A vicepresidenta e conselleira de Medio Ambiente repite unha imaxe xa habitual antes de cada convocatoria electoral, a de reunirse con cazadores para defender a súa actividade e darlles cartos
Como xa vén sendo habitual nas últimas convocatorias electorais de todo tipo este mércores a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, significada desde hai anos por unha axenda política aliñada cos intereses electorais do PP, reuniuse co sector da caza para darlle máis cartos e amosar o apoio do Goberno galego a esa actividade. Desta volta foron 30.000 euros conveniados coa Federación Galega de Caza para divulgar "os valores ambientais asociados á actividade cinexética", unha cifra que supón un 20% máis que o acordo similar que se viña asinando nos últimos anos.
O Goberno galego e o PP veñen amosando desde hai anos o seu apoio ao sector da caza, especialmente en períodos previos a eleccións. Antes das galegas de 2020, durante a pandemia da COVID-19, Ángeles Vázquez tivo varias reunións co sector por un ou outro motivo nas que ademais de publicitar os cartos que o Goberno galego vén destinando ao mesmo incidiu no seu "fomento" da actividade.
O pasado ano, antes das eleccións xerais do 23 de xullo, o encontro da conselleira co sector produciuse o 8 de xullo, coa súa asistencia a un campionato de caza, onde salientou "o obxectivo común de fomentar a práctica cinexética". Seis días despois, o 14 de xullo, a menos de dez días dos comicios, eran cargos do PP os que se reunían con representantes da Federación Galega de Caza para lembrarlles que a Xunta os financiara con "unha achega de 200.000 euros no período 2016-2023".
A dez días das xerais do 23 de xullo o PP lembraba á Federación Galega de Caza que a vén financiando con "200.000 euros no período 2016-2023", aos que agora se engaden estes novos 30.000 euros comprometidos meses antes do habitual en anos previos
E agora esa contía vén de aumentar co novo convenio asinado este mércores. A propia Xunta sinala que o acordo é o que se vén renovando anualmente para "potenciación, difusión e mellora da actividade cinexética". Pero se en anos anteriores a súa contía viña sendo de 25.000 euros, "este ano contará cun orzamento de 30.000 euros", segundo salienta Medio Ambiente, o que supón un 20% máis.
Un convenio que ademais é asinado a tres semanas das eleccións e cun adianto de varios meses a respecto do que viña sendo habitual en anos anteriores, de xeito que en 2023, 2022 e 2020 fora en abril, en 2021 en xullo ou en 2019 en xuño. Ademais destes convenios de Medio Ambiente, a Federación Galega de Caza tamén vén asinando acordos anuais co departamento con competencias en Deporte.
Esta aposta da Xunta pola caza e do PP polo voto dos cazadores reitéranse tras anos de apoio do Goberno galego á caza do lobo e de discursos dos populares contra o ecoloxismo para tentar reter votos no rural, uns discursos aliñados coa dereita europea e o seu rexeitamento ás medidas para atallar o cambio climático.