Tras gabarse en xaneiro de levar "anos traballando" en dotar de contido a figura legal creada en 2001, agora a Xunta fai oficial no DOG os primeiros espazos
Hai case dous anos Praza.gal revelou unha resposta oficial da Xunta que admitía que “non hai ningunha zona húmida inscrita no Inventario de Humidais de Galicia”, rexistro previsto por lei en 2001. Case dúas décadas despois, e tras gabarse o PP o pasado xaneiro de que levaba “anos traballando no inventario”, este luns o Goberno galego fixo oficial no Diario Oficial de Galicia a inscrición nese inventario de zonas húmidas dos primeiros 400 espazos dese tipo, que á súa vez engloban 722 elementos distintos abarcando 43.000 hectáreas en toda Galicia.
Estar inscrito no Inventario de Zonas Húmidas é o paso previo para que un espazo dese tipo, que inclúe marismas, turbeiras ou calquera tipo de superficie cuberta de auga doce ou salgada, poida ser declarado Zona Húmida Protexida, figura legal de ámbito galego creada en 2001 e que só ostentan de xeito automático pola súa protección superior as cinco áreas de interese internacional contempladas no marco do Convenio de Ramsar: o complexo intermareal Umia-O Grove, Corrubedo, Valdoviño e as rías do Eo e de Ortigueira e Ladrido.
En xaneiro o PP salientou que o 65% das zonas húmidas xa estaban protexidas como Rede Natura, pero en 2004 a UE advertiu de que esa rede, aínda non ampliada, non protexía o suficiente as turbeiras das terras altas, entre outros hábitats
Cando en xaneiro o PP salientou que levaba anos traballando no inventario tamén indicou que “arredor do 65 por cento das zonas húmidas galegas están incluídas na Rede Natura 2000 como hábitat de interese comunitario” e nelas “non poderá realizarse plantacións de eucalipto, ao tempo que se consideran como áreas de exclusión á hora de planificar e autorizar novos aproveitamentos industriais de enerxía eólica”.
Os populares non dixeron nada do restante 35 por cento. E fronte a esa visión, a UE advertiu xa en 2004 que a Rede Natura galega non protexía suficientemente zonas húmidas como as turbeiras das terras altas, entre varios tipos de hábitats. En 2011 a Xunta presentou unha proposta de ampliación da Rede Natura na que incluíu diversos espazos con turbeiras, pero nunca rematou a súa tramitación.