O Ministerio para a Transición Ecolóxica actualiza o seu plan estratéxico de zonas húmidas, condicionado pola inacción da Xunta, que aínda non protexeu ningún espazo coa figura legal que creou hai vinte anos
O Ministerio para a Transición Ecolóxica anunciou este mércores, Día Mundial das Zonas Húmidas, que vén de rematar a actualización do plan estratéxico estatal de zonas húmidas, remitido ás comunidades autónomas para que formulen as súas alegacións. Á espera de que o documento sexa público, o ministerio avanzou que entre as súas prioridades estará a de iniciar ao longo da próxima década a recuperación da lagoa de Antela, na Limia.
Porén, a protección destes espazos está condicionada pola eiva de que o inventario estatal de zonas húmidas baséase na información que subministran as comunidades autónomas, e a Xunta aínda non inscribiu ningunha área no inventario de zonas húmidas de Galicia que creou hai dúas décadas.
Foi a propia ministra Teresa Ribera quen este mércores sinalou que o ministerio debe “iniciar antes de 2030 a restauración das principais zonas húmidas que se perderon no pasado recente e acadar neste período a recuperación de, cando menos, 20.000 hectáreas de zonas húmidas”. Unha actuación da que o ministerio puxo tres exemplos en todo o Estado, en Cádiz, Palencia e “a lagoa de Antela”, na Limia. Para iso, Transición Ecolóxica asegura que “se reforzará o financiamento nesta materia co obxectivo de que en 2025 se duplique o investimento público en conservación, protección e restauración das zonas húmidas”.
O ministerio tamén salientou este mércores entre as súas actuacións recentes “a inclusión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas na lista Ramsar que protexe as principais zonas húmidas de todo o planeta. Ese mesmo feito foi salientado tamén este mércores na súa propia celebración do día das zonas húmidas pola Xunta, que pola contra aínda non incluíu ningunha zona húmida no inventario galego que creou hai dúas décadas, segundo admitiu o pasado ano nunha resposta oficial revelada por Praza.gal.
Os inventarios das comunidades son a base sobre a que se elabora o Inventario Español de Zonas Húmidas, cuxo mapa oficial permite comprobar como Galicia é unha das comunidades que carece de ningún espazo identificado.
Na Limia a Xunta vén obviando o problema da contaminación das augas derivada das explotacións gandeiras alí existentes
A lei galega prevé que nas zonas húmidas protexidas “poderanse limitar os aproveitamentos dos recursos naturais, prohibíndose en todo caso os incompatibles coas finalidades que xustificasen a súa declaración”. Porén, na zona da lagoa de Antela e a Limia que agora o ministerio pon como exemplo a recuperar a Xunta vén obviando o problema da contaminación das augas derivada das explotacións gandeiras alí existentes. Nesa liña, hai uns días Praza.gal revelou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que deixa en evidencia a falta de estudos sobre a contaminación na zona por parte do Goberno galego, que pola contra segue autorizando novas granxas.