Os espazos naturais protexidos en Galicia: poucos e mal xestionados

A lagoa de Vixán, dentro do Parque Natural de Corrubedo © Turismo de Galicia

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) publica un informe moi crítico co estado dos espazos naturais e a biodiversidade no país, redactado tomando como referencia os obxectivos e metas para 2020 establecidos pola Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea. Galicia é a comunidade autónoma cunha menor superficie incluída na Rede Natura 2000 e nos existentes prodúcese un gran "descontrol" nos seus usos, denuncia a entidade.

Galicia é a comunidade autónoma cunha menor superficie incluída na Rede Natura 2000

Tan só un 11,2 % da superficie continental está protexida, cifra moi afastada do valor de referencia do 18% establecido no Convenio da Diversidade Biolóxica, máxime ao comprobar a exigua protección ambiental que posúen as augas mariñas de competencia autonómica, engade a SGHN, que lembra que en 2004 a UE considerou que a proposta de Rede Natura 2000 no territorio galego era "deficiente", indicando a necesidade de mellorala. Nese momento, a Xunta elaborou unha mínima proposta de ampliación, sometida a información pública hai xa cinco anos "e conxelada dende entón sen ningún tipo de xustificación legal ou técnica", di. "Numerosos enclaves propostos para a ampliación da Rede Natura foron destruídos e alteráronse importantes superficies de hábitats prioritarios, sen que o goberno autonómico adoptase ningunha medida para evitalo", critica a SGHN.

A crise económica foi empregada como "escusa" para reducir ou suprimir prazas de técnicos ambientais, mentres se conxelaban as prazas de gardas, axentes e persoal de apoio

A entidade denuncia tamén que a crise económica foi empregada como "escusa" para reducir ou suprimir prazas de técnicos ambientais, mentres se conxelaban as prazas de gardas, axentes e persoal de apoio. Os recortes levaron tamén a eliminar a figura de Director de Parque Natural, "polo que Galicia é a única Comunidade Autónoma onde a xestión ordinaria destes espazos naturais non recae sobre un director/a conservador/a", sinalaa. Critica, igualmente, que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural "carece dun proxecto crible para o apoio e fomento de actividades sustentables por parte das comunidades locais no ámbito dos espazos naturais" e lembra a ausencia "dunha normativa para o establecemento de marcas de calidade para os produtos e servizos que provén ás comunidades locais dos espazos naturais".

A SGHN critica así mesmo o "abandono" no que se atopan "a maioría dos escasos centros de interpretación"

A SGHN critica así mesmo o "abandono" no que se atopan "a maioría dos escasos centros de interpretación" existentes no espazos naturais, nos que se poden apreciar igualmente deficiencias na súa sinalética.

A entidade acusa a Xunta de graves incumprimentos da normativa relativa ao uso público dos espazos protexidos

A entidade acusa a Xunta, finalmente, de graves incumprimentos da normativa relativa ao uso público dos espazos protexidos, en referencia por exemplo aos actos organizados o pasado ano pola Consellaría de Medio Ambiente en Corrubedo. Pero tamén ao uso de megafonía en festivais, festas, concertos e outros eventos en Balarés (ZEC Costa da Morte), Meirás (ZEC Costa Ártabra), Pantin (ZEC Costa Ártabra) ou Bares (ZEC Estaca de Bares). Noutros casos a falta de medios de control e vixilancia están a propiciar "actuacións descontroladas"; é o caso do Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal de Vixán, onde o "pisoteo incontrolado" nas fins de semana está a poñer en risco a súa integridade. Unha situación que se estende a outros espazos protexidos no verán, con acampadas ilegais e a circulación e aparcadoiro de vehículos sobre os hábitats de interese comunitario. Ademais, a SGHN critica o mantemento do uso de munición con chumbo nos humidais galegos, "o que supón un grave e reiterado incumprimento da normativa estatal".

 

% de superficie incluída na Rede Natura 2000 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.