Nos últimos dous anos vivimos dous 8 de marzo históricos. Centos de miles de persoas, sobre todo mulleres, saíron á rúa para protestar contra o machismo que segue a dominar case todos os ámbitos da sociedade. Tamén na política.
Nas eleccións do 2015 foran o 21,8% e agora son o 25,4%
A Lei de Igualdade do ano 2007 determina a presenza equilibrada de homes e mulleres nas listas electorais, movéndose un e outro sexo entre o 40% e o 60% en toda a lista e en cada treito de cinco persoas e dende a súa entrada en vigor a porcentaxe de mulleres nos Parlamentos supera ese 40%. De feito, de cara ás eleccións xerais deste domingo, o número de mulleres cabeza de lista nas candidaturas galegas ao Congreso duplica ao de homes.
Porén, ata agora estes avances cara á igualdade na política non chegaron aos concellos. As listas municipais deben respectar esa paridade na súa composición (pero só nos concellos de máis de 3.000 habitantes), pero poden ser encabezadas por un home ou unha muller. E a realidade é que os homes seguen a ser unha abafante maioría.
Pontevedra foi a provincia na que a porcentaxe medrou máis. Ourense é o territorio cunha menor proporción
Nas eleccións municipais de 2015 tan só o 21,8% das listas en Galicia foron encabezadas por unha muller e catro anos despois a porcentaxe medrou, pero de forma moi cativa, situándose no 25,4%. A provincia de Pontevedra é onde as candidaturas lideradas por mulleres creceron de forma máis clara, pasando do 23% ao 30%. As cifras de Ourense e Lugo, en cambio, case non se moveron, aínda que a provincia lucense segue por diante da da Coruña, que si aumentou algo máis.
En total, das 1.253 listas municipais que se presentan ás eleccións do 26 de maio, tan só 321 están encabezadas por unha muller. En 2015 tan só foron elixidas 38 alcaldesas, un 12%, moi por debaixo da media española.
En Allariz, Moeche, Muros, Oímbra e Vilariño de Conso todas as candidatas son mulleres
No mapa detállase o número de candidaturas encabezadas por mulleres en cada concello. Hai tan só cinco localidades nas que todas as candidatas á Alcaldía son mulleres: Allariz, Moeche, Muros, Oímbra e Vilariño de Conso. Pola contra, 114 concellos non contan non ningunha. Curiosamente, tres dos concellos con pleno feminino pertencen á provincia de Ourense, o lugar no que tamén hai máis localidades nas todos os candidatos son homes.
Cómpre salientar o caso da cidade de Pontevedra, onde se presentan 10 candidaturas e todas están encabezadas por un varón. Ou os de Coristanco (8 de 8), Burela, Nigrán e O Pereiro de Aguiar (7 de 7), Verín ou Val do Dubra (6 de 6).
En 114 concellos todas as listas están encabezadas por homes. Na cidade de Pontevedra, 10 de 10
No outro extremo, ademais dos cinco concellos xa sinalados, destaca o caso de Sanxenxo (6 candidatas á Alcaldía dun total de 8 listas) ou os de Campo Lameiro, Mondoñedo e Vilamarín (3 de 4).
As cidades, ademais do comentado caso de Pontevedra, están copadas polos candidatos varóns: A Coruña achégase ao 50% (5 de 11), pero en Vigo (3 de 11), Santiago (2 de 7), Ferrol (2 de 11) e sobre todo Ourense (1 de 15) as mulleres son clara minoría.