O socialista obtén 10 edís por 5 da formación que encabezaba Martiño Noriega, mentres que o popular Hernández cae de 9 a 8 concelleiros e empeora aínda máis o que xa era o peor resultado dos populares na cidade
O socialista Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago entre 1998 e 2011, volverá ser o rexedor da cidade ao facerse con 10 dos 25 edís da Corporación (35% dos votos). Compostela Aberta, que aspiraba a reeditar a alcaldía de Martiño Noriega, perde a metade dos seus concelleiros ao pasar de 10 a 5, pero nin os seus edís nin os 2 que reedita o BNG votarían ao candidato do PP, Agustín Hernández, que con 8 edís só podería gobernar contando con eses apoios.
Os populares, co ex-conselleiro Agustín Hernández á fronte, volven empeorar o que xa era o seu peor resultado histórico na cidade e perden outro concelleiro, baixando de 9 a 8
Bugallo chegou por primeira vez á alcaldía en 1998, tras ser man dereita do seu antecesor Xerardo Estévez, que lle deixou o cargo. Nas seguintes e sucesivas eleccións municipais o socialista obtivo 9 concelleiros en 1999, 11 en 2003, 10 en 2007 e 9 en 2011, cando perdeu a alcaldía a mans da maioría absoluta do popular Gerardo Conde Roa.
Nestes comicios o socialista máis que duplicou os apoios de hai catro anos, pasando de 7.000 a 17.000 votos, rabuñando tanto pola esquerda a Compostela Aberta, que cae de 16.000 a 10.000 votos, como pola dereita ao PP, que cae de 16.000 a 15.000 votos. Os populares, co ex-conselleiro Agustín Hernández á fronte, volven empeorar o que xa era o seu peor resultado histórico na cidade e perden outro concelleiro, baixando de 9 a 8. Pola súa banda o BNG gaña apoios e pasa do 7% a máis do 9% dos votos, pero non logra aumentar os 2 escanos cos que xa contaba.
Bugallo asegurou que o obxectivo agora é "sacar Compostela do lugar no que está depositada" e lograr que "volva ser o centro de Galicia e un referente europeo e mundial". Martiño Noriega, pola súa banda, amosouse claramente decepcionado, recoñeceu que os resultados "non acompañaron o desexo" de poder manterse catro anos máis como rexedor e amosou o seu "absoluto orgullo" por ter sido alcalde.
Compostela Aberta, PP e BNG asumen a "decepción" por non ter acadado os seus obxectivos
Agustín Hernández, candidato do PP, recoñeceu "certa decepción" por non acadar tampouco "o resultado desexado, que era gañar", mentres que Goretti Sanmartín, cabeza de lista do BNG, tamén considerou que os dous escanos que mantén a formación "non cumpren os obxectivos" cos que se presentou.