprobado pola Xunta para as augas ácidas da AG-64 CC-BY-SA Praza Pública

Desde aquela aplicáronse todo tipo de medidas paliativas, desde botar cal aos ríos para contrarrestar a acidez ata impermeabilizar os noiros da autovía ou selar un vertedoiro de terras na zona dos Airíos, nas Pontes, actuación esta última que por si soa supuxo un custo de 2,5 millóns de euros. E tras as actuacións de emerxencia houbo que planificar un operativo constante de vixilancia e separación de augas o máximo posible ao longo de todo o treito afectado da autovía, mesmo con cunetas e canles diferenciadas para as augas de chuvia recollidas limpas na propia calzada das que atravesaban os noiros, máis ácidas. Un dispositivo que conta con silos de cal e balsas de decantación de lodos para tratar constantemente as augas de xeito activo. O último contrato de xestión dese sistema foi asinado hai dous anos cun custo de preto dun millón de euros ao ano.

Pero agora a Xunta considera que xa deu cun sistema mellor e vén de aprobar un proxecto de "minoración da xeración de efluentes ácidos na contorna do desmonte dos Airíos e o viaduto do Eume". O documento sinala que o sistema actual de tratamento activo das augas "está funcionando correctamente, sen embargo non se pode continuar co seu emprego de modo indefinido polo seu elevado custo económico, de maneira que se planea substituílo por un tratamento pasivo mediante balsas", entre elas unha que actuará como "zona húmida" para atrapar os metais de forma natural.

Espadanas (Typha spp) como as que a Xunta quere que 'capturen' a contaminación que producen os noiros da AG-64 ao seu paso por As Pontes CC-BY-SA Le.Loup.Gris

A Xunta aposta polo novo sistema de tratamento "pasivo" con vexetación que 'capture' os contaminantes polo "elevado custo económico" dos sistemas de tratamento "activo" empregados ata agora 

O proxecto agora aprobado inclúe varias obras de selado e impermeabilización de noiros con construción de gabias que elevan o custo da actuación a uns 1,6 millóns de euros. Entre eses traballos está a construción de catro balsas de 80 por 18 metros polas que irá circulando a auga decantándose os metais disoltos nela. Será a cuarta e última desas balsas a que actuará como "zona húmida aerobia".

Nela plantaranse espadanas (Tyhpas spp), que "liberan osíxeno polas súas raíces e rizomas formando un substrato osixenado propicio para que se desenvolvan bacterias que actúan de catalizadores na oxidación dos contaminantes". A estimación da Xunta é que precisará unhas dez plantas por metro cadrado, o que suporá un custo duns 62.000 euros. Un contía notablemente inferior ao que se leva gastado na contaminación da autovía desde a súa construción hai dúas décadas. 

Xustificación do novo proxecto para evitar a contaminación da AG-64 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.