Nos últimos doce anos Santiago tivo cinco alcaldes. O socialista Xosé Sanchez Bugallo perdeu a alcaldía fronte ao popular Gerardo Conde Roa en 2011, que apenas oito meses despois tivo que dimitir polas súas contas pendentes con Facenda. O PP remudouno por Ángel Currás, que dous anos despois e no medio dun marasmo xudicial foi substituído por Agustín Hernández á fronte dun goberno con maioría de edís non electos.
En 2015, como é sabido, Martiño Noriega logrou á alcaldía á fronte de Compostela Aberta. E en 2019 regresou Bugallo, que neste 2023 opta á reelección polo PSdeG. Este é o pano de fondo no que o BNG compostelán di observar a oportunidade de lograr o seu particular salto adiante dende os seus 2 actuais postos na corporación e disputar a alcaldía da capital con Goretti Sanmartín.
A formación soberanista analiza que nun contexto de descenso desmoscópico non tanto da marca dos socialistas como da figura de Bugallo, poden formular á veciñanza da capital a seguinte dicotomía: "Ou alcalde do PP ou facer historia cunha alcaldesa do BNG"
Ana Pontón pide "concentrar o voto no BNG" e apela a quen optou pola formación nas últimas eleccións galegas para que apoie agora a Goretti Sanmartín como "alternativa de futuro na cidade"
Despois de abrir a campaña xunto á súa candidata á alcaldía, Goretti Sanmartín, este 16 de maio a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, regresou a Compostela para formularen propostas en materia turística. Así o fixeron, se ben puxeron o foco tamén no contexto electoral xeral. Chaman a quen "queira un cambio real" e "abrir un tempo novo" a "concentrar o voto no BNG, sumar o voto de cambio real na candidatura que encabeza Goretti Sanmartín" porque "representa a alternativa para dar futuro a esta cidade".
Defende Pontón que Sanmartín é "a alcaldesa que esta cidade necesita para saír da rutina e volver ilusionarse cun futuro mellor". E neste marco, vai alén para realizar unha petición en clave máis persoal, dirixíndose ao electorado compostelán que optou polo BNG nas eleccións galegas de 2020: "Quero pedirlles que repitan esa confianza, porque neste momento a papeleta que representa a alternativa ao PP e que pode devolver a ilusión a Santiago é a que encabeza Goretti Sanmartín". Do contrario, afirman, existe o risco do goberno dun PP "que foi letal" no seu paso pola alcaldía durante o mandato dos tres rexedores.
Ese chamamento ten por tras un cálculo numérico nada desprezable. Nesas eleccións galegas o Bloque logrou algo máis de 14.000 votos en Santiago, o que supuxo case o 30% e un crecemento próximo aos vinte puntos en relación aos anteriores comicios ao Parlamento. Apenas un ano antes, nas municipais conseguiron na cidade algo menos de 5.000 votos, pouco máis do 9% do total.
"Se é bo para quen vive, é bo para quen visita"
O Bloque, promete Sanmartín, promovería dende o goberno local "declarar toda a cidade histórica como zona saturada de tendas de souvenirs".
En clave turística, Pontón e Sanmartín aseguran que o seu programa na materia para Santiago pasa por "unha maior profesionalización, diversificación, desestacionalización" e aumento "do gasto medio" por turista. Pero tamén por medidas concretas como "declarar toda a cidade histórica como zona saturada de tendas de souvenirs".
Neste contexto, promete Sanmartín, se chega ao goberno creará a denominada SantiagoCard, "unha tarxeta que promova visitas a museos, actividades culturais, uso de transporte público e tren turístico". Asemade, agrega, están a prol da implantación da taxa turística que comezou a xermolar no mandato de Compostela Aberta e que todo o pleno municipal, agás o PP, aprobou neste mandato solicitar á Xunta. Trátase de medidas, sintetizan, inspiradas no principio de que "se é bo para quen vive, é bo para quen visita".