Forza máis votada ou maioría absoluta: as dúas vías para chegar á alcaldía tras o 26M

Detalle da fachada dunha casa consistorial CC-BY-SA Lameiro

A máis que probable ausencia de maiorías absolutas en moitos concellos de Galicia despois das eleccións municipais deste 26 de maio provocou que no debate público e no seo das formacións volvese cobrar especial importancia a cuestión da conformación dos gobernos tras os comicios. E, nomeadamente, das situacións en que as candidaturas poden optar á alcaldía, toda vez que o xogo de maiorías non funciona de xeito idéntico aos que operan, por exemplo, no Parlamento galego ou no Congreso dos Deputados.

A diferenza do que acontece nalgúns parlamentos, nos concellos non abonda con que a candidatura á alcaldía obteña máis votos a prol que en contra

Nas sesións de constitución das novas corporacións municipais, previstas para o vindeiro 15 de xuño -agás no caso de contenciosos electorais, que se día vinte días máis-, calquera das forzas con representación na corporación pode presentar á alcaldía á persoa que concorrese aos comicios como cabeza de lista. Quen aspire ao bastón de mando ten dúas vías legais para logralo.

Tal e como establece a lei electoral, se a persoa proposta como candidata obtén a maioría absoluta do pleno, obtén a alcaldía. A diferenza a respecto do que sucede nalgúns parlamentos, nos concellos non abonda con obter máis votos a prol que en contra. É imprescindible lograr o apoio de, cando menos, a metade máis un dos edís da corporación para lograr a investidura por esta vía.

Esquema da elección das alcaldías CC-BY-NC-SA Praza Pública

Se a maioría absoluta non existe a lei prevé outra posibilidade: será proclamado alcalde ou alcaldesa a persoa que encabezase a lista máis votada o día das eleccións. Deste xeito, nun contexto sen maiorías absolutas os pactos postelectorais entre forzas políticas teñen, necesariamente, que sumar maioría absoluta se entre as forzas coaligadas non está a máis votada.

Se non existe candidatura á alcaldía que logre maioría absoluta, o posto é para a persoa que encabezase a lista máis votada nas eleccións

No caso das cidades galegas a tradución a escanos sería a seguinte, traducida a números. Na Coruña, Vigo e Ourense, onde pola súa poboación son elixidos 27 concelleiros e concelleiras, unha forza política só pode obter a alcaldía en solitario se ten como mínimo 14 edís ou, no caso de ter menos, se é a máis votada e as eventuais alianzas alternativas suman menos de 14. 

En Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol, corporacións de 25 edís, logrará a alcaldía a candidatura que, co apoio dunha ou varias forzas políticas, consiga un mínimo de 13 votos favorables. Se non, o bastón de mando é automaticamente para a persoa que encabece a lista máis votada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.