A conselleira de Medio Abiente celebra unha nova reunión con cazadores, que lle trasladan peticións para "garantir o futuro e o relevo xeracional do colectivo"
Hai dous anos a Consellería de Medio Ambiente publicitou o último censo realizado sobre a poboación de lobo en Galicia asegurando que reflectía unha "evolución positiva da especie" coa súa estimación de 93 mandas reprodutoras no país. Porén, o documento técnico non dicía iso senón que as poboacións de lobo "mantéñense estables", xa que desde o anterior censo, de 2013/2015, pasárase de 90 a 92 ou 93 mandas e reducírase a presenza do 94% ao 91% do territorio.
Desde antes mesmo de contar cos datos actualizados do novo censo a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, vén defendendo que se poidan cazar lobos e opoñéndose á decisión do Goberno de España de aumentar a súa protección. E este luns incidiu nesa mesma postura nunha reunión con representantes da Federación Galega de Caza malia admitir agora que o censo di que a poboación de lobos "se mantén estable". Medio Ambiente xa non salienta que a evolución da especie en Galicia é "positiva" senón que di que "non é desfavorable".
A reunión deste luns foi unha máis das moitas que Vázquez vén mantendo e publicitando desde que está no cargo con colectivos de cazadores. Só un día antes divulgara outro encontro coa asociación de tecores ou terreos cinexéticos. Segundo a Xunta, a conselleira comprometeuse a analizar as demandas do colectivo para "garantir o futuro e o relevo xeracional".
En Galicia vénse rexistrando un progresivo devalo do número de licenzas de caza malia que a Xunta as renova de xeito automático e de balde para as persoas maiores de 65 anos. Porén, de xeito inverso vénse rexistrando un aumento progresivo do número de exemplares cazados de todo tipo de especies.
Segundo os datos oficiais da Xunta que ela non fai públicos senón que se coñecen a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, na última década pasouse de 46.000 a 35.000 licenzas de caza pero fronte aos 140.000 animais abatidos hai unha década na última tempada con datos oficiais, a 2022-23, foron 221.000.