A lagoa de Antela reclama o seu lugar 60 anos despois

As chuvias fan 'revivir' á lagoa de Antela © Árbores da Limia

Unha das consecuencias que deixou a sucesión de borrascas que nas últimas semanas afectoaron a Galicia -e que tamén provocaron a morte dun home en Compostela e cortes de luz en 80.000 fogares- foi o renacemento  da lagoa de Antela, na Limia, 61 anos despois da súa desecación. Ao igual que sucedeu coas inundacións de lugares como As Brañas ou A Xunqueira, as augas volveron ocupar o lugar que durante séculos ocuparan, e así amplas zonas da comarca da Limia ficaron asulagadas. 

UU.AA. responsabilizou á Xunta da gravidade das inundacións, acusando a Medio Rural da falta de limpeza das canles de drenaxe da antiga lagoa

As consecuencias foron graves, con numerosas persoas que tiveron que ser auxiliadas polos bombeiros, ao quedar as súas casas totalmente anegadas e incomunicadas, impedíndolles mesmo saír das vivendas. Houbo estradas cortadas e Unións Agrarias mesmo deu por perdida a colleita de cereal de inverno, estimando unhas perdas totais de máis dun millón de euros. O sindicato responsabilizou á Xunta da gravidade das inundacións, acusando a Medio Rural da falta de limpeza das canles de drenaxe da antiga lagoa.

Porén, as imaxes de amplas zonas da chaira limiá cubertas polas augas (ao redor de 2.000 hectáreas) trouxeron de volta o recordo da vella Lagoa de Antela, xusto cando acaban de facer 60 anos do inicio dos traballos de desecacación, que comezaron o 8 de setembro de 1958, por impulso das autoridades franquistas. Uns anos máis tarde xa non quedaba nada da maior extensión de auga do interior de Galicia e o terceiro maior espazo lacustre de toda a Península, só despois de Doñana e da Albufeira de Valencia.

Fotografía aérea da Lagoa de Antela, publicada por X.L. Martínez Carneiro en 'Antela, a memoria asolagada' (Xerais) Dominio Público Praza Pública

O humidal ocupaba unas catro mil hectáreas de terreo na intersección dos actuais concellos de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus e Xinzo de Limia

O humidal ocupaba unas catro mil hectáreas de terreo (máis un espazo de enchente, en función das chuvias) na intersección dos actuais concellos de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus e Xinzo de Limia. A lagoa variaba a súa forma e dimensión, de forma estacional, chegando a medir sete por seis quilómetros no inverno, cunha profundidade que ía dende o medio metro ata os dous metros nalgunhas zonas.

Coa súa desaparición non se conseguiron boa parte dos obxectivos perseguidos, pois tivo efectos moi negativos sobre a a calidade dos solos, que ademais comezaron a sufrir dunha paradoxal ausencia de auga, e tivo que ser implementado un complexo sistema de rega. E, ademais, os efectos prexudiciais sobre o medio ambiente foron importantes e diversos, desaparecendo unha parte moi importante da rica diversidade animal e vexetal do humidal. 

"Era unha enorme masa de auga que axudaba a regular o clima da Limia: tiñamos veráns menos quentes e invernos menos duros", sinalaba o pasado ano en conversa con Praza.gal o historiador André Taboada Casteleiro, vicepresidente do Padroado do Museo da Limia, que conclúe que "a desfeita medioambiental non se veu compensada nunha mellora na produción agropecuaria".

O pasado ano, coincidindo co 60 aniversario do inicio das obras de desecación, organizáronse distintas actividades para lembrar á lagoa e aos propios traballos para facela desaparecer, organizando o Concello de Xinzo unha homenaxe aos traballadores que actuaron sobre o terreo para borrar a Antela dos mapas do futuro. Dende o Museo da Limia, que organizou pola súa banda unha xornada de debate sobre o presente e o futuro da lagoa, pedíase "impulsar unha reflexión colectiva sobre as consecuencias daquela decisión dos gobernantes franquistas", alertando de que "con respecto á lagoa houbo unha especie de amnesia colectiva, a idea de que o tema non se podía tocar".

"Con respecto á lagoa houbo unha especie de amnesia colectiva, a idea de que o tema non se podía tocar"

Semella que a mellor forma de traer á actualidade a propia lagoa e as reflexións e debates sobre a súa historia foi a propia recuperación temporal da mesa. A natureza reclamou o que era dela e, por uns días, a lagoa de Antela volveu existir, máis aló das violentas marxes que a aprisionan.

Con todo, a Limia si que conta de forma permanente con zonas húmidas nas que a Lagoa de Antela sobrevive dalgún xeito. Zonas, ademais, que nos últimos anos están a experimentar un crecemento grazas ao traballo activo de entidades coma a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). A entidade leva case unha década loitando para recuperar as zonas húmidas na comarca, desaparecidas coa Lagoa da Antela e que hoxe en día teñen continuidade en lugares como na Poza dos arieiros, a veiga de Vilaseca, o humidal Antonio Villarino ou a Veiga de Gomareite.

Traballos de desecación da Lagoa de Antela © Museo da Limia

A SGHN aposta pola recuperación das veigas e chairas de asulagamento que desapareceron (e que reaparecen en cada tempada de chuvias)

Así, a SGHN aposta pola recuperación das veigas e chairas de asulagamento que desapareceron (e que reaparecen en cada tempada de chuvias) así como das sebes arboradas e a actividade de pastoreo. Especialmente importante é o traballo desenvolvido na Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio), unha antiga veiga asolagada polas augas da Lagoa de Antela e que nas últimas décadas ficara convertida nun vertedoiro de lixo e entulleira. Agora en parte desa veiga estase a desenvolver un proxecto de gandaría en extensivo e inténtase a recuperación da flora e fauna preexistente.

Delmar Blasco, secretario xeral da Convención de Ramsar entre 1994 e 2001, afirmou hai anos que "só falta que alguén con capacidade de liderado e aglutinación de vontades lance o proceso que devolva a Galicia e aos galegos, aínda que sexa en parte, os valores e funcións que se perderon cando se desecou a lagoa de Antela".

A lagoa de Antela, pouco antes da súa desecación © Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.