Foi unha das noticias do 28M en Galicia e son tamén unhas das negociacións que máis expectación están a xerar. O BNG adiantou o PSdeG en Santiago tras medrar algo máis de catorce puntos en votos (ata o 23,55%, segundo o reconto provisional) e e sumar 4 edís aos 2 que tiña ata chegar a 6, os mesmos cos que quedaron os socialistas tras perderen 4 e descenderen case trece puntos, ata o 21,66%.
Esta correlación de forzas, engadida aos 2 edís de Compostela Aberta, deron lugar na capital galega a unha maioría da esquerdas susceptible de investir alcaldesa á nacionalista Goretti Sanmartín malia ao ascenso do PP, que agora é a forza máis numerosa da corporación con 11 edís (+3) tras avanzar algo máis de seis puntos en votos, ata case o 38%. Con eses números sobre a mesa, o Bloque tomou a iniciativa das negociacións, que comezaron este mércores cunha xuntanza cos socialistas, que garanten o seu apoio á investidura de Sanmartín, pero non así a súa entrada no vindeiro goberno da capital galega.
Sanmartín, que xunto con membros da súa candidatura se reúne este venres con Compostela Aberta, xa expresou a súa preferencia por conformar un goberno tripartito e pactalo, ademais, antes da investidura do 17 de xuño, día en que se constitúe a nova corporación. Pero o PSdeG local, en plena vaga expansiva da dimisión do alcalde en funcións, Xosé Sánchez Bugallo -que non recollerá a súa acta de edil para o novo mandato-, di considerar "imprescindible un exercicio de reflexión e valoración para poder chegar a un acordo de goberno", sinala a edil Mercedes Rosón, número dous da candidatura.
Rosón (PSdeG) mantén que os socialistas apoiarán que Goretti Sanmartín sexa alcaldesa porque "a cidadanía non entendería outra cousa" e evoca anteriores acordos entre ambas formacións para abrir a porta a pactar unha eventual entrada no goberno despois da investidura. A candidata do BNG, que este venres se xunta con Compostela Aberta, reitera que procurará un acordo "estable"
Ratifica Rosón que o PSdeG vai "facilitar co seu voto a investidura de Goretti Sanmartín", o que implica necesariamente votar a prol, porque "a cidadanía de Compostela non entendería outra cousa". Pero tamén "somos moi conscientes da situación de paridade, de igualdade numérica na que nos colocou a veciñanza". Un panorama que require "reflexión" e ante o que apela a pactos pasados entre ambas formacións na cidade, como os pechados en 2003 e 2007 para investir a Bugallo, cos socialistas como forza maioritaria pola esquerda. Daquela, lembra, houbo primeiro un pacto de investidura e non foi ata semanas ou mesmo meses despois cando se pechou un acordo de coalición.
Alén disto, Rosón mantén que a primeira toma de contacto foi "cordial" e nisto coincide tamén Sanmartín, quen agrega que ambas forzas se emprazaron a seguir negociando para "conseguir que haxa o goberno estábel que este concello precisa". Esas conversas, confirma, continuarán a semana vindeira e nelas tamén se verán as "posibilidades de entraren no goberno".
O Bloque, en calquera caso, está "en disposición e preparado para gobernar este Concello" dende a súa elección como alcaldesa o 17 de xuño. E por iso "seguiremos a traballar para achegar ás outras forzas da esquerda", a comezar polo PSdeG, "a un pacto de goberno" sobre o que nesta primeira xuntanza, informa o BNG, se "falaron de liñas e eixos xerais". "O primeiro -indica a candidata do Bloque- é resolver os asuntos de tipo programático e temas urxentes e importantes para Santiago".