O fracaso parlamentario dos Orzamentos do Estado aboca a Pedro Sánchez a un adianto electoral

Pedro Sánchez e Carmen Calvo, durante o debate das emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado © Congreso dos Deputados

O Congreso tombou os Orzamentos Xerais do Estado para 2019. PP, Ciudadanos, PDeCAT, ERC, Coalición Canaria e Foro Asturias votaron a prol das súas emendas á totalidade e as contas públicas volven ao Goberno. Non houbo cambio de última hora nin sorpresas e cumpriuse o camiño que nos últimos días asumiu Pedro Sánchez: o fracaso na lei básica para o Executivo conduce a eleccións xerais anticipadas.

O resultado trae consigo unha lectura galega sobre as tensións internas de En Marea: Alexandra Fernández votou a prol das emendas á totalidade, como decidira o Consello do partido instrumental, e os restantes catro representantes da formación no Congreso, en contra

A votación terminou con 191 votos a favor das emendas de devolución, 158 en contra e unha abstención. Este resultado trae consigo tamén unha lectura en clave galega ligada á factura de En Marea: a deputada Alexandra Fernández votou a prol das emendas á totalidade e contra as contas, na liña da postura marcada pola dirección do partido instrumental que encabeza Luís Villares. Mentres, os restantes catro representantes de En Marea no Congreso -Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e Miguel Anxo Fernán-Vello- votaron  "non" á devolución do proxecto, como o resto do grupo de Unidos Podemos, no que se integran. "Levamos semanas anunciando o noso voto contrario a estas contas. Hoxe o noso voto pode que non fose decisivo par tumbar as contas, pero si era decisivo para soster a confianza dos nosos votantes a través da coherencia", defendeu Fernández a través das redes sociais.

Pedro Sánchez estivo presente no hemiciclo do Congreso durante o debate dos Orzamentos e tamén na votación na que saíron derrotados. Abandonou o Parlamento nada máis terminar o Pleno e evitou facer declaracións mentres se disparan os ruxerruxes de adianto electoral. O ministro de Fomento e secretario de Organización do PSOE, José Luís Ábalos, asegurou que "en breve haberá noticias" sobre esa posible chamada anticipada ás urnas. No entanto, fontes do Executivo aseguran que este mércores non se producirá o anuncio. Desde a Vicepresidencia apuntan a unha convocatoria do Consello de Ministros antes de formalizar a decisión de pulsar o botón nuclear de disolución das Cortes.

Yolanda Díaz (En Marea) foi unha das voceiras de Unidos Podemos durante o debate das emendas © En Marea

Ata hai apenas unha semana o Goberno de Sánchez mantiña fe en que ERC retirase a súa emenda á totalidade e que PDeCAT nin sequera a presentase. Pero a formación herdeira de CiU anunciouna en plena negociación entre Carmen Calvo e a Generalitat para unha mesa de partidos. A aceptación da figura dun "relator" incendiara ao PSOE e Pedro Sánchez decidiu cambiar de estratexia e endurecer o seu ton cos independentistas.

Ata hai apenas unha semana o Goberno de Sánchez mantiña a fe en que ERC retiraría a súa emenda á totalidade e PDeCAT nin sequera a presentaría

Moncloa fixo unha última oferta ao Govern e, ao non aceptala en minutos, a vicepresidenta deu por rotas as negociacións. Pablo Casado e Albert Rivera convocaran unha manifestación para 48 horas despois e, aínda que os socialistas estaban convencidos de que esa foto coa extrema dereita os beneficiaba, o novo relato xa estaba en marcha.

A pesar de que Ferraz e Moncloa viron na protesta un "fracaso" de PP, Ciudadanos e Vox, a estratexia xa pasaba por manter a distancia cos independentistas e situalos ao carón da dereita que "quere un 155 perpetuo" tombando os Orzamentos. No PSOE callou a idea de que a súa alianza con ERC e PDeCAT lles pasa factura nas urnas.

Goberno e PSOE están encamiñados xa ao adianto electoral inminente. Só hai un precedente de que o Congreso devolvese as contas ao Goberno no trámite das emendas á totalidade: foi en 1995, con Felipe González como presidente, e a súa reacción foi daquela a convocatoria de xerais. Sánchez sempre presionou a Mariano Rajoy con que tiña que chamar ás urnas se era incapaz de sacar adiante as contas de 2018.

Joan Tardá (ERC), durante o debate das emendas á totalidade aos Orzamentos do Estado para 2019 © Congreso dos Deputados

A lectura do PSOE: PP, C's e independentistas contra as contas "máis sociais"

Agora que o Congreso tombou as súas contas, Moncloa apunta a que Sánchez convocará eleccións inminentes. e a data que cobrou forza nas últimas horas é o 28 de abril. A estratexia do PSOE pasa agora por situar aos independentistas e a PP e Ciudadanos votando xuntos en contra duns Orzamentos que aseguran son "os máis sociais da historia". Sánchez decidiu "ras moitas dúbidas?"presentar as contas antes de ter todos os apoios necesarios amarrados xusto despois do desastre en Andalucía.

Pedro Sánchez sinalará a Casado e Rivera votando o mesmo que os independentistas e viceversa, advertindo do risco de que se repita en España o acordo de PP e Ciudadanos coa extrema dereita para gobernar

Aínda que Ferraz e Moncloa aseguran que o fracaso andaluz foi responsabilidade de Susana Díaz e non da xestión sobre Catalunya -como dicía a andaluza e temen outros baróns socialistas-, o Goberno cambiou radicalmente a súa estratexia nese momento. Para o Executivo, esa era unha xogadora gañadora en calquera caso: se saían adiante as contas, Sánchez tiña marxe para gobernar até 2020 e, se os independentistas non as apoiaban, podía demostrar que non tiñan ningún "pacto oculto" con esas forzas, tal e como constantemente denunciaron PP e Ciudadanos.

Ese é o escenario que se cumpriu e o PSOE xa ten o relato electoral. A primeira parada de Sánchez tras a derrota orzamentaria será, precisamente, Sevilla, xunto a Susana Díaz na presentación da candidatura do alcalde, Juan Espadas. O presidente sinalará a Casado e Rivera votando o mesmo que os independentistas e, viceversa, e advertirá do risco é que en España se repita o acordo de Andalucía no que PP e Ciudadanos gobernan grazas á extrema dereita de Vox. O PSOE está convencido de que todos eses elementos mobilizarán aos seus. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.