Santiago: O PP é quen máis ordena

Tomas de posesión de Conde Roa, Currás e Hernández CC-BY-SA Praza Pública

Tres anos e unha semana. É o tempo transcorrido entre a investidura de Gerardo Conde Roa como alcalde de Santiago e a toma de posesión no mesmo cargo de Agustín Hernández, a quen lle restan apenas dez meses ata as vindeiras eleccións despois de recoller este martes o bastón de mando de mans de Ángel Currás, rexedor durante dous anos e dous meses. Compostela estrea o terceiro alcalde en tres anos de mandato, unha situación excepcional en si mesma que o é aínda máis pola inédita razón de que a maior parte do equipo de goberno non emana das urnas que lles deron a maioría absoluta aos conservadores en 2011, senón da vontade da dirección do PP.

Malia a chegar a este punto tras unha sucesión de escándalos e problemas coa Xustiza a escenografía configurada polos responsables municipais quixo tender á "normalidade institucional" que o propio Hernández proclamou no seu discurso. O novo alcalde quería que a "excepcionalidade" rematase nada máis culminar o pleno de investidura e, se cadra por iso, o novo goberno transmitía unha fasquía máis propia de quen vén de gañar unhas eleccións que dun gabinete de crise. Vestimentas de festa, amplos sorrisos e a zona do público inzada de altos cargos -a prensa foi desprazada a unha sala contigua para seguir o pleno por unha pantalla- eran as pezas da tremoia no interior do Pazo de Raxoi mentres, fóra, a Policía valaba a metade da Praza do Obradoiro para conter a protesta que congregara arredor dun cento de persoas.

O goberno de Hernández, con maioría de non electos, chega tres anos despois da toma de posesión de Conde Roa

Dous dos manifestantes eran detidos por saltar o cordón policial poucos minutos antes de que Currás pronunciase o seu derradeiro discurso como alcalde e tornase á condición de edil raso. O substituto de Conde Roa desexoulle ao seu sucesor mañas para devolverlle a Compostela "a súa natural serenidade institucional, estabilidade e continuidade". Tras xurar o cargo -só a nova edil e tamén deputada Marta González o prometeu- e xa co bastón de mando na man Hernández proclamou a apertura dunha "nova etapa", marcada pola "estabilidade, a confianza e a proximidade" e afastada das "circunstancias que teñen condicionado a vida deste Concello" nos últimos anos. 

Promesa de "transparencia"

No mesmo ton postelectoral quen ocupara o vixésimo quinto posto na lista de Conde Roa presenta a "ilusión" e a "esperanza" como premisas para promiciar un "cambio de cultura política e das maneiras de actuar" no consistorio da capital. "É preciso poñer en práctica unha nova forma de facer política" e para iso pide a colaboración do funcionariado municipal, "por riba dos lexítimos credos e ideoloxías persoais" de cadaquén. Os membros do seu goberno, asegura, serán "exemplares dende o principio" e a casa do Concello, que seguía blindada polos antidisturbios, semellará un "deses vidros que permiten ver o interior e que ao mesmo tempo reflicten o exterior", unha "institución transparente que sexa o espello no que todos se poidan ver representados".

O novo alcalde prometeu proximidade mentres a policía valaba a metade da Praza do Obradoiro

Neste contexto Hernández disponse a "pechar de inmediato" a distribución de responsabilidades dun goberno do que tamén será voceiro, no que continúa Currás e que, afirma, quere "acadar o obxectivo de que esta cidade marabillosa sexa un orgullo para os que viven aquí e para o conxunto dos galegos e galegas". Para isto asegura ter "man tendida" cara á oposición, a mesma na que observa unha actitude de "postureo político", nomeadamente pola banda do BNG, cuxos edís abandonaron o pleno no momento en que os edís non electos tomaban posesión como protesta pola súa falta de "lexitimidade", di o voceiro nacionalista, Rubén Cela.

A oposición censura a maioría de non electos

Tanto Cela como o socialista Francisco Reyes discrepan da apertura desa nova etapa proclamada polos populares. "Non estamos a vivir nin sequera un punto e aparte", di Reyes, que ve no discurso de Hernández un recoñecemento da "anormalidade" provocada polo PP en Compostela e que tamén reflicte, ao seu xuízo, o "cordón de seguridade" despregado para "impedir que a veciñanza puidese achegarse" ao que "el mesmo definiu como casa común de toda a veciñanza". A maioría dos edís que gobernarán Santiago ata as eleccións "non pasaron pola lexitimidade dos votos", lembra Reyes, situación que, unido a todo o acontecido anteriormente, lévao a botar en falta que Agustín Hernández non comezase a súa estancia no cargo cunhas "desculpas".

PSdeG e BNG lembran que o novo goberno non conta "coa lexitimidade dos votos"

Tampouco o Bloque ve cambio ningún en Raxoi. "Continúa o mandato de Conde Roa e de Ángel Currás" pero "do peor xeito posible, cunha crise de lexitimidade en termos democráticos" que "non é froito da casualidade", senón dunha "absoluta anormalidade democrática" derivada de "tres anos cheos de malas prácticas e corruptelas". Cela "saúda", en todo caso, que Hernández avance a súa intención de contar coa oposición e os sindicatos, o que non implide "discutir a lexitimidade de que Santiago teña un grupo de goberno onde a maioría dos concelleiros e concelleiras non contan co aval das urnas". Tanto o Bloque como o PSdeG agardan pola resolución dos recursos contra esta composición do goberno e Hernández pídelles que "sexan responsables" e "non dificulten o normal desenvolvemento" da vida local.

Integrantes do novo equipo de goberno de Santiago © Concello de Santiago
Concentración no Obradoiro, valado CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.