Iniciada a elaboración en 2019, no debate de política xeral de outubro Feijóo anunciouno para “antes de que remate o ano” e agora di que o presentará “no primeiro trimestre do vindeiro ano”
A ampla axenda institucional desenvolvida este martes en Bruxelas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con encontros con dous vicepresidentes e representantes doutros dous departamentos distintos da Comisión Europea foi resumida polo propio Goberno galego en dúas notas de prensa, unha centrada na promoción do Xacobeo dando conta dunha mesa redonda celebrada na Fundación Galicia-Europa con diversos representantes do PP europeo e outra sobre as reunións políticas mantidas. Nese segundo comunicado a Xunta salienta, xunto co seu compromiso de executar adecuadamente os fondos europeos, que o presidente trasladou “o compromiso de presentar, no primeiro trimestre de 2022, o plan estratéxico da economía galega 2021-2030”, o que supón unha nova demora na elaboración dese documento.
O plan estratéxico que debe guiar as políticas da Xunta para esta década debía dar continuidade ao anterior, para o período 2015-2020. Comezou a elaborarse a mediados de 2019 e o seu cronograma inicial prevía a aprobación do seu borrador na primavera de 2020. Pero apareceu a pandemia da COVID e o documento foi reformulado para ter en conta as novas circunstancias.
O pasado 13 de outubro, no seu discurso no debate de política xeral no Parlamento de Galicia, o presidente anunciou que “antes de que remate o ano presentaremos o novo Plan Estratéxico para a década 2021-2030”, do que dixo que “as aspiracións non mudan pero si reorientaremos prioridades e velocidades para que Galicia poida ser actor clave no mundo que vén”. O propio presidente salientara ese anuncio como un dos principais do seu discurso a través dun chío emitido na xornada previa.
O documento en elaboración, segundo a información actualmente dispoñible, fixa como os seus dez retos o crecemento económico, o emprego, as exportacións e I+D+i, a redución do abandono escolar, os estudos superiores, a inclusión, o cambio climático, a enerxía, a demografía e a converxencia.
Este martes, tras reunirse Feijóo en Bruxelas co vicepresidente da Comisión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, coa vicepresidenta para a Democracia e a Demografía, Dubravka Šuica, co comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, e co director xeral de Política Rexional, Marc Lemaître, o propio Goberno galego salientou dos encontros que Galicia se compromete a executar os fondos europeos e como segunda idea que o presidente trasladou “o compromiso de presentar, no primeiro trimestre de 2022, o plan estratéxico da economía galega 21-30, cos fondos de cohesión e os Next Generation xa incorporados”.
Acompañado de cargos do PP, Feijóo defende destinar fondos europeos a "o mantemento e a mellora das rutas xacobeas"
Similar relevancia que ás reunións políticas con representantes da Comisión Europea deu a Xunta á promoción do Xacobeo, cunha mesa redonda celebrada na Fundación Galicia-Europa, na que o Goberno galego delega a súa representación en Bruxelas. Alí, acompañado pola portavoz do PP no Parlamento Europeo, Dolors Montserrat, e polo eurodeputado popular pontevedrés Francisco Millán Mon, Feijóo defendeu destinar fondos europeos a “o mantemento e a mellora das rutas xacobeas” porque “rehabilitar a arquitectura do Camiño é rehabilitar a nosa historia”.
A Xunta divulgou un vídeo da presidenta da Comisión Europea, Von der Leyen, en apoio do Xacobeo e fotos do Manneken Pis de peregrino
A importancia que a Xunta deu ao Xacobeo en Bruxelas reflectiuse tamén na difusión dun vídeo de preto de dous minutos da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, no que apoia as peregrinacións a Santiago como exemplo de integración europea. E na divulgación dunha imaxe de Feijóo ante a escultura do Manneken Pis, o neno ouriñando símbolo de Bruxelas, vestido de peregrino.