Máis alcaldesas, pero aínda moi poucas: só 38 en toda Galicia

Evolución do número de alcaldesas en Galicia Dominio Público Praza Pública

As eleccións do 24M trouxeron moitos cambios, pero se revisamos a lista de alcaldes e alcaldesas elixidos vemos coma nalgunhas cuestións, coma a igualdade entre homes e mulleres, estamos aínda moi lonxe de que as mudanzas sociais cheguen ás alcaldías. A política municipal, cando menos no que respecta ás cabezas de lista, segue sendo cousa de homes. A lei de igualdade de 2007 fixo que se equilibrasen bastante as cifras de concelleiros e concelleiras (tamén os de deputados e deputadas en todas as cámaras lexislativas), pero non fixa criterios novos para a elección de alcaldes e alcaldesas. E aquí o cambio vai lento.

Mesmo así, hai que subliñar que na presente lexislatura si crece o número de mulleres á fronte de corporacións municipais. Se os comicios de 2011 deixaron só 24 alcaldesas en Galicia, agora teremos 38, un incremento de máis do 50%. Ao longo da pasada lexislatura, iso si, distintas circunstancias foran elevando o número de rexedoras, que eran 31 no momento de convocar novas eleccións.

O número vai elevándose dende 1983, case sen interrupción, aínda que só en 2007 e 2015 o crecemento foi significativo. Das 6 alcaldesas elixidas en 1983 pasárase vinte anos despois a tan só 14. Nas eleccións de 2007 a cifra case se duplicou (25), pero esta tendencia non se mantivo nos comicios de 2011, e o número mesmo se reduciu. 

O incremento ao que asistimos no 2015 eleva a porcentaxe de rexedoras ao 11,8%, pero aínda moi por debaixo da media española

O incremento ao que asistimos no 2015 eleva a porcentaxe de rexedoras ao 12,1%, pero aínda moi por debaixo da media española, situada en 2011 no 17%, segundo o Instituto da Muller. Á falta dos datos resultantes do 24M, debe esperarse un incremento, máis grande ou máis pequeno, nas cifras en todas as comunidades autónomas. Madrid, Euskadi, Asturias, Andalucía e Navarra superaban xa o 20% de rexedoras na pasada lexislatura. Pola contra, Cantabria e Galicia situábanse por debaixo do 10% e Castela-León, Cataluña e A Rioxa roldaban o 15%.

Era, en realidade, un escenario esperable, xa que só 1 de cada 5 listas electorais estaba encabezada por unha muller (o 21,8%). De feito, había 128 concellos nos que ningunha das listas electorais que se presentan está encabezada por unha muller. Noutros 119 só unha das candidaturas ten unha muller á fronte, mentres que en 56 hai dúas mulleres candidatas e en unicamente 8 hai tres ou máis.

Destaca o caso de Lugo, única urbe gobernada por unha muller, a socialista Lara Méndez, que se converteu na primeira alcaldesa na historia da cidade das murallas

Das 38 alcaldesas, 11 están en Ourense, outras 12 en Pontevedra, 10 en Lugo e tan só 5 na provincia da Coruña. Por partidos, é o PP o que conta con máis rexedoras (20), aínda que é o PSdeG-PSOE o que en termos proporcionais ao seu número total de alcaldías elixiu máis mulleres á fronte de concellos (12), xunto co BNG (5); CxG (1) completa a lista. Destaca o caso de Lugo, única urbe gobernada por unha muller, a socialista Lara Méndez, que se converteu na primeira alcaldesa na historia da cidade das murallas. E tamén vilas importantes como Cambados, Marín, Moaña, Mos, Sarria, Mondoñedo ou Viveiro.

83 87 91 95 99 03 07 11 15
6 8 11 14 10 14 25 24 38

Evolución do número de alcaldesas en Galicia

 

En canto ao número de concelleiras, a proporción de mulleres roldaba na pasada lexislatura o 40% fixado pola Lei de Igualdade, situándose en Galicia no 36,54%, experimentando un crecemento constante dende o 2007 (31,83%), 2003 (20,66%), 1999 (15,42%) e 1995 (11,28%). Cómpre salientar, igualmente, que Galicia a presenza feminina se situaba cinco ou seis puntos por debaixo da media española ata o ano 2007, cando comezou a superar a proporción media de mulleres nas corporacións.

Das 38 alcaldesas, 11 están en Ourense, outras 12 en Pontevedra, 10 en Lugo e tan só 5 na provincia da Coruña

A Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes, chamada tamén Lei de Igualdade, determina a presenza equilibrada de homes e mulleres nas listas electorais, movéndose un e outro sexo entre o 40% e o 60% en toda a lista e en cada treito de cinco persoas. Hai formacións que van máis aló e decidiron que todas as súas listas se estruturan en forma de cremalleira (home-muller-home ou muller-home-muller). A lei e a propia evolución da sociedade española conseguiron que na última década a porcentaxe de deputadas e concelleiras se incrementase notablemente, deixando atrás os tempos en que a súa presenza era case excepcional ou moi minoritaria. Porén, a lei non indica nada sobre quen debe encabezar as listas, ou sobre se as distintas formacións deben presentar unha proporción mínima de candidatas ou candidatos.

 

Os 38 concellos cunha muller á fronte

A Coruña: Moeche (BNG), Bergondo (PP), Lousame (PP), Muros (CxG), Melide (PP).
Pontevedra: Forcarei (PP), Cambados (PSdeG-PSOE), Meaño (PP), Marín (PP), Moaña (BNG), Moraña (PP), Mos (PP), O Porriño (PSdeG-PSOE), O Rosal (PP), Oia (PSdeG-PSOE), Tomiño (BNG), Pontecesures (BNG)
Lugo: Lugo (PSdeG-PSOE), O Incio (PSdeG-PSOE), Sarria (PSdeG-PSOE), Triacastela (PP), Lourenzá (PSdeG-PSOE), Mondoñedo (PP), Trabada (PSdeG-PSOE), Viveiro (PSdeG-PSOE), Folgoso do Courel (PP), Guitiriz (PSdeG-PSOE).
Ourense: A Bola (PP), Carballeda de Valdeorras (PP), Cartelle (PP), Castro Caldelas (PSdeG-PSOE), Gomesende (PP), Lobios (PP), Melón (PP), Oímbra (PP), Parada de Sil (PSdeG-PSOE), Porqueira (PP), A Rúa (BNG, alcaldía compartida co PSdeG-PSOE).

Toma de posesión de Lara Méndez en Lugo © Concello de Lugo
Evolución do número de alcaldesas en Galicia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.