Malia as reiteradas denuncias sobre a situación da Limia polos efectos das macrogranxas, Galicia segue sendo das poucas comunidades nas que non se designou ningunha zona vulnerable, figura que obriga a previr e reducir a contaminación
A Comisión Europea vén de anunciar a súa decisión de levar a España ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea pola súa deficiente aplicación da normativa comunitaria en materia de contaminación por nitratos procedentes da actividade agraria. Estes contaminantes afectan especialmente ás augas ao estimular o crecemento de algas (eutrofización) que asfixian outras formas de vida e dificultan a potabilización.
Segundo a Comisión Europea, o Estado Español non só non está a adoptar as medidas suficientes para reducir a contaminación por nitratos nas zonas xa sinaladas como “vulnerables” a eles senón que debera designar como tales máis zonas, entre outros sitios en Galicia, onde aínda non hai ningunha así clasificada, para aplicar nelas medidas de prevención e redución da contaminación. A denuncia da UE chega tras anos de denuncias reiteradas sobre a contaminación por nitratos na comarca da Limia, con numerosas granxas de gran tamaño cuxos residuos non sempre son tratados axeitadamente.
A decisión da Comisión Europea de levar a España ante a xustiza comunitaria chega tras anos de supervisión das políticas estatais na materia. O executivo comunitario lembra que segundo unha directiva europea de 1991 “os Estados membros deben controlar as súas augas e identificar as afectadas ou que poidan verse afectadas pola contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias” e engade que “tamén están obrigados a cualificar as superficies cuxa escorrentía flúa cara a esas augas como zonas vulnerables aos nitratos e a establecer programas de acción adecuados para previr e reducir a contaminación por esa causa”.
A Comisión Europea di que "a pesar dalgúns avances limitados, España aínda debe adoptar medidas adicionais", entre elas designar zonas vulnerables en Galicia
Tras coñecerse a decisión europea, o Goberno de España asegurou que está a traballar para mellorar en breve a normativa sobre nitratos, algo que debera facer en fases previas antes de chegar ao proceso xudicial que agora se iniciará.
A Comisión Europea pediu explicacións a España sobre as súas políticas na materia en 2018 e agora conclúe que “a pesar dalgúns avances limitados, España aínda debe adoptar medidas adicionais para evitar a eutrofización en todo o país”. Entre elas sinálase que España “debería revisar e seguir designando zonas vulnerables aos nitratos en sete rexións”, entre as que cita Galicia, onde aínda non se designou ningunha zona vulnerable, nin sequera na última revisión das mesmas do pasado mes de xuño.
Porén, hai anos que se veñen sucedendo todo tipo de denuncias sobre a contaminación por nitratos na Limia. Os xurros orixinados polas grandes granxas da zona non sempre son correctamente xestionados e nos últimos anos varios puntos de abastecemento veñen superando os niveis máximos permitidos de nitratos. Igualmente, o encoro das Conchas, augas abaixo no río Limia, vese afectado por recorrentes episodios de eutrofización.
Un labrego da comarca integrante do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) que nun programa de televisión puxo o foco sobre Coren foi demandado pola empresa e diversos colectivos ecoloxistas saíron na súa defensa acusando á Xunta de facer a vista gorda co problema dos nitratos da Limia e de "defender os intereses das grandes empresas do sector a costa de desprotexer o medio ambiente e os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo".