A Comisión Europea fai oficial a súa denuncia contra España por incumprir a directiva que desde 1991 obriga a delimitar as zonas vulnerables, ningunha aínda en Galicia, mentres o Goberno galego estima en 60.000 as hectáreas afectadas
Este luns o Diario Oficial da UE fixo oficial a demanda da Comisión Europea contra España, avanzada hai case un ano, polo incumprimento en diversas comunidades autónomas, entre elas Galicia, da obriga establecida nunha directiva europea hai máis de 30 anos de delimitar zonas vulnerables á contaminación por nitratos como medida para restrinxir o seu uso e reducir os seus efectos sobre a natureza e o ser humano.
Galicia non ten ningunha zona delimitada malia as denuncias reiteradas sobre a situación en diversas comarcas polos efectos das macrogranxas, especialmente na Limia. Pero agora a Xunta, no plan de xestión de residuos industriais para a próxima década que ten a exposición pública desde hai dúas semanas, vén de estimar en preto de 60.000 hectáreas, o 10% de toda a terra agraria de Galicia, a superficie afectada.
A decisión da Comisión Europea de denunciar a España ante o Tribunal de Xustiza da UE foi avanzada o pasado decembro tras anos de supervisión das políticas estatais. Foi a través dunha directiva europea de 1991 que se estableceu que “os Estados membros deben controlar as súas augas e identificar as afectadas ou que poidan verse afectadas pola contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias”, como os xurros da gandaría ou os fertilizantes.
En Galicia, di a Comisión na demanda publicada este luns no Diario Oficial da UE, "segue habendo superficies que non se designaron como zona vulnerable aos nitratos" a pesar de que as análises "xustifican a súa designación"
Aquela directiva tamén estableceu que os estados “tamén están obrigados a cualificar as superficies cuxa escorrentía flúa cara a esas augas como zonas vulnerables aos nitratos e a establecer programas de acción adecuados para previr e reducir a contaminación por esa causa”. Pero iso nunca se fixo en Galicia e noutras varias comunidades autónomas, e tras varios apercibimentos previos agora a Comisión Europea fai oficial a súa demanda, que podería concluír con sancións económicas.
Segundo o Diario Oficial da UE a Comisión Europea reclama ao tribunal que declare o incumprimento de España de tres cuestións distintas relativas á directiva de 1991, unha das cales afecta expresamente a Galicia, a que ten que ver coa contaminación das augas de escorrentía. “A Comisión considera que o Reino de España incumpriu esta disposición en Castela e León, Estremadura, Galicia, Baleares, Canarias, Madrid e a Comunidade Valenciá, na medida en que segue habendo superficies que non se designaron como zona vulnerable aos nitratos, nin incluído en zonas vulnerables aos nitratos existentes, a pesar de que os datos obtidos a través da rede de control da contaminación provocada polos nitratos de orixe agrícola xustifican a súa designación/inclusión”.
En Galicia nunca se delimitaron zonas vulnerables á contaminación por nitratos malia ás denuncias reiteradas sobre a situación que se está rexistrar desde hai anos en comarcas como a Limia. Nin sequera na revisión das delimitacións que se fixo en xuño do pasado ano, a partir dos datos obtidos no cuatrienio 2016-2019.
A Xunta fai "a hipótese da declaración como zona vulnerable o 10% da superficie agraria útil actual"
Agora, no plan de xestión de residuos industriais para o período 2023-2030, que ten a exposición pública desde o pasado 13 de outubro para a súa avaliación ambiental, o Goberno galego vén de poñer cifras ao problema. Segundo a Xunta, os movementos do Goberno de España para tentar evitar a demanda europea, cun real decreto aprobado a comezos deste ano, suporán a declaración das primeiras zonas vulnerables por nitratos en Galicia.
A propia Xunta admite que os estudos realizados entre 2016 e 2019 detectaron zonas con “niveis significativos de eutrofia en varios puntos localizados nas concas internas de Galicia”. A partir deses datos establece “a hipótese da declaración como zona vulnerable o 10% da superficie agraria útil actual, que ascende a 597.993 hectáreas”.
Isto é, unhas 60.000 hectáreas poden ser declaradas en toda Galicia como zonas vulnerables por nitratos, o que implicará entre outras medidas restrinxir nelas o manexo e uso dos xurros. A limitación do seu emprego nas leiras suporá á súa vez un aumento de 80.000 toneladas anuais que deberán ser tratadas doutro xeito, segundo a estimación da Xunta.
Por outra banda, ademais das súas estimacións sobre o problema da contaminación por nitratos, a Xunta vén de advertir no seu plan estratéxico para a próxima década do “modelo actual de agrogandaría pouco sostible”, poñendo o foco igualmente na contaminación e os efectos das explotacións intensivas.
Na limia veñen sendo reiteradas desde hai anos as denuncias sobre os efectos da macrogranxas sobre os acuíferos
Unha das comarcas nas que se dá por seguro que se aplicará a nova figura da zona vulnerable por nitratos é a da Limia. Alí os xurros orixinados polas grandes granxas non sempre son correctamente xestionados e nos últimos anos varios puntos de abastecemento veñen superando os niveis máximos permitidos de nitratos. Igualmente, o encoro das Conchas, augas abaixo no río Limia, vese afectado por recorrentes episodios de eutrofización. Agora, segundo a Xunta,
Un labrego da comarca integrante do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) que nun programa de televisión puxo o foco sobre Coren foi demandado pola empresa e diversos colectivos ecoloxistas saíron na súa defensa acusando á Xunta de facer a vista gorda co problema dos nitratos da Limia e de "defender os intereses das grandes empresas do sector a costa de desprotexer o medio ambiente e os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo".