O presidente, que vén facendo do ano santo a súa principal aposta política de futuro, presenta o Plan Estratéxico do Xacobeo, que reflicte a masificación como o principal aspecto negativo
O pasado outubro, no último debate de política xeral no Parlamento de Galicia, Feijóo elevou o Xacobeo 2021 a plan de lexislatura apostando por convertelo nunha “declaración de intencións de todo o que Galicia quere ser na vindeira década”. Hai un mes a Xunta situou ese Xacobeo como prioridade dos derradeiros orzamentos desta terceira lexislatura de Feijóo á fronte do Goberno galego. Pero este luns o propio Feijóo foi máis alá e, nunha reunión co comité que elaborou o o Plan Estratéxico para ese ano santo, apelou á apertura dunha “era xacobea” que comezaría xa e non remataría en 2021 senón que se prolongaría nos dous seguintes xacobeos, os de 2027 e 2032. Sería un “Xacobeo de 5.000 días”, segundo as súas verbas, que amose “a mellor Galicia da nosa historia”.
Fronte a esas verbas de Feijóo, o plan estratéxico feito público este martes indica como unha eiva que “o Xacobeo xera unhas expectativas elevadas; no imaxinario colectivo asócianse aspectos como converterse nun revulsivo económico para Galicia, a súa capacidade para corrixir deficiencias históricas, a inmensidade da programación cultural, etc., que poderían ter un efecto contraproducente”.
O plan estratéxico é un documento de 92 páxinas no que se reflicte unha diagnose da situación actual do fenómeno do Camiño de Santiago e se establecen principios para a súa xestión. O documento tamén recompila os orzamentos que distintos departamentos da Xunta dedican ao Xacobeo e cuantifícaos en 247 millóns entre 2019 e 2022.
No seu apartado de diagnose, elaborado a partir de contactos con expertos e enquisas a 400 peregrinos de 33 nacionalidades distintas, o plan estratéxico sinala a masificación como o principal aspecto negativo do fenómeno xacobeo. Malia iso, a Xunta segue gabándose de xeito periódico das cifras brutas de chegada de turistas en xeral e peregrinos en particular a Galicia.
Case a metade dos consultados, salienta a propia Xunta, “puxeron o foco no elevado número de persoas en determinados puntos do Camiño, o cal ten un maior impacto no territorio”
Segundo o documento, ao ser preguntados por aspectos negativos, case a metade dos enquisados, o 47,15%, “puxeron o foco no elevado número de persoas en determinados puntos do Camiño, o cal ten un maior impacto no territorio”. Ese aspecto, o do “número ou concentración de peregrinos no Camiño”, tamén é o último cando se pregunta por aspectos positivos, con só o 0,5%, seguido polos servizos e a seguridade. Entre o máis positivo, os enquisados salientan a paisaxe, a gastronomía e o patrimonio.
A oposición foi convocada a unha reunión de traballo sobre o plan estratéxico ao tempo que a Xunta a convidaba á presentación do documento xa rematado
Por outra banda, o xeito en que a Xunta elaborou este plan estratéxico xa está a xerar polémica. Os grupos da oposición, que participaron en xaneiro e xuño en dúas reunións de recollida de opinións para a elaboración do documento, nas que reclamaron seguir traballando sobre un borrador de plan, foron convocados o pasado xoves a un novo encontro este luns pola tarde para informalos do traballo feito e das achegas incorporadas. Porén, pouco despois eran invitados á presentación formal do Plan Estratéxico o próximo venres, un novo acto institucional tras a reunión deste luns de Feijóo co comité que elaborou o plan.
A oposición considera que a reunión convocada para a tarde deste luns, co documento xa divulgado por parte da Xunta e co anuncio da súa presentación pública o próximo venres, non ten ningún sentido e “é unha nova falta de respecto por parte do goberno da Xunta. O encontro, ao que rexeitaron asistir, sería “exclusivamente cosmético, sen marxe de participación real e mellora sobre un texto que xa está elaborado e que ten xa data de presentación pública nesta mesma semana”, segundo comunican de xeito unánime á presidencia do Parlamento nun escrito ao que tivo acceso este diario.