Sanmartín pide "ter un goberno forte e sólido que comece a traballar" inmediatamente despois da súa investidura como alcaldesa o 17 de xuño
O BNG informou este martes de que xa ten convocadas senllas reunións para este xoves 1 de xuño co PSdeG e para o venres 2 con Compostela Aberta cara a conformar un goberno municipal de coalición “amplo e estable” en Santiago coa súa candidata, Goretti Sanmartín, como alcaldesa. A propia Sanmartín di apostar por “un proceso rápido e intenso que debe culminar o 17 de xuño, cando se constitúa a nova Corporación e se escolla a Alcaldía de Santiago de Compostela”.
Isto é, a nacionalista quere ter un pacto de goberno conformado antes da súa propia investidura. Non limitarse a recibir o apoio das outras formacións ese día para despois seguir negociando.
A primeira reunión xa convocada servirá, di a formación nacionalista, para “transmitir as liñas principais de transversalidade e de eixos fundamentais do programa do BNG” e para coñecer tamén “as liñas que poñen enriba da mesa os outros dous grupos e para transmitirlles a necesidade de conformar este goberno canto antes”. Sanmartín fixo un chamamento á responsabilidade dos outros dous grupos “polas urxencias de Santiago de Compostela, que non pode agardar para ter un novo goberno amplo, estábel, forte e sólido que comece a traballar a partir do 18 de xuño”.
O candidato popular, Borja Verea, insiste en pedir aos socialistas que faciliten coa súa abstención que goberne el en solitario por ser o PP a forza máis votada
Nos comicios deste pasado domingo a forza máis votada foi o PP, pero a esquerda suma concelleiros para un goberno alternativo co BNG á cabeza, con seis edís, os mesmos pero máis votos que o PSdeG, aos que hai que engadir outros dous concelleiros de Compostela Aberta.
Pola contra, o candidato do PP, Borja Verea, con 11 edís, reclama que o resto de partidos o deixen gobernar en solitario como forza máis votada. Para iso pon o foco especialmente no PSdeG, ao que pide que facilite a súa investidura cunha abstención.