Pedro Sánchez aposta polo 28 de abril para chamar a eleccións xerais

Pedro Sánchez, anunciando o adianto electoral o 15 de febreiro de 2019 © Fernando Calvo / Goberno de España

28 de abril. É a aposta de Pedro Sánchez para chamar ás urnas e tentar alargar a representación do PSOE no Congreso, volver ser elixido presidente do Goberno de España por unha "nova maioría parlamentaria" e exercer como tal unha lexislatura completa. Así o anunciou o líder socialista este venres nunha longa "declaración institucional" con límite de preguntas no Palacio de La Moncloa tras presidir un Consello de Ministros extraordinario, monográfico sobre a data electoral, antes da xuntanza ordinaria do máximo órgano gobernamental español.

Nun ton xa electoral Sánchez xustifica que tiña ante si "dúas opcións": "Continuar cuns orzamentos que non son os nosos e incumpren as esixencias sociais" ou "avanzar" cunha convocatoria electoral

Había "dúas opcións": "Non facer nada e continuar" cuns "orzamentos que non son os nosos e que incumpren as esixencias sociais que precisa o noso país" ou "crer que España non ten nin un minuto que perder porque precisa avanzar", xustificou Sánchez antes de anunciar a data cun ton abertamente electoral e de balance dos seus nove meses no poder. Entre referencias á manifestación na que as formacións da dereita esixiron a súa saída inmediata da presidencia, Sánchez esgrimiu a "lexitimidade democrática" do Executivo emanado da moción de censura que, substituíu a outro, o do PP, "asediado pola corrupción".

O líder socialista esgrime medidas como a suba do salario mínimo e lamenta  o "bloqueado", dos  orzamentos á lei de eutanasia ou "a derrogación da lei mordaza"

Sánchez esgrime o impulso de "máis de 25 decretos lei" e "o desbloqueo de 13 leis" nestes meses para exemplificar os resultados "positivos" do seu Goberno en materias como a loita contra a "desigualdade social e de xénero", caso da suba do salario mínimo interprofesional a 900 euros. Non obstante, reprochou, entre "o bloqueado, o paralizado por unha oposición que utilizou as institucións con intereses partidarios e non atendeu a razóns" quedaron as contas públicas, pero tamén medidas como "a lei de eutanasia, a derrogación da lei mordaza e da reforma laboral".

Esta decisión implica que as Cortes Xerais da duodécima lexislatura estatal será disoltas por decreto o 5 de abril. A campaña electoral das eleccións xerais ao Congreso e ao Senado comezará o día 12 dese mes e a súa primeira semana completa cadrará coa Semana Santa. Menos de dúas semanas despois, o 10 de maio, botarán a andar outras dúas campañas electorais simultáneas: as das municipais e europeas do 26 de maio, que en 13 comunidades -non é o caso de Galicia- son tamén autonómicas.

Xuntanza do Consello de Ministros que abordou o adianto electoral © Goberno de España

O contexto galego

A derrota parlamentaria no debate das emendas á totalidade precipitou a concreción dun calendario das eleccións xerais que foi a gran incógnita dende a chegada de Sánchez á presidencia tras a moción de censura que derrubou o gabinete do PP de Mariano Rajoy. Esa "rede de corrupción" estivo tamén presente na comparecencia de Sánchez deste venres. A caída do feudo do PSOE en Andalucía co ascenso da extrema dereita, o xuízo aos líderes soberanistas cataláns, a crise dentro das propias filas socialistas polo anuncio da figura do "relator" para negociar coas forzas catalás e a saída á rúa do PP de Casado xunto a Ciudadanos e Vox foron outras das pezas que precipitaron a decisión.

No caso de Galicia o 28A abre unha intensísima xeira electoral que non se pechará, a priori, ata as eleccións galegas de 2020

No caso de Galicia ábrese unha intensísima xeira electoral que non se pechará en principio ata 2020, coas eleccións galegas, e que está chamado a certificar o peche ou a continuación do ciclo político aberto entre 2014 e 2015. Para dilucidalo será clave o resultado das municipais do 26 de maio.

Pola banda esquerda o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmaba xa este xoves que a súa formación estaba "preparada" para afrontar unhas xerais tanto se eran inmediatas como se a lexislatura se prolongaba e o BNG, pola súa banda, asegurou ler uns novos comicios ás Cortes como a oportunidade de recuperar a representación perdida en 2015.

Máis complexo é o panorama no seo de En Marea. A votación das emendas á totalidade das contas de Sánchez fixo abrollar a forte tensión interna da confluencia, a cal derivará con toda probabilidade na imposibilidade de reeditar unha candidatura unitaria para os comicios anunciados este venres. Pola banda do PPdeG o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitaba este xoves a presenza de Pablo Casado en Galicia para mergullarse de cheo no ton electoral, axitando a necesidade de apoiar ao seu líder nas urnas porque "os votos que non vaian ao PP serán aliados dos socialistas e dos nacionalistas". No seu caso a gran cuestión é se a suma no Congreso dos votos do PP cos de Albert Rivera e os que poida lograr o partido de extrema dereita Vox será ou non quen de sumar maioría para formar goberno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.