As eleccións de xuño de 2016 significaron un fito en Galicia. Por primeira vez foron elixidas nas circunscricións galegas máis mulleres (13) que homes (10), continuando unha tendencia de crecemento no número de deputadas galegas, que pasaran de 9 en 2011 a 11 en 2015. A proporción de mulleres nas catro provincias galegas é moi superior á porcentaxe que representan no conxunto do Congreso, algo menos do 40%.
Das 52 listas electorais presentadas nas catro circunscricións galegas, o 67% está encabezada por unha muller
O 28 de abril saberemos cantos homes e cantas mulleres son elixidas en Galicia. Porén, unha revisión das candidaturas provisionais presentadas, publicadas este mércores, permite aventurar que o número de deputadas seguirá a crecer. De feito, das 52 listas electorais presentadas nas catro circunscricións galegas, o 67% está encabezada por unha muller, un total de 35, máis do dobre das encabezadas por homes.
En realidade, esta leva anos sendo a dinámica habitual. Dende as eleccións do 2011 son maioría as cabezas de lista femininas, pero se nese ano o número de mulleres e homes era semellante (22-20), no 2015 e 2016 a diferenza en favor das mulleres foi incrementándose notablemente (24-18 e 20-15), ata chegar á situación actual.
En 2016 por primeira vez foron elixidas en Galicia máis mulleres (13) que homes (10)
Iso si, independentemente da porcentaxe de mulleres que finalmente compoñan o Congreso, non se pode esquecer que as cinco principais forzas de ámbito estatal -PP, PSOE, Unidas Podemos, Ciudadanos e Vox- presentan cinco homes como candidatos á Presidencia do Goberno.
Haberá que agardar, igualmente, a coñecer as candidaturas que se presenten nos 313 concellos galegos para as eleccións municipais de maio. Hai catro anos só 1 de cada 5 listas foron encabezadas por mulleres. E, finalmente, só foron elixidas 38 alcaldesas, o 11,8% do total, moi por debaixo da media española.