Seis alcaldes que levan 40 anos ou máis no cargo buscan recuncar o 26M

Casa do Concello de Beade, situada na 'Rúa do Caudillo' © Concello de Beade

Nestas eleccións municipais hai un gran número de candidatos e candidatas que se presentan aos comicios por vez primeira, algúns rexedores e rexedoras que estrearán cargo e outros e outras que repetirán mandato por segunda ou terceira vez. Pero hai un grupo -reducido. de alcaldes que suman 40 anos ou máis no cargo e que o domingo 26 de maio buscarán repetir no posto. En concreto son seis, despois de que dous dos oito que gobernan dende (cando menos) 1979 non encabecen ningunha lista nesta ocasión.

O alcalde de Beade, Senén Pousa, chegou ao cargo en 1974, aínda con Franco vivo, e aspira a manterse no posto

O aspirante máis lonxevo pasa a ser Senén Pousa (PP), alcalde de Beade de 1974 e coñecido polas súas declaracións en favor da ditadura: segue recoñecéndose como "franquista" e afirmando que "fixo cousas boas e malas, como todo o mundo". Accedeu ao cargo aínda en vida de Franco e en 1979 gañou as primeira eleccións democráticas, repetindo nas nove convocatorias seguintes e buscando a súa undécima vitoria. Foi alcalde primeiro con Coalición Democrática, despois con Alianza Popular, posteriormente con Centristas de Galicia e dende 1991 co Partido Popular.

A Manuel Gallego Vila, alcalde de Taboadela, correspondíalle ata agora esa condición de alcalde con máis anos no cargo, ao que accedera en 1972. Porén, o rexedor do PP non figura nas listas nesta ocasión, despois de 47 anos como alcalde e 52 como concelleiro. 

Os rexedores de Paradela, Quintela de Leirado, Xunqueira de Ambía, A Peroxa e Brión gañaron tamén as 10 eleccións celebradas dende 1979

Outros cinco rexedores mantéñense no poder dende as primeiras eleccións municipais de 1979 e optan á súa reelección, co que sumarían 11 mandatos e 44 anos no cargo, se completan o cuatrienio. Trátase dos alcaldes de Paradela (José Manuel Mato Díaz), Quintela de Leirado (José Antonio Pérez Cortés), Xunqueira de Ambía (José Luis Gavilanes Losada) e A Peroxa (Manuel Seoane Rodríguez), todos do PP. E tamén do socialista Xosé Luís García García, alcalde de Brión.

A única baixa neste grupo é o do actual alcalde de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal Vaqueiro, un home que foi rexedor primeiro na lista de UCD (1979), despois como independente (1983), posteriormente co PSdeG (1987,1991), para continuar co PP a partir de 1995, sempre con maioría absoluta, aínda que de forma moi axustada no ano 2015. Nesta ocasión non figura na candidatura do Partido Popular, que será encabezada por Marta Valcárcel.

Casa do Concello de Paradela CC-BY Apradaf

Outros 6 candidatos poderían chegar aos 40 anos de goberno en 2023

Outros seis rexedores optan á súa décima vitoria e chegar aos 40 anos de Goberno

Ademais destes seis alcaldes que suman catro décadas ou máis á fronte dos seus concellos, hai outros seis rexedores que permanecen no cargo dende 1983 e que nesta ocasión volven encabezar as súas candidaturas, polo que -de repetir vitoria- poderían chegar aos 40 anos de goberno ao remate deste novo mandato. Trátase dos alcaldes de Vilamarín (Amador Vázquez Vázquez, PP), Mondariz-Balneario (José Antonio Lorenzo Rodríguez, PP), Dumbría (José Manuel Pequeño Castro, PSdeG), Carballedo (Julio Manuel Yebra-Pimentel Blanco, PP), Beariz (Manuel Prado López, PP) e Abadín (José María López Rancaño, PP).

Tamén no Goberno municipal dende 1983, nesta ocasión non repetirán os rexedores de Vilar de Barrio (Julio Pérez Carballo, PP), O Páramo (Gumersindo Rodríguez Liz, PP) e Campo Lameiro (Julio Sayáns Bugallo, PP).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.