No conxunto de Galicia o número de noites contratadas en aloxamentos como as vivendas de uso turístico pasou de 1,41 millóns en 2023 a 1,68 millóns en 2024, un aumento do 18,5%
Vigo é a cidade galega cun maior número de noites contratadas en aloxamentos turísticos, con cifras moi superiores ás de Santiago e A Coruña. A cidade olívica sumou no ano 2024 case 200 mil pernoctacións neste timpo de establecementos, que abranguen principalmente vivendas de uso turístico, ademais de casas de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos.
O Instituto Nacional de Estatística publicou este luns os datos da súa estatística experimental que estima a ocupación de aloxamentos de curta estancia a partir de información subministrada por plataformas dixitais. O INE amosa que a popularidade deste tipo de aloxamentos non deixa de aumentar, de xeito que no conxunto de Galicia o número de noites contratadas pasou de 1,41 millóns en 2023 a 1,68 millóns en 2024, un aumento do 18,5%.
Vigo é a cidade galega cun maior número de noites contratadas en aloxamentos turísticos, con cifras moi superiores ás de Santiago e A Coruña e un incremento de máis do 30% no último ano
O dato non deixa de incrementarse nos últimos anos, dende os preto de medio millón de estadías rexistradas en 2018. Este tipo de turismo está formado en Galicia principalmente por persoas residentes no Estado español, pois representan máis do 71% dos usuarios e usuarias. As persoas procedentes do estranxeiro supoñen preto do 29% das estadías, unha proporción moi inferior á que se atopa no resto de España, onde os turistas estranxeiros son clara maioría nos pisos turísticos e apartamentos.
Este tipo de turismo está formado en Galicia principalmente por persoas residentes no Estado, a diferenza do que sucede no resto de España
Por cidades e puntos turísticos, Vigo aparece claramente como o lugar con máis noites contratadas neste tipo de aloxamentos turísticos. As case 194 mil estadías rexistradas en 2024 supoñen un aumento de máis do 30% en relación ao ano 2023 e sitúanse moi por riba das 140 mil de Santiago de Compostela e 129 mil da Coruña, que presentan crecementos máis modestos, especialmente no caso da capital de Galicia, que ata o ano 2022 viña aparecendo en primeiro lugar.
O pasado 23 de xullo o alcalde vigués, Abel Caballero, confirmaba a intención do goberno municipal de asumir a implantación da taxa turística, que en setembro entrará en vigor na Coruña e en outubro en Santiago. Este tributo está limitado pola Xunta a un intervalo de 1 a 2,5 euros por día cun máximo de cinco xornadas.