O PSdeG abócase a ficar con dous edís en Santiago e os expulsados van "esgotar todas as vías"

Integrantes do Grupo Municipal Socialista de Santiago, con Muíños e Rosón en primeiro termo CC-BY-NC-SA GM Socialista Santiago

A cidade de Santiago tivo alcalde do PSdeG a maior parte do período democrático. A última ocasión en que un militante da formación ergueu o bastón de mando foi no anterior mandato, de 2019 a 2023, cando Xosé Sánchez Bugallo retornou ao posto que xa exercera ata 2011 dende 1998, cando substituíra o o histórico Xerardo Estévez.

As históricas fendas internas dos socialistas composteláns quedan máis á vista ca nunca coa expulsión de catro dos seis edís da cidade que o partido gobernou durante décadas

Na noite electoral de 2023 Bugallo dimitiu. Renunciou a tomar posesión como concelleiro tras perder catro edís e quedar con 6, empatado en representación pero con menos votos que o BNG de Goretti Sanmartín, que logrou a alcaldía grazas aos votos de todas as forzas de esquerda da corporación (media ducia do Bloque, outros tantos do PSdeG e 2 de Compostela Aberta) pero sen o PSdeG formando parte dun goberno ao que si se sumou CA.

Entrar ou non no gabinete de Sanmartín foi o primeiro punto de tensión do mandato nun PSdeG compostelán no que os tirapuxas internos non eran novos, nin moito menos. A volta de Bugallo e a consecución do goberno en 2019 apenas lograra un equilibrio de mínimos nas case históricas fendas internas, acrecentadas ao perder o goberno fronte ao PP de Gerardo Conde Roa en 2011 e máis á vista ca nunca neste 2025, cando o partido se encamiña a quedar con apenas 2 edís no que fora un dos seus feudos ao avanzar a dirección federal na expulsión dos 4 restantes coa elevación da sanción a "definitiva".

Mercedes Rosón e Xosé Sánchez Bugallo, nun acto da campaña das municipais de 2019 CC-BY-NC-SA PSdeG

A votación afirmativa do grupo municipal, en xuño do ano pasado, da ordenanza que completou o freo aos pisos turísticos na cidade malia á abstención ordenada pola  Executiva local do partido foi o detonante do enfrontamento. O conflito seguiu escalando en xaneiro deste 2025, cando o procedemento disciplinario por non acatar as ordes de votación e tampouco a de remudar a Gonzalo Muíños como voceiro derivaron en expulsión provisional, agora definitiva.

A dirección provincial do partido confirma que a Executiva Federal deu este paso contra Mercedes Rosón, Mila Castro, Marta Álvarez "pola súa negativa a nomear o voceiro municipal aprobado pola dirección local do partido", Gumersindo Guinarte, e contra Muíños "por permanecer no cargo de voceiro contra o criterio do partido". "A normativa do PSOE -agregan- contempla que a resolución é de inmediato cumprimento" aínda que as persoas sancionadas "teñen a posibilidade de interpor os recursos que consideren" pola vía interna. Ou tamén de acudiren á Xustiza.

Pero os edís expulsados non dan o contencioso por finalizado e dispóñense a "esgotar todas as vías". A expulsión é definitiva pero aínda non firme. E, esgrimen, un informe do secretario municipal do Concello redactado o pasado xaneiro para este caso especifica que  "non terán a condición de 'non adscritos' os concelleiros que non fosen sancionados coa expulsión firme do partido" co que se presentaron ás eleccións. Daquela, cando menos de momento, subliñan, nada muda na composición da corporación municipal compostelá nin nun grupo no que, non obstante, xa non existe unidade de acción, toda vez que dous dos seus membros -Guinarte e Marta Abal- pasaron a estar aliñados coa Executiva local.

A votación dos pisos turísticos foi o detonante do proceso disciplinario, que agora se centra na negativa dos edís sancionados a remudaren o voceiro municipal. A expulsión, advirten, é definitiva pero aínda non firme, polo que de momento seguen sendo edís do PSdeG

En calquera caso, agregan, o feito de que a expulsión definitiva xa "nada teña que ver con aqueles primeiros expedientes nos que se cuestionaba a votación" da ordenanza dos pisos turísticos, lévaos a afirmar que aquela "era só unha cortina de fume". "O que se escondía por tras era a vontade pouco democrática de modificar arbitrariamente os representantes institucionais do Concello" que responde a "intereses particulares". Eses intereses, consideran -malia non mencionalo no comunicado feito público este martes-, pasan entre outros aspectos por que corra a lista para que logre unha acta de concelleiro o secretario local do partido, Aitor Bouza.

A ratificación da expulsión chega apenas vinte e catro horas despois de que o goberno de BNG e Compostela Aberta presentase os Orzamentos municipais de 2025, proxecto que foi pactado co Grupo Socialista, cuxos votos son imprescindibles para aprobalos definitivamente. O novo paso na escalada amplifica tamén o eco político do conflito no resto de Galicia, especialmente no ámbito da esquerda, xusto no primeiro aniversario da quinta maioría absoluta do PP nas eleccións do 18F, nas que o PSdeG colleitou o seu peor resultado histórico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.