A conselleira de Medio Ambiente ofrécese a capturar lobos e envialos a outras comunidades que os "queiran"

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, este xoves no espazo da iniciativa Van polo Clima instalado no festival PortAmérica © Xunta

Vázquez referiuse á "visión nacional" de conxunto realizada polo Ministerio na súa valoración sobre a situación do lobo. “Igual que hai outras especies en Andalucía ou en Castela-A Mancha que non hai en Galicia, aquí temos o lobo. E se queren implantalo noutras comunidades, nós brindámonos a facer capturas”, dixo

A Xunta mantén o lobo no punto de mira das súas políticas e das súas intervencións públicas. Este venres a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ironizou en declaracións aos medios coa posibilidade de "capturar" lobos en Galicia para envialos a outras comunidades autónomas que os "queiran". 

Fíxoo en referencia á presentación das cifras do censo do lobo a nivel estatal por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que cifra en 333 o número de mandas (entre 1600 e 1700 exemplares), cun aumento do 12% no último sexenio e unha valoración aínda "desfavorable" atendendo á situación global de todo o territorio español.

Vázquez referiuse á "visión nacional" de conxunto realizada polo Ministerio na súa valoración, coa que afirmou concordar, iniciando a súa intervención en clave irónica, para a continuación sinalar que “igual que hai outro tipo de especies en Andalucía ou en Castela-A Mancha que non hai en Galicia, aquí temos o lobo. E se queren implantalo noutras comunidades autónomas, nós brindámonos a facer capturas” co obxectivo de chegar a un "reparto equitativo".

Programa de seguimento da Xunta da poboación do lobo ibérico en Galicia CC-BY-SA Consellería de Medio Rural / Xunta

Preguntada a conselleira de Medio Ambiente se a súa intervención signficaba que o Goberno galego se quere "desfacer" da especie, Vázquez respondeu que “non me quero desfacer deles, o que pasa é que se seguimos así, ímonos desfacer dos gandeiros e doutras especies, como poden ser os cervos, as lebres, o cabalo galego ou as chachenas”. O lobo é, ademais, o principal depredador do xabarín.

O TSXG admitiu o recurso presentado por Ecoloxistas en Acción e o Fondo para a Protección do Lobo Ibérico  contra a inclusión do lobo como especie cinexética decidida polo Goberno galego., que abre a porta á posibilidade de cazar lobos para "xestionar" a especie

Precisamente esta semana Ecoloxistas en Acción e o Fondo para a Protección do Lobo Ibérico informaron de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitira o recurso contencioso-administrativo presentado polas dúas entidades contra a inclusión do lobo como especie cinexética decidida polo Goberno galego. 

A resolución da Xunta abre a porta á posibilidade de cazar lobos para "xestionar" a especie. Porén, xa a comezos do mes de xuño o TSXG paralizou cautelarmente a decisión do Executivo galego, atendendo a unha petición de WWF-Adena e ao "principio de precaución ambiental", pois a resolución podería afectar á viabilidade das poboacións desa especie protexida. 

Distribución do lobo en España (2019-24) © Ministerio para a Transición Ecolóxica

O recurso presentado por Ecoloxistas en Acción e o Fondo para a Protección do Lobo Ibérico defende que a resolución da Xunta atenta contra a normativa comunitaria e estatal, xa que a poboación de lobos no conxunto de España se atopa nun estado de conservación desfavorable

A Xunta, pola súa banda, reaccionou "lamentando" non poder "adoptar medidas de control da poboación do lobo de forma inmediata" e retorcendo as estatísticas para defender que o número de mandas está a medrar de forma importante nos últimos anos en Galicia, afirmando que "aumentou de 84 en 2014 a 93 nas últimas estimacións". En realidade as propias cifras da Xunta revelan que a cifra pasou de 90 a 92 mandas nos últimos anos.

O recurso presentado por Ecoloxistas en Acción e o Fondo para a Protección do Lobo Ibérico defende que a resolución da Xunta atenta contra a normativa comunitaria e estatal, xa que a poboación de lobos no conxunto de España se atopa nun estado de conservación desfavorable. Segundo a normativa comunitaria, cando a especie atópase en estado desfavorable non se poden aplicar medidas letais, tales como a declaración de especie cinexética.

Exemplares de lobo ibérico CC-BY-SA Juan José González Vega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.