O Goberno galego súmase aos discursos da dereita europea contra as medidas para atallar o cambio climático

Un incendio o pasado verán en Verín © Brif Laza

O PPdeG augura a morte do rural por restricións ambientais de Bruxelas e defende a ocupación do litoral ou industrias contaminantes, nalgúns casos cun dobre discurso que evidencia oportunismo electoralista

Durante a pasada campaña das municipais o propio PP divulgou un vídeo dun acto electoral no que o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, culpou as restricións ambientais ditadas por Bruxelas ou a protección de espazos da Rede Natura como responsables das dificultades económicas de gandeiros e agricultores e dos incendios e, de xeito derivado, da morte do rural. 

O BNG vén de pedir que o conselleiro dea explicacións no Parlamento por unhas "declaracións" que cualifica de "trumpistas" e "negacionismo da crise climática", e o PSdeG mesmo preguntou á Comisión Europea pola súa valoración das mesmas. Pero non eran unhas simples declaracións puntuais ou sacadas de contexto senón que González Vázquez incidía na liña na que xa se pronunciara hai uns meses outro responsable da súa consellería. Ao igual que nos últimos anos outros altos cargos da Xunta, incluídos os propios presidentes Feijóo e Rueda, veñen defendendo medidas como manter a ocupación do litoral ou a continuidade de industrias contaminantes. Súmanse así a unha corrente de discursos da dereita europea que poñen determinados intereses económicos ou electorais por diante das medidas de loita contra o cambio climático que impulsa a Unión Europea que din defender.

No caso do Goberno galego, en ocasións as declaracións contrastan co que din os seus propios documentos oficiais, evidenciando así un dobre discurso con obxectivos electoralistas. Un oportunismo que critican, por exemplo, os eurodeputados de PSdeG e BNG Nicolás González Casares e Ana Miranda, que coinciden en enmarcar o comportamento en Galicia cunha vaga xeral europea.

A protección ambiental no rural

Ao tempo que atribúe á Comisión Europea a morte do rural polas súas restricións ambientais, a Xunta advirte en documentos oficiais do "modelo de agrogandaría pouco sostible, con alto impacto no medio ambiente"

As anteditas intervencións do conselleiro e o alto cargo de Medio Rural dirixidas ao sector en contextos electoralistas puñan o foco en que “os requirimentos medioambientais están facendo que Europa se dispare un tiro ao pé” con “tantas trabas aos nosos agricultores e gandeiros que imos acabar coa agricultura e gandería en Galicia, en España e en Europa”. “Europa está cavando a súa propia tumba” ao “revestir todo de ecoloxismo desde un despacho”, o que está “acabando coa produción e levando ao abandono ao medio rural”, din os responsables do Goberno galego, que á súa vez ligan esa situación co aumento dos incendios, nun discurso que evita mencionar o cambio climático.

Fragmento do Plan Estratéxico 2030 da Xunta no que sinala o modelo agrogandeiro pouco sostible como unha debilidade CC-BY-SA Praza Pública

Porén, nos documentos oficiais a propia Xunta di outra cousa. No seu Plan Estratéxico para a Galicia da próxima década o Goberno galego advirte do “modelo actual de agricultura e gandaría pouco sostible, con alto impacto no medio ambiente”, e di apostar por “reducir” os “usos inadecuados de fertilizantes e fitoquímicos” e a erosión “en zonas explotadas con modelos intensivos”.

A protección da costa

No litoral, a Comisión lembrou ao PP que as concesións costeiras non son ilimitadas, e no eido da contaminación Feijóo defendeu a continuidade das centrais térmicas pero cando pecharon atribuíuse o descenso na emisión de gases

Fronte ás advertencias científicas, asumidas polas políticas da UE, sobre o aumento do nivel do mar e a regresión costeira, a Xunta vén apostando por manter a ocupación privada de terreos no litoral, con sucesivas iniciativas como a súa defensa da continuidade de Ence ou outras industrias e mesmo coa implantación de novos usos. Por exemplo, na nova lei do litoral coa que quere asumir competencias do Estado nese eido aposta por unha rede de hoteis na costa que mesmo presenta como “esencial para o desenvolvemento sustentable”. 

Neste mesmo eido da ocupación privada de terreos do litoral o PPdeG, abertamente defensor da continuidade de Ence en terreos gañados ao mar da ría de Pontevedra, chegou a preguntar á Comisión Europea, a través do eurodeputado pontevedrés Francisco Millán Mon, se retirar ese tipo de instalacións non suporía “unha expropiación encuberta”. Na súa resposta a Comisión lembroulle que en “terreos públicos” do litoral “no caso de que o número de autorizacións dispoñibles para unha actividade dada estea limitado debido á escaseza de recursos naturais ou de capacidades técnicas, debe adoptarse un procedemento de selección entre varios candidatos”.

Vista do complexo industrial de ENCE á beira da ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

A contaminación

Como con Ence, o PPdeG e a Xunta tamén defenderon nos últimos anos a continuidade de industrias contaminantes como a central térmica das Pontes, unha defensa que nese caso se prolongou no tempo mesmo cando a propietaria da instalación, Enel-Endesa, xa decidira o seu peche. Esa central, xunto coa de Meirama, foron durante anos os principais focos de emisión en Galicia de gases contaminantes, que a UE quere reducir. Pero Feijóo non tivo problema en defender a súa continuidade como baza electoral e, unha vez apagadas, atribuírse o descenso de emisións de gases en Galicia.

