O voto por correo para as xerais do 28A pode solicitarse ata o 18 de abril

Papeletas de votación ao Congreso e ao Senado nunhas eleccións xerais CC-BY-SA Praza Pública

A publicación no BOE, este 5 de marzo, do Real Decreto de disolución do Congreso e do Senado e de convocatoria das eleccións xerais do 28 de abril activa todos os prazos vinculados ao proceso. O período electoral está oficialmente en marcha e iso implica a aplicación de preceptos como a prohibición de que os diferentes gobernos organicen inauguracións e actos semellantes para promocionaren a súa propia xestión, pero tamén o comezo do calendario para solicitar o voto por correo.

Unha vez solicitado o voto por correo, a Oficina do Censo pode remitir a documentación ata o 21 de abril; o voto debe ser enviado, como moi tarde, o día 24

Atendendo aos prazos na normativa electoral vixente as persoas que non prevexan estar o 28A no municipios onde están censadas -o censo pódese consultar aquí- poden realizar dende este propio 5 de marzo o trámite para votar a distancia. Para facelo cómpre encher unha solicitude -agora tamén dispoñible en liña- e entregala nunha oficina de Correos presentando o carné de identidade, o permiso de conducir ou o pasaporte.

A Oficina do Censo Electoral ten do 8 ao 21 de abril para remitir ao electorado que o solicite a documentación electoral, isto é, os sobres e papeletas de todas as candidaturas da circunscrición ao Congreso e ao Senado. Unha vez elixida a opción pola que votar, cómpre entregar os votos e o certificado en Correos ata o 24 de abril. Durante o propio 28A o servizo postal entrega os sufraxios por correo á mesa electoral que corresponda. 

Loading...

Loading...

Este sistema de voto por correo non atinxe ás persoas residentes no estranxeiro inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA). Tampouco se o están no censo de poboación que reside temporalmente noutro Estado.

No seu caso, para participaren nestes comicios deben realizar o procedemento do voto rogado, o controvertido sistema que supuxo amplos atrancos burocráticos á emigración, pero tamén unha barreira ás fraudes. Non obstante, se se atopan temporalmente nalgún punto do Estado antes do 18 de abril tamén poden solicitar o voto en Correos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.