O Plan Estratéxico 2030 do Goberno galego quere reducir a contaminación por “usos inadecuados de fertilizantes e fitoquímicos” e a erosión “en zonas explotadas con modelos intensivos”
O “modelo actual de agricultura e gandaría pouco sostible, con alto impacto no medio ambiente” é unha das debilidades que a Xunta identifica en Galicia no seu Plan Estratéxico 2030 ante o seu obxectivo de “impulsar un modelo de crecemento sostible”. Así o sinala nun documento [aquí o PDF] no que, nos apartados destinados a planificar as súas actuacións nos eidos da sostibilidade ambiental e a produción agrogandeira, di apostar por “reducir” a contaminación por “usos inadecuados de fertilizantes e fitoquímicos” e a erosión “en zonas explotadas con modelos intensivos”.
A Xunta fai estas valoracións despois de que cargos do Goberno galego e do PPdeG criticasen declaración similares que o ministro de Consumo, Alberto Garzón, realizou en varias ocasións nos últimos meses para advertir dos efectos ambientais e para a saúde das macrogranxas ou do consumo excesivo de carne.
O plan estratéxico que a Xunta vén de remitir ao Parlamento con varios meses de demora realiza en diversos eidos da realidade social e económica de Galicia unha primeira análise de debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades (DAFO) para despois fixarse obxectivos ou retos, propoñer medidas para acadalos e establecer indicadores que permitan comprobar a súa eficacia. É tanto ao analizar os riscos do cambio climático como a necesidade de impulsar un “modelo de crecemento sostible que aproveite as potencialidades do medio” protexendo o patrimonio natural cando o documento identifica, como “debilidades”, nos dous casos o “modelo actual de agricultura e gandaría pouco sostible, con alto impacto no medio ambiente”. Tamén como “debilidades” relacionadas co sector primario sinálase a contaminación mariña por “residuos derivados da pesca”.
O documento aposta pola "posta en valor dos produtos en termos de calidade, produción sustentable, seguridade alimentaria e produtos saudables, para minimizar a competencia por prezo”
Máis adiante no documento, no apartado dedicado a fixar os retos ou obxectivos a acadar polo co plan estratéxico, aposta por “aproveitar as potencialidades de Galicia cara a un sector primario moderno e competitivo”, apartado no que se quere “aumentar a rendibilidade e a competitividade dos sistemas produtivos das explotacións agrogandeiras e fomentar a súa modernización e diversificación ao tempo que se reduce a pegada da agricultura e gandaría no eido medioambiental”. Para iso, o documento fixa como “retos e necesidades” a de “minorar o impacto da agricultura e a gandaría no medio ambiente tratando de reducir a contaminación da auga e do solo por prácticas non axeitadas e usos inadecuados de fertilizantes e fitoquímicos” e “a erosión e perda de solo en zonas explotadas con modelos intensivos”.
Ao tempo o plan aposta no sector primario por “fomentar a diferenciación do produto, en relación á posta en valor dos produtos en termos de calidade, produción sustentable, seguridade alimentaria e produtos saudables, para minimizar a competencia por prezo” así como por “aproveitar as oportunidades que supón a economía circular para a mellora da eficiencia nas explotacións e xerar novos nichos de negocio” ensinando “ás empresas e produtores a sacar rendemento aos subprodutos”.
O plan estratéxico admite que a situación en Galicia non é tan mala como noutros puntos do Estado. Aquí hai menor extracción de augas e o estado da maioría dos acuíferos é bo, di, polo que o impacto do cambio climático nese eido podería ser “moderado, aínda cun incremento sostido no tempo”. Pero o documento tamén salienta a “proporción da superficie agrícola na que se practica unha agricultura produtiva e sustentable: 3,88%, fronte ao 9,65% da media española (ano 2020)”, engadindo que “o minifundismo pode considerarse como unha vantaxe á hora de aplicar criterios de agricultura ecolóxica”. Pero en xeral, di a Xunta noutro punto de conclusións, hai que “fomentar a modernización e diversificación e reducir a pegada da agricultura e gandaría no eido medioambiental”.
Esta diagnose e propostas no Plan Estratéxico 2030 chegan despois de que a UE veña de levar a España ante a Xustiza comunitaria pola contaminación por nitratos procedentes da agricultura e a gandaría ao tempo que pide que se sinalen zonas vulnerables por eses produtos en Galicia. Ademais, hai uns meses a Xunta foi condenada pola súa inacción ao permitir a duplicación dunha granxa de 23.000 pitos na Limia sen avaliar o seu impacto na auga ou na veciñanza.