A nacionalista, que liderará un goberno de coalición con Compostela Aberta, recibiu tamén o apoio do PSdeG e sumou 14 dos 25 votos da corporación municipal
Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) converteuse este sábado na primeira alcaldesa de Santiago. Con ela o BNG, que obtivo seis escanos nas eleccións municipais do pasado 28 de maio, gobernará a capital galega en coalición con Compostela Aberta, que logrou dous escanos. Farao tras recibir tamén o apoio na investidura dos outros seis edís do PSdeG. Así, os 14 votos obtidos este sábado por Sanmartín na constitución da corporación municipal superaron os 11 do candidato popular á alcaldía, Borja Verea.
O apoio a Sanmartín do PSdeG, cos mesmos edís que o BNG pero menos votos nas urnas, concretouse finalmente só na votación a favor da súa investidura, pero non na entrada no goberno que ofrecía a nacionalista. O grupo municipal socialista, xa sen o rexedor saínte, Xosé Sánchez Bugallo, que anunciou a súa retirada na mesma noite electoral, e no que tamén rexeitou tomar posesión como edil Xoaquín Fernández Leiceaga, quere darse un tempo para reorganizarse na súa nova situación. Así que o novo goberno local compostelán sustentarase en oito concelleiros dos 25 que ten a corporación.
Sanmartín, que estivo acompañada na toma de posesión pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, prometeu o cargo "co agradecemento ás mulleres que abriron camiño e polas que virán", e prometeu igualmente lealdade "á xefatura do Estado" e á Constitución "por imperativo legal" engadindo o seu compromiso de "defender os dereitos e intereses xerais da veciñanza de compostela e do pobo galego".
"Santiago, a cidade con historia, ten que ser tamén un concello de futuro", di Sanmartín na súa toma de posesión, na que apela a que "deixe de ser só un destino turístico e parque temático" e sexa "un Santiago para a xente"
Nas súas primeiras verbas como alcaldesa [aquí o PDF coa intervención íntegra] Sanmartín quixo lanzar un discurso de "amor, confianza e esperanza", xa que, dixo, a política só ten sentido "se fai máis felices as persoas". "Santiago, a cidade con historia, ten que ser tamén un concello de futuro", dixo a nacionalista, que amosou o seu desexo de "que este concello deixe de ser só destino turístico e parque temático" sexa "un Santiago para a xente".
Sanmartín tamén salientou a importancia que para a cidade ten a universidade e "a monumental catedral sen a que non poderiamos explicar a nosa historia", e apelou a traballar de xeito cooperativo con todos os poderes que residen na praza do Obradoiro. Tamén tivo verbas para as parroquias, ás que asegurou que se sentirán igualmente parte de Compostela.
Na súa intervención a nacionalista lembrou diversas figuras históricas da cidade, de Rosalía de Castro a Ánxel Casal, e no persoal dedicou un recordo especial á súa nai e a súa madriña. "Comeza un tempo novo", dixo Sanmartín, para rematar asegurando que "este goberno que hoxe bota andar será o de todas e todos vós, fico obrigada para sempre".
Tras a toma de posesión, o BNG celebrou un encontro festivo coa cidadanía na Praza do Obradoiro. Mentres, a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, asegurou que con Sanmartín "inicia o cambio de ciclo que pide este país, o que está sucedendo hoxe é un símbolo da Galiza que vén".