Coren demanda a Manuel García por un millón de euros por acusar a empresa de verter xurros contaminantes
O pasado 3 de febreiro Manuel García, labrego e integrante do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) recibiu un burofax que lle informaba de que COREN iniciara os trámites legais para interpoñer unha demanda de un millón de euros contra el, acusándoo de "intromisión no dereito ao honor" do Grupo Coren por realizar "imputacións falsas" nunhas declaracións efectuadas no mes de setembro do pasado ano no programa España Directo de TVE.
A denuncia foi admitida a trámite polo xulgado de Xinzo de Limia, que convocou para este luns 2 de marzo un acto de conciliación entre as partes. O labrego e militante ecoloxistas está sendo asesorado para a súa defensa pola plataforma contra a gandaría intensiva 'Stop Ganadería Industrial'.
Na intervención denunciada Manuel García denunciaba que o purín que as granxas de Coren deitan en terreos da comarca inclúen "antibióticos e produtos de desinfección e limpeza das granxas" e que "cando chove unha parte penetra no subsolo, contaminando as augas subterráneas e o excedente é arrastrado chegando aos ríos e encoros". "É unha bomba tóxica, centos de toneladas, que se está botando na contorna da comarca da Limia", concluía.
A denuncia foi admitida a trámite polo xulgado de Xinzo de Limia, que convocou para este luns 2 de marzo un acto de conciliación entre as partes
A comunicación da demanda viña asinada por José Javier Bobillo, director xurídico do Grupo Coren, e sinalaba que a empresa procedería "ao visionado das gravacións relativas a calquera acto, conferencia ou coloquio no que vostede ou calquera outra persoa interveña ou interviñera e no que se efectúe calquera alusión á nosa cooperativa, coa fin de valorar o eventual inicio de novas accións xudiciais en materia de intromisión ilexítima no dereito ao honor".
"Con este tipo de actuacións o sector da gandaría intensiva pretende pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas"
Nas últimas semanas Manuel García xa viña recollendo os apoios de numerosos colectivos. Agora ese apoio transformouse nun manifesto apoiado por 46 entidades ecoloxistas, sociais e políticas de toda Galicia. O manifesto subliña que "parece obvio que con este tipo de actuacións o sector da gandaría intensiva pretende pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas". E lembra que "non é a primeira vez" que a industria gandeira "intenta tapar a boca a quen denuncian as súas malas prácticas". "Xa anteriormente houbo activistas que recibiron ameazas de demanda, aínda que ata agora nunca chegaran ao xulgado", din.
O texto destaca que "a gandaría industrial ten repercusións ambientais innegables, especialmente sobre a auga e sobre os solos. A cantidade de xurros e residuos xerada por este tipo de industria é un grave problema para as zonas máis afectadas", en especial na Limia, onde funcionan ao redor de 400 macrogranxas e que rexistra niveis de nitratos nas augas para consumo humano superiores aos límites máximos permitidos. A plataforma veciñal Auga Limpa subliña que "a situación na Limia é insostible" e reclama que "as integradoras, como Coren, deben asumir os custos da xestión dos xurros"
O texto acusa á Xunta de "defender os intereses das grandes empresas do sector a costa de desprotexer o medio ambiente e os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo"
O manifesto fai así mesmo un recoñecemento ao MEL, que "leva anos denunciando os efectos da gandaría intensiva no val do Limia, a mala xestión dos residuos das granxas, o deterioro das augas pola acumulación de nitratos e a eutrofización das augas; e loitando pola protección da comarca, a produción agrícola ecolóxica e a gandaría extensiva".
Ademais, acusa á Xunta de "defender os intereses das grandes empresas do sector, aínda que sexa a costa de desprotexer o medio ambiente, así como os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo".
Non pode ser que se sinalamos desfeitas queiran cortar o dedo que sinala, en lugar de frear esas desfeitas", di o manifesto
O texto remata cualificando como "moi grave" o "axuizamento do noso compañeiro". "Un axuizamento que non é outra cousa que utilizar a Manuel como cabeza de turco para tratar de intimidar a quen se atreva a falar", din, engadindo que "non pode ser que se sinalamos desfeitas queiran cortar o dedo que sinala, en lugar de frear esas desfeitas".
Este sábado 29 de febreiro Manuel García recibirá ademais o Premio Osíxeno individual 2019, que entrega ADEGA, que destaca o seu traballo "a prol da defensa ambiental da comarca da Limia fronte á contaminación de terras e mananciais procedente da industria cárnica intensiva, así como pola reivindicación dun modelo agrogandeiro máis sustentable".