"O lobo é un símbolo polisémico, cargado de contos e mitoloxías, e esa forza serve para crear unha outredade á que culpar"

Fotograma de 'Salvaxe, salvaxe', de Emilio Fonseca © Walkie Talkie Films

"Fixemos a película como unha chamada a despertar os sentidos e a reflexionar sobre que hai moitos modos de ver por todos lados", di Emilio Fonseca

Salvaxe, salvaxe é un filme documental con vocación experimental que busca achegar o espectador á vida animal salvaxe coa que convivimos, a pesar de que cada vez sexamos menos conscientes. Pérdese a comprensión desas vidas salvaxes e, a causa diso, os falsos mitos e a desinformación ábrense camiño.

O guionista, director, debuxante, animador, docente en ámbitos da imaxe e fundador da produtora Walkie Talkie Films Emilio Fonseca (Ourense, 1978) asina a súa primeira longametraxe cinematográfica, recoñecida en festivais como o de Málaga, onde recibiu a biznaga de prata ao mellor documental e o Play-Doc de Tui, que o premiou como mellor documental galego.

“Fixemos a película como unha chamada a despertar os sentidos e a reflexionar sobre que hai moitos modos de ver por todos lados”, conta o director, que a pesar de colocar o lobo na centralidade do filme, non quixo facer “un documental máis” que se achega aos lobos, e apostou por “falar da vida salvaxe que temos ao noso carón”.

Emilio Fonseca © cedida

Este ensaio fílmico é un anti-documental de natureza, pois Emilio Fonseca acompaña a investigadoras de Galicia e Portugal nas súas prospeccións sobre o lobo e coloca ao espectador como un máis do grupo científico. “Chama a atención a dobre necesidade de esconderse. Por un lado hai que esconderse dos animais para non influírlles e non asustalos, e por outro hai que esconderse dos demais humanos para que non empreguen esa información que ti estás recompilando na contra dos animais”, critica o director de Salvaxe, salvaxe.

"Por un lado hai que esconderse dos animais para non influírlles e non asustalos, e por outro hai que esconderse dos demais humanos para que non empreguen esa información na contra dos animais"

Tras o seu paso por festivais, o filme está aberto á proxección en cineclubs, asociacións ou concellos que queiran visionalo e manter un coloquio posterior. Conforme avanza a película, o espectador vai aprendendo a mirar. Familiarízase co que ve, o que implica que comece a ver máis cousas nun mesmo plano. A imaxe, en boa parte de cámaras nocturnas, ten unha forte ambición estética e o son conta cun tratamento especial que potencia a sensación de estar realmente no monte xunto aos animais

A maioría das cámaras escondidas nos montes foron colocadas por investigadoras tras estudar as dinámicas dos animais neses espazos. “Todas as científicas cos que traballei, en maior ou menor medida, están continuamente mirando cara aos lados, aparcando o coche o máis agochado posible, accedendo por rutas distintas e non sempre pola mesma estrada porque a persecución é moita”, conta Fonseca, que no propio documental deixa constancia dos lobos filmados que apareceron mortos días despois.

Emilio Fonseca realizou as primeiras gravacións no outono de 2015, naquela altura a estrutura da película non tiña nada que ver co filme que é hoxe. Pensaba nun documental de entrevistas cun formato máis clásico, do estilo doutro que presentou no ano 2012 sobre as causas dos incendios forestais, Queimar o monte, que se baseou principalmente en entrevistas.

“O que pasa é que, con todos os contos que había arredor do lobo, decateime de que non podía facer o mesmo. Se montaba un documental con entrevistas a investigadores e ‘paisanos’ ía poñer opinión contra opinión, alguén dicindo que a Terra e redonda fronte a outro que di que é plana. Non podía ser. A colaboración cos científicos portugueses cambioume o obxectivo, tamén cando entra Xiana do Teixeiro como produtora puidemos obter financiamento do ICAA pola parte experimental e xa virou todo cara a aí. Lanzámonos á procura de novas formas”, lembra o ourensán.

"A figura do lobo utilízase como instrumento ideolóxico e polarizador, sobre todo desde a dereita e a extrema dereita, desde hai moito tempo"

“Facendo este proxecto decatámonos de que a figura do lobo se utiliza como instrumento ideolóxico e polarizador, sobre todo desde a dereita e a extrema dereita, desde hai moito tempo, e ultimamente con máis forza, para favorecer unha polarización entre un presunto mundo urbano e un presunto mundo rural para protexer a un sector como os gandeiros máis desfavorecidos. E isto non está baseado en datos, empregan esa parte do conflito que existe, magnifícano e usan o lobo, que é un símbolo moi poderoso, moi antigo, e ten un gran poder simbólico en toda Europa occidental”, debulla.

“Na nosa cultura o lobo é un símbolo polisémico, cargado de contos e mitoloxías, e toda esa forza serve para crear unha outredade á que botar as culpas. Xogan co medo, a desprotección deses gandeiros que se atopan nunha situación máis fráxil, como son os da gandaría extensiva; pero é unha utilización completamente ideolóxica e non sustentada nos números. Realmente tampouco parece que se trate de mellorar as cifras, a situación deses gandeiros máis desfavorecidos, que se pode facer e hai que métodos sistémicos a nivel estatal, porque o lobo non é un grande problema económico como se intenta trasladar, na miña opinión”, engade o director de Salvaxe, salvaxe.

É por isto que os últimos cambios lexislativos que lle restan protección aos lobos evidencian para Fonseca que aos lexisladores “non lles importan os animais nin queren entender a súa vida”. Ao longo dos case oito anos que dedicou a este filme houbo varios cambios lexislativos, cando comezaron non parecía probable lograr a protección do lobo, como ocorre en Portugal desde hai moito. Mais esta última modificación é para o documentalista “indecente e surrealista” polo feito de empregar unha lei contra o desperdicio alimentario para desprotexer aos lobos, que ademais aínda que cheguen a matar, “non producen residuos”.

Unha loba que mira cara a unha das cámaras escondidas nos montes da provincia de Pontevedra © Pablo Sierra/Walkie Talkie Films

A utilización da mística e as lendas sobre lobos como alimento para as loiadas arredor desta especie animal segue á orde do día. Na película aparecen exemplos de historias que se contan sobre se agora todos son lobos de laboratorio ou que alguén os lanzou desde un avión para que estean nun lugar concreto. Pero é que tras a estrea, compartindo fragmentos do filme nas redes sociais, varios deses contos sen fundamento apareceron nos comentarios.

"Reivindicamos que o salvaxe tamén é familia, coidado e aprendizaxe cultural"

Para Emilio Fonseca o debate sobre as limitacións da vida salvaxe redundan no debate sobre a propiedade privada e o sistema capitalista actual. “Temos que pensar que en Galicia practicamente todo o monte privado, e é o lugar onde se desenvolve a vida: uns metros máis arriba no aire e uns metros máis abaixo na terra. Toda esa superficie que ocupa a vida, e que fai posible a nosa vida neste planeta, non pode quedar ao ditame dos propietarios privados, hai que poñerlle limitacións. Temos a obriga de protexer esa vida”, advirte.

“Nesta película reivindicamos que o salvaxe tamén é familia, coidado e aprendizaxe cultural. Entender isto lévanos a unha comprensión diferente do mundo”, asegura Fonseca.

Imaxe nocturna dunha loba cun parque eólico ao fondo © Santi/Walkie Talkie Films

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.