Unha pantasma recorre Europa: negacionismo, electoralismo ou loita na dereita?

Esta estratexia de defender medidas contrarias á loita contra o cambio climático mesmo enfrontándose directamente coas políticas impulsadas por Bruxelas non é exclusiva do PP galego senón que se vén evidenciando en discursos da dereita noutras comunidades ou a nivel europeo

En Andalucía, ao tempo que Bruxelas vén advertindo da necesidade de preservar os acuíferos -ten aberto un procedemento de infracción contra España que tamén afecta a Galicia pola contaminación dos mesmos con nitratos procedentes da agrogandeiría-, o popular Juan Manuel Moreno Bonilla defende, apoiado por Vox, extraer de Doñana aínda máis auga para regadíos. Unha iniciativa que está a supoñer un enfrontamento directo e aberto coa Comisión Europea. E en Madrid a tamén popular Isabel Díaz Ayuso teima para que a UE non fixe uns límites tan altos á contaminación nas cidades formando lobby coa extrema dereita europea.

Os eurodeputados de PSdeG e BNG coinciden en criticar o electoralismo do PPdeG nun eido ambiental no que "non fixeron nada en tres décadas"

Desde Bruxelas opinan sobre a cuestión os eurodeputados galegos do PSdeG e o BNG, Nicolás González Casares e Ana Miranda, que coinciden en criticar o electoralismo do PPdeG nun eido ambiental no que "non fixeron nada en tres décadas".

González Casares, centrado no Parlamento Europeo en cuestións relacionadas coa transición enerxética, vén de formular unha pregunta á Comisión Europea sobre as declaracións do conselleiro de Medio Rural. Considera “moi graves esas posicións do PPdeG que son case negacionistas” pero que no fondo ve “electoralistas” por “usar de xeito oportunista as políticas europeas para xustificar o seu fracaso de xestión durante décadas”. O socialista considera que problemas de Galicia como a despoboación ou os incendios non son culpa das políticas europeas senón que “veñen dados pola falta de políticas do PP durante 30 anos”. “Se hai incendios é pola política forestal da Xunta, non foi Europa quen mandou plantar eucaliptos sen planificar os usos forestais, e se arde o Courel é pola Xunta, por incumprir as esixencias da Rede Natura”, di González Casares.

O socialista tamén pon o foco en que o PPdeG se suma ás críticas a determinadas políticas europeas “pero por outro lado non renuncian a recibir os cartos que a UE pon para a transición ecolóxica”. Pero son uns cartos, di González Casares, que ao seu ver non se están empregando para mellorar o modelo económico galego. “Onde está a primeira planta de biogás que aproveite os residuos agrogandeiros? Cal é o modelo eólico da Xunta, o Plan Eólico de hai 30 anos?”, critica.

Nicolás González Casares e Ana Miranda, eurodeputados do PSdeG e o BNG CC-BY-SA Praza Pública

Na mesma liña pronúnciase Ana Miranda, quen ve “utilitarismo electoral” nos discursos do PPdeG, unha “manobra política para non asumir o que deberan ter feito”. E pregúntase “que fixeron” sucesivos gobernos populares para mellorar o saneamento das rías galegas, ampliar a protección da Rede Natura como reclama a UE, mellorar a xestión dos residuos en Sogama ou evitar a contaminación de acuíferos por nitratos nas zonas agrícolas. “Bruxelas leva anos advertindo da contaminación por xurros e a Xunta mira para outro lado”, di. 

“É moi fácil botarlle a culpa a Bruxelas, sabendo que Bruxelas a veces equivócase, como nós dicimos, pero hai obrigas que tiñan que ser cumpridas hai anos, non te podes amparar en Bruxelas cando non cumpriches a legalidade”, incide Ana Miranda. “Antes de falar, prepara a lección, e aquí houbo un suspenso”, di a nacionalista.

Sede da Comisión Europea en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

 "Hai unha guerra do presidente do PP europeo, Manfred Weber, contra a presidenta da Comisión, Von der Leyen, pero como non poden atacar o seu plan de recuperación, atacan a súa senda verde"

E todo isto é exclusivo do PPdeG? González Casares e Miranda coinciden en contextualizar a postura da dereita galega nunha vaga xeral da dereita europea. “Hai movementos de certos sectores do Partido Popular Europeo para atacar á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen”, da mesma formación. “Hai unha guerra do presidente do partido, Manfred Weber, contra Von der Leyen, pero como non poden atacar o seu plan de recuperación, atacan a súa senda verde”, di. Unha situación á que segundo a súa visión se engaden nas últimas semanas novos movementos tras a confirmación da data das próximas eleccións europeas, o 9 de xuño do próximo ano, que estarían levando os populares europeos “máis á extrema dereita, a apoiar os intereses duns poucos”.

Miranda coincide na existencia dunha guerra interna na dereita europea entre Weber e Von der Leyen, pero tamén achega matices xeográficos. "Hai unha división entre a dereita do norte e a do sur, canto máis ao sur, como en Italia, máis cerca están de Trump", di, ao tempo que salienta que "tamén hai unha parte da dereita nórdica, tamén no PP Europeo, que é consciente dos problemas ambientais e que nese eido vota coa esquerda". Nesa gradación dentro da dereita, Miranda teno claro a respecto do PPdeG: "Son o trumpismo ecolóxico".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.