María Rozas foi concelleira de Facenda no mandato en que Martiño Noriega exerceu a alcaldía de Santiago por Compostela Aberta (2015-2019). Nun contexto político radicalmente diferente ao daquel ascenso das mareas municipais, en 2023 afronta o reto de ser candidata á alcaldía nun complexo escenario para este espazo político. Tras catro anos na oposición e algún pacto puntual co goberno do PSdeG co alcalde Xosé Sánchez Bugallo, Rozas di estar en condicións de ofrecer "propostas para que Santiago mellore que non son de hai trinta anos" e advirte de que, ante a eventualidade de ter que participar na conformación dunha maioría pola esquerda, CA ve clara a necesidade de que cambie a alcaldía
É vostede candidata nun contexto moi diferente. É a primeira vez que Compostela Aberta afronta unhas eleccións dende dentro da corporación, pero dende a oposición…
Compostela Aberta é unha marca consolidada, ten a súa bagaxe e traxectoria política, cun equipo que non teñen outras forzas políticas en Santiago e coa traxectoria de pasar pola oposición e experiencia de goberno. E logramos en ambos casos facer algo que non conseguen o resto, que é ser coherentes e dicir o mesmo na oposición que no goberno.
Na súa presentación como candidata afirmou que en Santiago rematou o "mito dos bos xestores", en referencia ao actual goberno do alcalde Sánchez Bugallo. Por que o asegura?
"Bugallo chegou prometendo que ía resolver moitas cuestións en tres meses e leva catro anos sen resolvelas"
O descontento que hai na veciñanza é evidente. O alcalde chegou prometendo que ía resolver moitas cuestións da cidade en tres meses e van case catro anos sen resolvelas Podo poñer exemplos: operación Peleteiro, o transporte público e a mobilidade... Foron catro anos perdidos e nalgunhas cuestións mesmo estamos peor. Ademais, na xestión do día a día todos os indicadores foron a peor; pasouse dun período medio de pago a provedores duns trinta e poucos días a máis de cen. Teñen na mochila ser o goberno que peor paga na historia do Concello de Santiago e e ser a segunda cidade, tras Jácome [alcalde de Ourense] que peor paga.
Durante o mandato puxeron o foco en asuntos transversais que xa abordaran na súa etapa de goberno como pode ser reformular a política turística, ou a cuestión da vivenda, por exemplo. Cren que tiveron eco na cidade?
"Chamáronnos 'turismófobos' coa taxa turística que agora é aceptada de forma case unánime, pero perdéronse catro anos, como en moitas outras cousas"
No seu momento, Compostela Aberta deu debates valentes que a unha minoría poderosa de Santiago non lle gustaron. Fomos moi criticadas, por exemplo, na nosa aposta por un turismo sostible e pola taxa turística. Chamáronnos turismófobos e agora eses debates son aceptados de forma case unánime: o alcalde Sánchez Bugallo e mesmo o presidente Rueda están dispostos a estudala, con todo o que dixeron dela. Pero perdéronse catro anos, como en moitas outras cousas. O tempo deunos a razón e era debates que había que dar, aínda que perdésemos votos.
O contexto electoral non semella favorable para a súa formación, atendendo por exemplo ás enquisas que se foron coñecendo. Alén de que toda forza se presenta para obter o mellor resultado posible, cales son as súas expectativas?
O que nos din as enquisas é que o noso espazo está consolidado. Dannos unha representación similar á que temos agora [5 edís] e e este tamén é o sentimento que temos cando nos reunimos nos barrios, nas parroquias e con representantes sociais. Temos capacidade para ser claves na cidade, pero tamén tentaremos gañar ás enquisas. A política pode cambiar moito en seis meses.
Vostedes son unha formación municipal, pero ata que punto cren que lles afectará a situación de formacións políticas como Podemos e Sumar a nivel xeral e o que suceda entre elas, por exemplo, ao decidiren se conflúen ou non para as eleccións xerais?
Gústame facer fincapé en que somos unha forza municipal, son unha municipalista convencida; o noso obxectivo é a veciñanza de Santiago. Somos recoñecidos como Compostela Aberta, máis alá do espazo a nivel nacional ou estatal. Pode influír? Si, pero tamén é certo, e sabémolo quen vimos do mundo da ciencia política, que se hai unhas eleccións onde se pode votar en clave diferente e non tanto en clave de partido esas son as eleccións locais. E Compostela Aberta está aí con propostas para que Santiago mellore, non con propostas de hai trinta anos.
Foi concelleira de Facenda no goberno de Martiño Noriega, vese volvendo ao goberno tras as eleccións de maio?
"Tras as eleccións verase se a veciñanza decidiu que hai opcións dun bipartito, tripartito... Pero o que podo adiantar é que é moi necesaria unha mudanza na alcaldía"
Paso a paso. Temos que ver os resultados. Despois das eleccións verase que decidiu a veciñanza e se hai opcións dun bipartito, tripartito... Ou unipartito. Xa se verá, pero o que si podo adiantar é que é moi necesaria unha mudanza na alcaldía. Non podemos continuar con propostas resesas doutro tempo. Levamos catro anos perdidos coa alcaldía de Sánchez Bugallo e é tempo de propostas renovadoras. Viamos estes días, por exemplo, coa crise de goberno e a dimisión dun dos concelleiros, como queda en evidencia de que Bugallo, ademais de non contar con equipo, tampouco conta con proxecto político.
Daquela, verían viable unha coalición pero cunha persoa na alcaldía que non fose Bugallo?
Compostela Aberta sase para gañar, cun proxecto político que pode cambiar Santago. Temos propostas políticas froito do que falamos cos veciños e veciñas e que son de hoxe en día e non de hai trinta anos. Santiago ten moito que mellorar, é necesario que Compostela Aberta estea aí, coa súa coherencia e honestidade e con debates que outros non dan.