O concello vigués aproba definitivamente o tributo turístico, que xa rexe hai un ano na Coruña e Santiago, con varios descontos sobre os topes legais permitidos pola Xunta
A taxa turística segue a estenderse, aos poucos, por Galicia. No primeiro aniversario da implantación do tributo na Coruña e Santiago e cando están a piques de facerse dous anos dende que a Xunta accedeu a permitila -aínda que de maneira limitada-, o pleno do Concello de Vigo deu o visto e prace definitivo á súa chegada á cidade, que empezará a cobrala dende o vindeiro 1 de outubro, aínda que con varios límites.
Os votos a prol da maioría absoluta do PSdeG que sustenta o goberno de Abel Caballero sacaron adiante de vez unha norma que, como as súas homólogas coruñesa e compostelá, debe cinguirse aos marcos fixados polo Executivo galego. Pero que, a diferenza delas, non esgota en todos os casos a tarifa máxima autorizada dende San Caetano.
O propio goberno vigués, a través do concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, destacou esta diferenza no debate plenario final sobre a ordenanza. "As tarifas viguesas son un 27% máis baixas que as de Santiago e A Coruña e tamén inferiores ás etablecidas en cidades como Barcelona, Bilbao, Lisboa ou Porto" e "colócannos como a cidade máis barata e co menor imposto sobre as estadías turísticas da fachada atlántica da península e do contexto norte do Estado español", recalcou.
Ata o 1 de xullo de 2027 a taxa viguesa só gravará as dúas primeiras noites e non o máximo legal de cinco. Para os cruceiros insire unha moratoria dun ano
En concreto, a taxa viguesa si chega ao máximo permitido pola Xunta para a taxa turística dos hoteis a partir de 4 estrelas superior (2,50 euros por noite), pero insire rebaixas nas demais categorías. Así, nos hoteis de 2 estrelas superior a 4 o tributo en Vigo será de 1,60 euros, mentres que o Goberno galego permite chegar aos dous; nos de 1 a 2 estrelas a rebaixa é de trinta céntimos sobre o tope de 1,50 por noite.
Esa mesma rebaixa aplícaa o Concello de Vigo ás pensións e a mingua é de 20 céntimos en aloxamentos como albergues, cámpings e casas de turismo rural (80 céntimos por noite, no canto do máximo dun euro). Nos pisos turísticos a Xunta permite cobrar ata 2 euros e o Concello de Vigo opta por unha taxa de 1,60 e para os cruceiros queda en 1,20 e non no teito legal de 1,50.
A entrada en vigor da taxa turística na cidade máis poboada do país non será completa este 1 de outubro. Ata o 1 de xullo do ano vindeiro a taxa turística só atinxirá as dúas primeiras noites de estancia, sen chegar ao máximo legal de cinco.
O PP local votou "non" á taxa por opoñerse á súa existencia e o BNG rexeitouna por rebaixar as tarifas máximas fixadas pola Xunta e inserir vías de "escape"
A ordenanza introduce tamén outra salvagarda para os cruceiros. Quedarán libres de taxa durante un ano, ata o 1 de outubro de 2027 -a moratoria coruñesa fora de 3 meses-, menos do reclamado pola Autoridade Portuaria, que a reclamaba cando menos ata 2028.
A norma aprobada definitivamente non tivo os apoios nin do PP nin do BNG, pero por motivos opostos. Os populares rexeitan a propia figura da taxa turística con argumentos como a ausencia de masificación, esgrimen. O Bloque, mentres censura que o goberno de Caballero non esgote as contías legais máximas e introduza na normativa, "descafeinada", diversas vías de "escape" para as empresas turísticas.