Ecoloxistas en Acción lanza unha campaña para paliar a ausencia de protección das zonas húmidas por parte da Xunta

Brañas de Valadares © Ecoloxistas en Acción

As zonas húmidas son espazos de enorme valor ecolóxico, que acollen unha moi importante biodiversidade e, ademais emprestan unha gran cantidade de "servizos ecosistémicos" ás poboacións das súas contornas, desde subministración de auga doce, alimentos e biodiversidade, ata o control de crecidas, recarga de augas subterráneas e mitigación do cambio climático. Grandes ou pequenas, moitas destas brañas están expostas a numerosas agresións ambientais e riscos que afectan á súa supervivencia. É por iso que moitas requiren de figuras de protección, reclamadas por organismos e acordos internacionais e polos grupos ecoloxistas. 

Brañas do Torreiro, entre Culleredo e Cerceda © Ecoloxistas en Acción

O pasado ano a Xunta admitiu que aínda non protexera ningunha zona húmida coa figura legal galega que creou hai dúas décadas: o Inventario de Zonas Húmidas, paso previo para que un espazo dese tipo poida ser declarado Zona Húmida Protexida

Porén, en Galicia son moitos as zonas húmidas que carecen de figura de protección e, de feito, o pasado ano a Xunta admitiu que aínda non protexera ningunha zona húmida coa figura legal galega que creou hai anos: o Inventario de Zonas Húmidas, paso previo para que un espazo dese tipo poida ser declarado Zona Húmida Protexida. Esta figura legal de ámbito galego creada en 2001 só a ostentan de xeito automático pola súa protección superior as cinco áreas de interese internacional contempladas no marco do Convenio de Ramsar: o complexo intermareal Umia-O Grove, Corrubedo, Valdoviño e as rías do Eo e de Ortigueira e Ladrido. 

Outras zonas húmidas galegas poden estar amparadas por outras figuras que protexen outro tipo de valores naturais a nivel internacional como a Rede Natura, ou estatais como os parques nacionais, pero ningunha o está como tal Zona Húmida Protexida.

Por este motivo Ecoloxistas en Acción vén de lanzar a campaña 'Humidais para a Vida' que busca concienciar sobre a importancia das zonas humidas e as agresións ambientais que sofren. A campaña da organización ecoloxista consiste na avaliación e catalogación de diversas zonas humidas de cada provincia galega para solicitar a súa inclusión no Inventario de Humidais de Galicia como paso previo a unha declaración de zona protexida. A entidade lembra que no ano 2003 o IBADER elaborou un inventario con máis de 1.100 humidais galegos. Porén, dende a Xunta "non se tramitou a protección destes espazos".

Brañas do Monte Inxerio, en Ordes © Ecoloxistas en Acción

“É esencial garantir a conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos como os humidais, e proceder a restaurar as funcións ecolóxicas daqueles que foron degradados por plantíos forestais, agricultura intensiva, instalación de parques eólicos ou explotación de minas” 

Ecoloxistas en Acción alerta de que "a superficie e a calidade dos humidais seguen diminuíndo ano tras ano na maioría de rexións do mundo" e de que "en consecuencia, os servizos dos ecosistemas que os humidais proporcionan ás persoas atópanse en perigo". "A perda e degradación dos humidais tradúcese nun enorme impacto social e económico como, por exemplo, o aumento do risco de inundacións, diminución da calidade da auga, ademais de impactos sobre a saúde, a identidade cultural e os medios de subsistencia", sinalan..

“É esencial garantir a conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos como os humidais, e proceder a restaurar as funcións ecolóxicas e os servizos ecosistémicos daqueles que foron degradados polas accións antrópicas como plantíos forestais, agricultura intensiva, instalación de parques eólicos ou explotación de minas” sinala Roberto Vilela, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

A campaña desenvolverase en catro tempos, destacando en primeiro lugar as zonas húmidas "que necesitan urxentemente unha figura de protección" na provincia da Coruña

Como parte da súa campaña a organización está a realizar un inventario cun amplo número de zonas húmidas galegas que carecen de protección, unha avaliación previa á solicitude ao Goberno galego -acompañada do informe correspondente a cada espazo- para a súa inclusión no Inventario de Humidais de Galicia. A campaña desenvolverase informativamente en catro tempos, destacando en primeiro lugar as zonas húmidas "que necesitan urxentemente unha figura de protección" na provincia da Coruña, abranguendo brañas situadas en Ordes, A Laracha, Mazaricos, Culleredo, Cerceda, Santa Comba, Aranga, Curtis, Oza-Cesuras ou Coristanco.

Braña do Deo, entre Aranga, Curtis e Oza-Cesuras © Ecoloxistas en Acción

Espazos da provincia da Coruña para os que se reclama a súa inclusión no Inventario de Humidais de Galicia

Este primeiro informe abrangue brañas situadas en Ordes, A Laracha, Mazaricos, Culleredo, Cerceda, Santa Comba, Aranga, Curtis, Oza-Cesuras ou Coristanco

  • Brañas do Deo: Situadas na cunca do río Deo (afluente do Mandeo) ao sur da comarca de Betanzos, comprenden unha superficie de 3.385,20 ha dos concellos de Aranga, Curtis e Oza-Cesuras. Este espazo aséntase nunha ampla penichaira atravesada por numerosos cursos de auga tributarios do Deo.
  • Brañas de Valadares e Banzas: Preto da devesa de Augabril, e a carballeira e fervenza de Santa Leocadia atopamos as brañas de Valadares e Bañas. Nas súas veiras afloran exemplares de Lycopodiella inundata.
  • Brañas da Serra: Encádranse nas parroquias de San Pedro de Xallas de Castriz (Santa Comba) e San Miguel de Couso (Coristanco), e constitúen un dos brezais atlánticos húmidos máis grandes de Galicia.
  • Brañas do Monte Inxerio: Os terreos do Monte Inxerio están catalogados polo propio Concello de Ordes a efectos urbanísticos coma “chan rústico de protección das augas”, definido no art. 24 da Lei do chan de Galicia, pois existen neles ata cinco zonas húmidas.
  • Brañas da Calzada: Caracterízanse por unha significativa presenza de queirogais húmidos atlánticos con numerosos exemplares de Euphorbia uliginosa, Erica ciliaris e Erica tetralix.
  • Brañas do Espindro: A Serra de Montemaior (A Laracha) está configurada por tres elementos esenciais e a súa combinación: os montes cos seus cumios, os recursos hídricos e as brañas.
  • Brañas do Torreiro: Moi preto das Brañas do Espindro atopamos as Brañas do Torreiro, no límite entre as parroquias de Celas (Culleredo) e Meirama (Cerceda), en pleno Monte Xalo, no que atopamos numerosos bloques graníticos e que se converteu nun verdadeiro pulmón para a comarca da Coruña.
Brañas do Espindro, na Laracha © Ecoloxistas en Acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.