Debate pechado pola Administración que podería tornalo nunha medida real. O goberno de Santiago vén defendendo nos últimos meses estudar a implantación dunha taxa turística, o tributo vixente en numerosos territorios receptores de turismo, como Lisboa, Catalunya ou as Illes Balears e cuxa aplicación estudan gobernos locais próximos a Galicia, caso do Porto. O "debate" foi trasladado este venres polo alcalde compostelán ao presidente da Xunta, quen tras o encontro certificou a súa negativa á formulación de Martiño Noriega. A taxa turística "non interesa" porque Galicia non sofre un "overbooking" turístico, argumenta Alberto Núñez Feijóo.
O encontro entre ambos dirixentes estivo, segundo Noriega, marcado polo "consenso institucional en beneficio da cidade", pero este "non pode ser absoluto". "Eu agradézolle ao presidente a posibilidade de dar o debate", afirma, nun contexto no que o seu goberno seguirá a "aspirar" a esta medida. Farao, di, dende o "convencemento" de que "na medida que teñamos vías de financiamento para a cidade, iso repercutirá positivamente nos servizos que poderemos prestar á veciñanza" é tamén "aos centos de miles de persoas que nos visitan" quen, ao seu xuízo, tamén deberan asumir parte das "cargas" de "mantemento e promoción da cidade".
Noriega: "Novas vías de financiamento repercutirían nos servizos á veciñanza e tamén a quen nos visitan"
Fronte ao que Noriega presenta como un "debate necesario" Feijóo pecha a porta á taxa, que nas súa formulación máis recente, a balear, oscila entre os 0,25 e os 2 euros por cada xornada de estancia en hoteis e establecementos equiparables en función da súa categoría e prezos. Segundo o xefe do Executivo o feito de que o país en xeral e Santiago en particular estean a rexistrar "cifras históricas" de turistas non muda o obxectivo de "atraer" máis turismo e fixar un gravame sobre as estancias "podería ter o efecto contrario" e por iso se trata dun "erro". "Non interesa, non é un debate para atraer turismo", resolve, nun contexto no que, subliña, de aprobarse sería de aplicación en toda Galicia.
Feijóo coida que cómpre "atraer" máis turistas e a taxa "podería ter o efecto contrario"
"Se o presidente non o comparte, evidentemente non se vai instaurar", constata Noriega, toda vez que a competencia é autonómica. "Seguiremos pensando" que Santiago está "obrigado a buscar modelos equiparables" en cidades con gran recepción de turistas e facelo "fóra de debates nesgados", especialmente cara ao Xacobeo 2021, di.
A cita do ano xubilar estará, precisamente, na axenda da xuntanza que Noriega manterá o vindeiro mates co rei no Palacio da Zarzuela. Alí, adianta, "explorarase a posibilidade de convocar o Real Padroado", o órgano participado polo Concello, a Xunta e o Concello compostelán que coordina actuacións conxuntas na cidade a través do Consorcio de Santiago. Ese órgano, lembra o rexedor, non se reúne dende o ano 2004 e sería preciso que o fixese para trazar "un plan de investimentos" co horizonte do Xacobeo.
Alén do debate turístico tanto Feijóo como Noriega coincidiron en sinalar a "cordialidade" do encontro, na que o alcalde da capital galega agasallou o presidente cunha caixa do programa Apego, o proxecto municipal de achegamento da lingua galega á infancia, por mor da súa recente paternidade. No marco da súa comparecencia ante a prensa co alcalde de Santiago o presidente asegurou ter o compromiso con "quince grandes proxectos para a cidade" nos que é "clave a colaboración do Concello". Noriega, pola súa banda, reclamoulle ao xefe do Executivo "un pacto de país polas tres grandes infraestruturas pendentes na cidade: a depuradora, a estación intermodal e a ampliación da AP-9, incluído o enlace orbital".