Malia que nos dous últimos anos Rajoy presentou os seus orzamentos en abril, a Xunta critica que as de Sánchez “son unhas contas presentadas fóra de prazo”
Menos de seis horas despois de que se fixesen públicos os detalles dos orzamentos do Estado para Galicia, e cunha convocatoria aos medios de comunicación insólita nos últimos anos, cando o PP gobernaba en Madrid e as contas de Mariano Rajoy eran as mellores posibles, a Xunta escenificou a media tarde deste luns o seu rexeitamento aos números presentados por Pedro Sánchez. Fíxoo a través dunha comparecencia conxunta do vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, seguida dun comunicado oficial que cualifica os orzamentos estatais como “irreais” e discriminatorios para Galicia.
Malia que nos dous últimos anos o Goberno de Rajoy presentou os seus orzamentos á altura do mes de abril, dous meses e medio máis tarde do que o vén de facer agora Sánchez, a Xunta critica que “son unhas contas presentadas fóra de prazo”, que supoñen unha “discriminación cara a nosa comunidade en favor doutras, como é o caso de Cataluña” e que “repercuten directamente en ferrocarrís, con 148 millóns menos”, sen matizar en ningún caso que a caída se debe a que o AVE está rematándose.
Desde a banda dereita, as críticas chegaron tamén desde o deputado que fai as veces de portavoz en materia de infraestruturas galegas do grupo parlamentario do PP no Congreso, Celso Delgado, que botou en cara de “as Mareas” que as contas do PSOE se sitúen por debaixo do 8% do investimento territorializado do total do Estado que defendía hai máis de dez anos o bipartito de PSdeG e BNG na Xunta.
Mentres o PSdeG pon o foco en que son unhas contas “sociais”, a Delegación do Goberno opta por salientar o investimento
Pero a valoración apresurada dos orzamentos ás poucas horas de divulgarse as súas cifras foi a tónica dominante na tarde deste luns en todo o espectro político. Desde o PSdeG e a Delegación do Goberno coincidiuse en eloxiar as contas públicas de Pedro Sánchez, pero mentres o partido puxo o foco no gasto social, Javier Losada incidiu no cumprimento dos investimentos. Así, o PSdeG salientou que Galicia recibirá preto de 8.500 millóns, que desglosou en 7.670 millóns para o “financiamento da comunidade, que ve aumentar a súa contía en 374 millóns” e 815 millóns en investimentos territorializados. Pola contra, a Delegación do Goberno rebaixou esa última cifra cuantificou esa última cifra a 757 millóns, e puxo o foco en que anteriores orzamentos do PP estaban inflados porque despois non se executaban, garantindo que os agora presentados si se farán realidade.
En Marea e BNG únense ao PP ao considerar que os orzamentos socialistas “castigan” e “golpean” aos galegos
Desde En Marea, nunha nota de prensa que dá voz aos deputados Miguel Anxo Fernán Vello e Yolanda Díaz, o grupo no Congreso centrou na mellora do tren a Lugo o principal agravio dos orzamentos do Goberno cara a Galicia. Fernán Vello considera que as melloras en seguridade e mantemento nas estradas desa provincia que si contemplan os orzamentos débense ás reclamacións de En Marea, cuxa deputada Alexandra Fernández mantivo unha reunión o pasado xoves co secretario xeral de Infraestruturas de Fomento e xa avanzara o aumento dese tipo de partidas. Canto a Díaz, interpreta a caída do investimento en Galicia como un “golpe na cara a Feijóo que castiga a Galicia enteira”.
Pola súa banda, desde o BNG a súa portavoz, Ana Pontón, cualificou as contas como “impresentables, unha decepción e unha labazada na cara dos galegos e das galegas”. “Tras asistir aos recortes dos gobernos de Rajoy, agora co cambio, cun Goberno do PSOE e co apoio de En Marea e Podemos, o resultado é peor co que tiñamos con anterioridade, o máis baixo da última década, cun recorte do 20% do investimento mentres outros territorios teñen importantes aumentos”, criticou a nacionalista.