Nos últimos tempos, o Goberno galego do PP vénse sumando aos discursos da dereita europea contra as medidas para atallar o cambio climático. Especialmente dende o inicio do actual ciclo electoral, con discursos abertamente contrarios ás medidas de protección ambiental impulsadas dende a Unión Europea e contra os movementos ecoloxistas aínda que iso implicase contradicir documentación oficial da Xunta que, por exemplo, advertía dos riscos dun "modelo actual de agrogandaría pouco sostible".
O PP galego vénse sumando nos últimos tempos aos discursos da dereita europea conta as medidas para atallar o cambio climático e o ecoloxismo mentres Vox gaña peso entre sectores coma os cazadores
Nestas posicións políticas veu tendo especial protagonismo a conselleira de Medio Ambiente. Quen dende o pasado xuño é tamén vicepresidenta segunda do Goberno galego representa dende hai tempo algunhas das posicións máis á dereita do Executivo galego en ámbitos como a axitación do medo á ocupación de vivendas ou á defensa da caza, sector no que o partido de extrema dereita Vox logrou gañar múltiplas adhesións. Do seu departamento dependen, por exemplo, o financiamento recorrente da Federación Galega de Caza a través de sucesivos convenios.
A lembranza de parte desas achegas, precisamente, foi unha das claves da reunión electoral mantida este venres entre candidatos do PP galego ás eleccións xerais e representantes da Federación de Caza encabezados polo seu presidente, Luis Eusebio Fidalgo. José Manuel Barreiro, candidato ao Senado por Lugo e José Crespo, alcalde de Lalín e aspirante á Cámara Alta por Pontevedra, consideraron nese encontro que "cómpre lembrar" que a Consellería de Medio Ambiente "ten establecida unha liña de colaboración" coa Federación que, "a través de convenios anuais", sumou "unha achega de 200.000 euros no período 2016-2023".
As achegas da Xunta á Federación de Caza mediante convenios roldan os 1,5 millóns de euros dende principios de século
Efectivamente, esa é a suma das achegas de Medio Ambiente á Federación de Caza nos últimos anos, pero non o único financiamento que a entidade recibe do Goberno galego. Segundo consta no Rexistro de Convenios da Xunta, nese mesmo período cómpre sumar outros 212.830 euros procedentes de convenios coa Secretaría Xeral para o Deporte, que entre 2009 e 2015 xa financiara a entidade cinexética con case 222.000 euros máis. En 2009 e 2010, ademais, a Consellería de Medio Rural rubricara convenios coa Federación de Caza que sumaron 155.000 euros.
Durante o mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, sempre segundo o devandito rexistro público, a Xunta financiou a Federación de Caza con 254.500 euros, a maioría procedentes da Consellería de Medio Ambiente, que encabezaba Pachi Vázquez. Antes, aínda co PP de Fraga, entre 2001 e 2003 obtiveran 416.528 euros, todos eles a través tamén de Medio Ambiente.
As achegas de 2003, que sumaron algo máis de 86.000 euros, asináronse cando xa era conselleiro de Medio Ambiente o propio José Manuel Barreiro. En total, os convenios da Xunta coa Federación Galega de Caza no que vai de século suman, segundo esta base de datos oficial, 1,5 millóns de euros.
Promesa de poderen matar lobos
Barreiro e Crespo prometen aos cazadores reverter a protección do lobo se Feijóo goberna en España
Ademais de gabárense do financiamento público fornecido pola Xunta, os candidatos populares tamén evidenciaron, din, o seu "apoio" á caza "polos seus beneficios ambientais". Neste sentido, prométenlles que se Alberto Núñez Feijóo goberna en España o PP va "permitir o control do lobo" para "garantir a súa coexistencia coa gandaría". Isto implicaría reverter a protección desta especie aprobada na actual lexislatura estatal e contra a que a Xunta litigou sen éxito.
Barreiro e Crespo encadran o seu encontro cos cazadores na que, din, é a "prioridade" do PP cara ao 23X: "atender as necesidades da Galicia rural" que, di, está "representada" na Federación Galega de Caza. Neste sentido, o PP tamén se laia de que "a perda de cazadores" sexa "unha tendencia que se mantén".