O PP gábase de levar "anos traballando" no Inventario de Zonas Húmidas, creado por lei en 2001 e aínda sen espazos inscritos

Cabalos salvaxes nunha zona húmida da Serra da Groba, coa ría de Vigo ao fondo © SOS Groba

Os populares prevén para febreiro “a inclusión dun primeiro conxunto de espazos” no rexistro, paso previo a que poidan ser declarados Zona Húmida Protexida

En 2001 creouse por lei en Galicia o Inventario de Zonas Húmidas, pero máis de dúas décadas despois aínda non hai ningún espazo inscrito nel, segundo revelou hai ano e medio Praza.gal. Iso non impediu que este venres o PP se gabase no Parlamento de Galicia, ante unha pregunta pola cuestión formulada polo PSdeG, de que “a Xunta leva anos traballando no inventario” e “ten previsto a súa presentación parcial no mes de febreiro”. 

Braña do Deo, entre Aranga, Curtis e Oza-Cesuras © Ecoloxistas en Acción

Estar inscrito no Inventario de Zonas Húmidas é o paso previo para que un espazo dese tipo, que inclúe marismas, turbeiras ou calquera tipo de superficie cuberta de auga doce ou salgada, poida ser declarado Zona Húmida Protexida, figura legal de ámbito galego creada en 2001 e que só ostentan de xeito automático pola súa protección superior as cinco áreas de interese internacional contempladas no marco do Convenio de Ramsar: o complexo intermareal Umia-O Grove, Corrubedo, Valdoviño e as rías do Eo e de Ortigueira e Ladrido. Hai ano e medio, en resposta a unha petición de transparencia, a propia Xunta admitiu que “non hai ningunha zona húmida inscrita no Inventario de Humidais de Galicia”.

Hai ano e medio Praza.gal revelou unha resposta oficial da Xunta admitindo que dúas décadas despois de crearse o inventario aínda non había "ningunha zona húmida" inscrita nel

Fronte a esa inacción admitida pola Xunta, agora o PP gábase de que o Goberno galego “leva traballando varios anos” no inventario “tendo previsto a inclusión parcial dun primeiro conxunto de espazos no inventario no vindeiro mes de febreiro”. Despois, engaden os populares, “iranse incorporando novas zonas húmidas a medida que se obteña información técnica e científica ao respecto e se elabore a cartografía correspondente”, para o que se está a traballar na obtención de información “que permita avaliar o estado de conservación” deses espazos.

Resposta hai ano e medio da Xunta a unha petición de información sobre o Inventario de Zonas Húmidas de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Os populares din agora que “a inclusión dun humidal no inventario lévase a cabo para os efectos estatísticos e de investigación, pero non implica a aplicación dun réxime de protección”. Porén, a inclusión no inventario é o paso previo a que eses espazos poidan declararse Zona Húmida Protexida, e a lei de 2001 establece que neles “poderanse limitar os aproveitamentos dos recursos naturais, prohibíndose en todo caso os incompatibles coas finalidades que xustificasen a súa declaración”.

O PP di que o 65% das zonas húmidas xa están protexidas como Rede Natura, pero en 2004 a UE advertiu de que esa rede, aínda non ampliada, non protexia o suficiente as turbeiras das terras altas, entre outros hábitats

O PP tamén salienta que “arredor do 65 por cento das zonas húmidas galegas están incluídas na Rede Natura 2000 como hábitat de interese comunitario” e nelas “non poderá realizarse plantacións de eucalipto, ao tempo que se consideran como áreas de exclusión á hora de planificar e autorizar novos aproveitamentos industriais de enerxía eólica”. Os populares non din nada do restante 35 por cento.

Pero fronte a esa visión, a UE advertiu xa en 2004 que a Rede Natura galega non protexía suficientemente zonas húmidas como as turbeiras das terras altas,  entre varios tipos de hábitats. En 2011 a Xunta presentou unha proposta de ampliación da Rede Natura na que incluíu diversos espazos con turbeiras, pero nunca rematou a súa tramitación.

Zonas húmidas na serra da Groba © SOS Groba

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.