Agora si, en Galicia vai comezar a existir a taxa turística. Os plenos de Santiago e da Coruña deron o seu visto e prace definitivo na mañá deste 31 de xullo a cadansúas ordenanzas para poderen recadar un tributo que, tras anos de resistencia, a Xunta acabou accedendo a permitir para os concellos que a consideren oportuna.
Os plenos de ambas cidades aproban as ordenanzas para cobrar o tributo que a Xunta permitiu tras anos de resistencia e que está limitado pola lei galega nos importes, de 1 a 2,5 euros, nas exencións ou no destino do recadado
En rigor, o aprobado polos consistorios compostelán e coruñés son os respectivas "recargas" ao imposto galego sobre as estadías turísticas. É o tributo concibido polo PP nunha das súas emendas á lei de acompañamento dos Orzamentos galegos de 2025 que o Goberno de Alfonso Rueda instaurou cun desconto do 100%. Os concellos que queren aplicar taxa turística poden neutralizar esa bonificación total sempre que non excedan as regras ditadas dende San Caetano: entre 1 e 2,5 euros por día e un máximo de cinco xornadas.
Esas normas xerais, o réxime de exencións -para estancias vinculadas a hospitalizacións e algunhas outras actividades, por exemplo- ou o destino da recadación -o 80% no propio ámbito turístico- condicionan tanto a taxa coruñesa como a compostelá. Ambas nacen, asemade, sen o apoio do PP.
A taxa coruñesa comezará a aplicarse o 1 de setembro e a compostelá, o 1 de outubro. En ambos casos nace sen o apoio do PP, que votou "non" no pleno herculino e se abstivo no santiagués
No concello herculino os populares votaron en contra fronte ao "si" do goberno do PSdeG e mais do grupo do BNG. En Santiago abstivéronse na creación dunha taxa que contou co voto afirmativo do goberno (BNG e Compostela Aberta), do PSdeG e mais dos edís non adscritos, antes membros do Grupo Municipal Socialista.
Culminan así os percorridos internos nos concellos dunhas ordenanzas que, no caso compostelán, ten a súa orixe en anos de estudos e reivindicacións políticas dos últimos tres gobernos, dende o de Compostela Aberta en solitario (2015-19) ao actual do BNG e CA pasando polo do PSdeG no anterior mandato. Neste sentido, o gabinete que encabeza Goretti Sanmartín vénse reivindicando como "abandeirado" desta reforma, en verbas da alcaldesa, que agora permite dar "un paso decisivo para comezar a equilibrar os custos que xera a actividade turística na cidade", resumía este xoves no pleno a concelleira de turismo, Míriam Louzao.
No trámite final cara a aprobación da taxa o acordo pechado cos grupos municipais implica que sexa cobrada a partir do 1 de outubro -o plan inicial pasaba por aplicala unha vez aprobado, o cal xerou protestas no sector-. Un mes antes, o 1 de setembro, botará a andar a taxa da Coruña -no caso dos cruceiros, dende o 1 de xaneiro de 2026. Fronte ao "non" do PP e a retesías que viraron lugares comúns contra a taxa, o goberno que encabeza Inés Rey subliña os múltiplos exemplos internacionais con tributos coma este e sintetiza a través do edil José Manuel Lage: "ninguén" deixa de viaxar a unha cidade "por pagar un euro máis por noite".