A luva branca que protagonizou a sesión inaugural do xuízo do procés desapareceu da segunda xornada para mostrar en toda a súa crueza as graves acusacións da Fiscalía. No centro da intervención dos seus representantes estivo o convencemento de que a declaración de independencia foi a culminación dun proceso violento que sustenta a acusación de rebelión e a petición de tan elevadas penas de cárcere.
A corrección non exenta de contundencia dos avogados das defensas foi remudada pola intervención do fiscal Javier Zaragoza, coñecido en Galicia por ser o fiscal da Operación Nécora. A exposición do fiscal centrouse en acusacións de “ridículo” cara aos avogados defensores, o desprezo polas opinións xurídicas que descartan a rebelión e o enxalzamento dun editorial do diario El País na liña cos postulados do Ministerio Público.
A exposición do fiscal centrouse en acusacións de “ridículo” cara aos avogados defensores, o desprezo polas opinións xurídicas que descartan a rebelión e o enxalzamento dun editorial do diario El País
A Fiscalía repartiuse entre a intervención de Zaragoza e outra, máis mesurada e técnica, de Fidel Cadena. Este definiu o proceso soberanista como un “cóctel explosivo” de ruptura “unilateral” co Estado, a “separación do dereito” e a “negación das funcións constitucionais do Estado”. A iso hai que sumar o ingrediente violento, consistente, segundo a Fiscalía, que un corpo armado como os Mossos d'Esquadra se situasen “ao carón da rebelión” e as “murallas humanas que se lanzan” contra Policía e Garda Civil cando estes tentan evitar o referendo do 1-O, en aplicación dos mandamentos do Tribunal Constitucional e do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya.
Cando comezou a intervención de Cadena, o seu compañeiro Zaragoza xa apuntara en varias direccións. Pouco tardou en cualificar os escritos das defensas como “libelos acusatorios baseados nun relato alternativo que presentan unha visión distorsionada da realidade”. Os avogados dos doce acusados, dixo, pretenden “desacreditar e desprestixiar a Xustiza española e as institucións democráticas”.
"Ridículo" dos avogados
Zaragoza non só entrou no corpo a corpo coas defensas senón que chegou a descualificar como “ridícula e inxustificada” a actuación dos avogados por realizar, segundo el, “unha denuncia masiva de supostas vulneracións” dos dereitos fundamentais dos acusados. O seu interese, engade, é “sentar no banco ao Estado”, cuxa actuación, dixo o fiscal, limitouse a “aplicar a Lei”.
Zaragoza non só entrou no corpo a corpo coas defensas, senón que chegou a descualificar como "ridícula e inxustificada" a actuación dos avogados por realizar "unha denuncia masiva de supostas vulneracións" de dereitos
Tampouco faltaron reproches ao tribunal Schleswig Holstein, do que Zaragoza dixo que "crebou" a orde europea de detención ao negar a entrega a Puigdemont para ser xulgado por rebelión. E as críticas alcanzaron aos 120 catedráticos e profesores de dereito de distintas universidades españolas que rexeitaron, nun manifesto publicado por eldiario.es, que os feitos acaecidos durante o proceso soberanista puidesen comportar os delitos de rebelión ou sedición.
Fronte a esas críticas, o respaldo de Zaragoza ás Forzas de Seguridade e ao diario El País. Das primeiras dixo que utilizaron unha forza “lexítima e proporcionada” na represión do 1-O e que os únicos responsables daquela violencia foron quen enviou aos cidadáns para actuar como “murallas humanas” contra a súa actuación. Identificar, continuou, a intervención policial coa tortura ou tratos degradantes é, a xuízo do fiscal, “un disparate xurídico de dimensións importantes”.
O fiscal di que os responsables da violencia foron quen enviaron a cidadanía a actuar como "murallas humanas"
Sobre o editorial do citado medio de comunicación, ao que non mencionou, congratulouse de que acertase a responsabilizar aos acusados de querer “arrebatar liberdades” e non de actuar, como defenden, para ampliarllas ao pobo de Catalunya. Zaragoza pechou a súa intervención cunha analoxía entre o proceso soberanista e o plan Ibarretxe de 2005 que desconcertou ás defensas. "O diálogo desde a imposición non é aceptable nunha sociedade democrática. Parece que o exemplo non cundiu", dixo Zaragoza respecto o plan do ex-lehendakari.
Avogacía e Vox, secundarios
Polo seu lado, a Avogacía do Estado e Vox, partido de extrema dereita que actúa como acusación popular, tiveron intervencións máis curtas que as dos fiscais e centradas na súa maioría en asuntos técnicos. A avogada do Estado, Rosa María Seoane, só empregou dous minutos para rebater as acusacións da defensa de que as somete a un xuízo inxusto. "Isto é un xuízo penal con todas as garantías e un exercicio do dereito penal democrático", defendeu.
O presidente do tribunal denegou a primeira petición política do partido de extrema dereita Vox, que actúa como acusación popular
De feito, Marchena cortou de raíz a primeira petición política do partido de extrema dereita. O letrado de Vox Pedro Fernández pediu ao tribunal que prohibise empregar na sala "o adorno que parece ser o lazo amarelo", e que na sesión deste martes luciu o ex-presidente da ANC Jordi Sànchez. Os ex-consellers locen o pin da Generalitat.
Marchena, citando dúas sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ( TEDH) de Estrasburgo contra Bélxica e Bosnia -"Bélxica, Bélxica" reiterou o maxistrado- desestimou a petición en base á doutrina europea, que permite aos acusados lucir símbolos relixiosos ou ideolóxicos nas súas declaracións xudiciais. Unha nova mostra de que Estrasburgo planea no salón de plenos do Supremo.
"Celebro que o debate do xuízo se cetre nos dereitos humanos"
Zaragoza e Cadena lideraron a resposta das acusacións ás denuncias de vulneracións de dereitos fundamentais expostas polas defensas. Máis que a súa contundencia e o papel secundario da Avogacía do Estado, que xa esperaban, os avogados dos líderes soberanistas consultados valoraron de forma positiva que os fiscais e o resto de acusacións acepten xogar no terreo de xogo dos dereitos fundamentais que expuxeron as defensas este martes.
O único avogado que o verbalizou dentro da sala foi o letrado de Junqueras e Romeva, Andreu Van dean Eynde. "Celebro que o debate do xuízo se cetre nos dereitos humanos", ironizou. O seu cliente declara este xoves.