Comeza o xuízo aos líderes soberanistas cataláns cunha carga política sen precedentes

Imaxe dos líderes soberanistas encarcerados no cárcere de Lledoners, divulgada pola súa contonra Dominio Público Praza Pública

A Xustiza senta dende este martes no banco dos acusados a toda unha xeración de políticos independentistas cataláns. O independentismo non está descabezado, como proclamou cando aínda era vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría posto que segue gobernando Catalunya, pero o encarceramento dalgúns dos seus dirixentes e a decisión de Carles Puigdemont de desafiar á Xustiza española e instalarse en Bruxelas converte o xuízo ao procés e, sobre todo, ás súas sentenzas noutra proba de resistencia para a cada vez máis fráxil unidade independentista.

A Fiscalía quere demostrar que en Catalunya se produciu unha rebelión, unha acusación que foi cuestionada por máis dun cento de  penalistas españois e que tampouco compartiu a xustiza alemá

A causa máis importante das últimas décadas tamén é un test para o propio Poder Xudicial a exame dentro e fóra de España. E aínda por riba, o calendario quixo que cadre co momento máis delicado da lexislatura de Pedro Sánchez, a tramitación duns Orzamentos que dependen dos votos dos deputados independentistas. A só unhas horas para que o Congreso decida se se tramitan as contas, o Goberno non ten apoios. As eleccións, tanto as xerais como as catalás, están cada vez máis preto.

Non parece esaxerado afirmar que a vista que empeza no Supremo é histórica, desas das que se estudarán nos libros de texto. A Fiscalía quere demostrar que no outono do 2017 en Catalunya se produciu unha rebelión, unha acusación que foi cuestionada por máis dun cento de catedráticos penalistas españois e que tampouco foi compartida pola xustiza alemá, que se negou a entregar a Puigdemont ao non apreciar a violencia que require un delito desta gravidade.

Membros do Tribunal Supremo que van xulgar os líderes independentistas de Catalunya © Tribunal Supremo

A propia Audiencia Nacional en 2008 dixo que non era competente para investigar a rebelión (pronunciouse por mor dunha querela de vítimas do franquismo) pero en cambio si aceptou investigar o caso catalán e admitiu as querelas do falecido fiscal Maza contra os políticos independentistas. A propia competencia para xulgar a causa do procés será tamén motivo de controversia xa na primeira sesión deste martes.

A propia Audiencia Nacional en 2008 dixo que non era competente para investigar a rebelión, pero en cambio si aceptou investigar o caso catalán

A Fiscalía ve un alzamento onde os partidos independentistas e os 'comuns' ven unha manifestación. Onde uns ven a uns activistas, Jordi Cuixart e Jordi Sànchez, pondo orde e desconvocando unha protesta, outros ven a dous rebeldes alentando unha turba contra o Estado. Así foi durante a instrución da causa e así será durante as próximas semanas.

A vista oral do Supremo terá unha enorme carga política e non só polas alegacións iniciais e finais dos acusados ou pola presenza de Vox como acusación popular e o seu secretario xeral, Javier Ortega Smith, con todos os focos apuntándoo nos interrogatorios aos dirixentes independentistas. Todo iso retransmitido por televisión e en streaming. Nas próximas semanas porase a moviola aos feitos de outubro e ante o tribunal presidido polo maxistrado Manuel Marchena desfilarán varios protagonistas, coa obrigación, como testemuñas, de dicir a verdade.

Mobilización pola liberdade dos presos independentistas cataláns Dominio Público ANC

O ex-presidente Mariano Rajoy; a ex-vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría; o ex-ministro de Facenda, Cristóbal Montoro; o lehendakari, Iñigo Urkullu; a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau; o presidente do Parlament, Roger Torrent; o vicepresident, Pere Aragonès: todos eles deben explicar como combateron, mediaron ou impulsaron o proceso soberanista.

O momento de Junqueras 

En ausencia de Puigdemont, o protagonismo será para Oriol Junqueras, a quen a Fiscalía sinala como máximo responsable desa presunta rebelión. O líder de ERC, quen xa soñaba con ser presidente dunha república catalá cando case ninguén falaba dela, enfróntase á máxima petición por parte da Fiscalía: 25 anos de cárcere. Este xuízo podería truncar para sempre ese soño, a pesar de que todas as enquisas apuntan que nunca estivera tan preto de cumprilo.

A única certeza é que a rúbrica final, ninguén sabe cando, vaina poñer o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo

O líder republicano non renega da celebración do referendo. Nin el nin ningún dos outros acusados. O 1-O segue sendo un triunfo para o independentismo, o seu maior éxito. Outra cousa é a declaración unilateral de independencia, que case un ano e medio despois xa parece non ter nin pai nin nai. A estas alturas só a CUP e unha ANC cada vez máis cuestionada defenden a súa vixencia. Así foi até agora porque en función de cal sexa a sentenza, o president, Quim Torra, nin sequera descarta recuperala. É o que Torra bautizou co "momentum", un concepto engadido ao dicionario do independentismo, a pesar de que ninguén ten claro que implica.  Só ERC, que non está polo labor de recuperar unha senda unilateral, pode impedilo xa sexa convencendo a Torra e Puigdemont polas boas ou negándolle ao president os seus votos no Parlament.

Así que, coa incógnita de se España queda sen orzamentos, se Sánchez adiantará xa as eleccións e se o independentismo será capaz de aguantar no Govern tras a sentenza, este martes ábrese un xuízo cuxa última palabra non será a dos sete xuíces do Supremo. As defensas xa deixaron claro que se o fallo é condenatorio apelarán á xustiza europea. A única certeza é que a rúbrica final, ninguén sabe cando, vaina poñer o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo.

AO VIVO | Retransmisión do xuízo

Retransmisión en directo das sesións do xuízo. Sinal institucional fornecido polo Tribunal Supremo.


Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.