O alto tribunal confirma o peche da instrución da causa do 1-O e rexeita as 300 dilixencias de proba que pedían as defensas, ás que di que poden volver a pedilas no xuízo
O Tribunal Supremo deixa aos líderes soberanistas cataláns a un paso do xuízo cando se cumpre un ano da declaración unilateral de independencia. A sala do alto tribunal que xulgará a Oriol Junqueras, Jordi Sànchez, Jordi Cuixart e outros 15 dirixentes secesionistas ditou o auto de apertura de xuízo oral, co que dá cinco días á Fiscalía e ao resto de acusacións –a Avogacía do Estado e o partido ultradereitista Vox– para presentar os seus escritos de acusación. Ao tempo, declara sobresida a causa contra Artur Mas, Marta Pascal e Neus Lloveras.
A sala confirmou este xoves o peche da instrución da causa do 1-O e descartou así practicar as case 300 novas dilixencias solicitadas polas defensas nos últimos días, entre as que figuraban a declaración de varias testemuñas así como saber se o Goberno valorou elevar a alarma antiterrorista polo referendo e incluír na causa autos do xuíz que investiga as cargas da Policía do 1-O en Barcelona. Os independentistas poderán volver pedilas nos seus escritos de defensa para que as probas coas que tentan desmontar a rebelión e a violencia do 'procés' se inclúan no xuízo.
Nun auto redactado polo presidente da sala penal do Supremo, Manuel Marchena, descártanse a práctica de todas esas dilixencias. Argumentan os maxistrados que non é o momento procesual para facelas, xa que a apertura de xuízo oral "non é unha segunda oportunidade para reactivar a tarefa de instrución". E engaden que, de acceder a realizalas, alongaríase de forma "inadmisible" a celebración do xuízo. "A práctica de centenares de dilixencias frustraría toda expectativa de axuizamento nun prazo razoable", sinalan os togados.
Os maxistrados descartan pronunciarse sobre se existe delito de rebelión ou vulneración de dereitos dos detidos por non ser o momento
A sala descarta pronunciarse sobre as peticións que lle realizaban as defensas sobre vulneracións de dereitos fundamentais que cometidas polo xuíz Llarena durante a fase de instrución. Tamén rexeita, tal e como pedían os avogados dos independentistas, valorar se na causa concorren ou non os elementos que definen o delito de rebelión. Todas estas cuestións, responden os maxistrados, dirimiranse no xuízo, e xa foron obxecto de autos anteriores sobre os recursos de apelación contra as decisións de Llarena. E sobre as queixas das defensas porque non podían acceder a todos os documentos da causa colgados na nube virtual, os maxistrados descartan que xere indefensión xa que todos os documentos que se colgaron antes estaban dispoñibles en papel.
Manifestación a prol da liberdade dos dirixentes soberanistas encarcerados / ANC
Agora o balón da causa do 'procés' pasa ao tellado da Fiscalía, a Avogacía do Estado e Vox. Deberán concretar se, como veñen mantendo durante a fase de instrución, os feitos do outono soberanista do ano pasado sustentan unha acusación por rebelión, delito penado cun mínimo de quince anos de prisión.
O PDeCAT e ERC, claves para que o Goberno central poida aprobar os seus orzamentos no Congreso, condicionaron o seu apoio ás contas a un movemento da Fiscalía respecto dos presos, que pasaría por rebaixar a cualificación de rebelión
A presentación dos escritos de acusación da Fiscalía e a Avogacía do Estado tamén terá as súas consecuencias políticas. O PDeCAT e ERC, claves para que o Goberno central poida aprobar os seus orzamentos no Congreso, condicionaron o seu apoio ás contas a un movemento da Fiscalía respecto dos presos, que pasaría por rebaixar a cualificación de rebelión. O Executivo rexeitou as pretensións secesionistas para influír directamente na Fiscalía, malia que este mércores o presidente, Pedro Sánchez, suxeriu que a rebelión era difícil de aplicar ao 1-O.
Unha vez as acusacións presenten os seus escritos, será a quenda dos avogados e avogadas dos dirixentes secesionistas, que terán outros cinco días para remitir os seus escritos de defensa. Con todo, este prazo podería quedar en suspenso xa que as defensas prevén volver cuestionar, tal e como lles permite a lei de axuizamento criminal, a instrución de Llarena e pedir para iso unha nova vista no Supremo.
Os 18 procesados e delitos que lles son atribuídos
Esta é a lista de 18 dirixentes que serán xulgados polo Supremo e os delitos polos que foron procesados polo maxistrado Pablo Llarena o pasado mes de marzo. Carles Puigdemont e os outros seis políticos que permanecen no estranxeiro non poden ser xulgados, de momento, en España, pero serán detidos se volven.
Ex-consellers
Oriol Junqueras, Raül Romeva, Josep Rull, Jordi Turull, Dolors Bassa, Joaquim Forn (todos eles en prisión preventiva): rebelión e malversación.
Santi Vila, Meritxell Borràs, Carles Mundó: desobediencia e malversación.
Activistas
Jordi Sànchez (ex-líder da ANC, hoxe en JxCat) e Jordi Cuixart (presidente de Òmnium Cultural), os dous en prisión provisional: rebelión.
Ex-membros da Mesa do Parlament
Carme Forcadell (en prisión provisional): rebelión.
Lluís Corominas, Anna Simó, Lluís Guinó, Joan Josep Nuet, Ramona Barrufet: desobediencia.
Ex-deputadas
Mireia Boya: desobediencia.