Os posibles recursos a Estrasburgo, protagonistas no inicio do xuízo aos líderes independentistas cataláns

Os líderes independentistas cataláns, no inicio do xuízo do Supremo o 12 de febreiro de 2019 CC-BY-SA Praza Pública

A máxima instancia europea á que pode recorrer un cidadán convencido de que a Xustiza do seu país vulnerou os seus dereitos, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Estrasburgo, erixiuse este martes como unha figura omnipresente na primeira sesión do xuízo polo referendo celebrado en Catalunya o 1 de outubro de 2017.

Tanto os avogados que optaron por unha exposición máis técnica como os que se decantaron por salpicar a súa intervención de alusións políticas, a xurisprudencia do TEDH foi un recurso constante que sitúa a Estrasburgo como o auténtico fin de traxecto da causa contra os 12 líderes políticos e sociais que sentan no banco do Tribunal Supremo.

Ou o Tribunal Supremo recoñece que foron vulnerados os dereitos fundamentais dos líderes independentistas xulgados ou vaino facer despois o Tribunal de Estrasburgo, subliñaron os letrados a modo de aviso no inicio do proceso

O momento procesual era propicio. A primeira sesión estivo dedicada por completo ás cuestións previas das defensas, isto é, as demandas de retirar probas, de petición de incorporar outras ou directamente de nulidade da causa. Para pedir esa nulidade e que non se celebre o xuízo, os avogados defensores recorreron unha e outra vez á vulneración dos dereitos fundamentais que cren que sufriron os seus clientes.

Ou o recoñece o Tribunal Supremo ou vaino facer despois o de Estrasburgo, subliñaron os letrados nas súas intervencións a modo de aviso para o tribunal que preside o maxistrado Manuel Marchena. O TEDH non entrará a xulgar se os feitos do outono soberanista catalán son un delito de rebelión, como si fará o Supremo, senón que valorará se na instrución da causa ou no xuízo se vulneraron dereitos fundamentais.

Para defender a súa tese, os avogados defensores acudiron principalmente á instrución do xuíz Pablo Llarena, o maxistrado que utilizou a primeira persoa do plural para, en dous autos, cualificar o proceso soberanista como "a estratexia que sufrimos". "Non é un erro, é alguén escribindo aquilo que sente. É razoable que os acusados dubiden da súa imparcialidade", afirmou Jordi Pina, avogado dos ex-consellers Jordi Turull e Josep Rull e do que fora presidente da Asemblea Nacional Catalá (ANC) Jordi Sànchez.

Non só as defensas aludiron a Estrasburgo. O maxistrado Marchena, citando a xurisprudencia do TEDH, acordou dobrar o tempo que permite a corte para que os letrados defendan a conculcación de dereitos, pasando de 15 a 40 minutos.

Mobilización en solidariedade cos líderes xulgados ante o Supremo antes do inicio do xuízo © ERC

As defensas estenderon as dúbidas sobre a imparcialidade non só ao xuíz instrutor senón ao que redactará a sentenza, isto é, o maxistrado Marchena. A súa baza neste caso é o WhatsApp que escribiu o portavoz do PP no Senado, Ignacio Cosidó, no que alardeaba de que con Marchena presidindo o Supremo os conservadores controlarían "desde atrás" a Sala do Penal. A letrada de Carme Forcadell, Olga Arderiu, chegou a citar unha sentenza en inglés do TEDH na que o tribunal europeo lembrou que a Xustiza "non só debe ser imparcial senón parecelo".

O avogado de Cuixart foi o que enumerou máis vulneracións de dereitos, toda vez que as acusacións contra el están baseadas en manifestacións e protestas na rúa

Do mesmo xeito que o seu escrito de defensa, a intervención de Benet Salellas, avogado do presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, foi a que enumerou máis dereitos supostamente vulnerados. Non en balde, a acusación contra el non se basea en gastos ou o impulso do 1-O desde o Govern (Cuixart nunca foi conselleiro nin deputado), senón en manifestacións e protestas como o 20-S en Economía ou as marchas da Diada, que a xuízo da Fiscalía son unha presión e unha ameaza de violencia para promover a independencia. Por contra, a defensa enmárcaos no exercicio dos dereitos á liberdade de expresión, reunión e manifestación.

"O mundo dos dereitos humanos está moi atento a este xuízo", lanzou Salellas ao tribunal. O letrado tamén cargou contra a Fiscalía polo fragmento do escrito de acusación no que se expón que o presidente de Òmnium alentou a violencia por dirixirse aos manifestantes ante a conselleria de Economia coa lema 'Non pasarán'. "Chegouse a criminalizar unha lema con tanto peso", dixo Salellas, en referencia á simbólica frase de oposición ao fascismo.

O "vodevil procesual"

As distintas investigacións xudiciais sobre o proceso soberanista centraron outro capítulo das cuestións previas. Especialmente vehemente foi o avogado de Oriol Junqueras e Raül Romeva, Andreu Van dean Eynde, que denunciou o "vodevil" procesual formado polas causas do xulgado de instrución 13 de Barcelona, o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC), a Audiencia Nacional e o Supremo.

O avogado de Junqueras e Romeva coida que a división das causas vulnera o dereito á defensa, porque a Fiscalía pode acceder a todos os documentos e as defensas, non

A criterio de Van dean Eynde, a división de causas vulnera o dereito á defensa e á igualdade de armas entre acusados e acusacións, xa que a Fiscalía é parte en todas as causas e pode acceder a todos os documentos, pero as defensas non. Van dean Eynde tamén cargou contra as declaracións de políticos do PP, Ciudadanos e o PSOE que deron por condenados aos acusados antes do xuízo.

Incluso a defensa do ex-conseller Santi Vila, que se desmarcou por completo do resto de ex-consellers na organización do 1-O, denunciou que non se respecta o seu dereito ao xuíz predeterminado por lei, xa que a causa tería que xulgarse no TSJC e non no Supremo ao ter lugar os feitos en Catalunya.

Diferenzas políticas

O coro afinado que formaron as defensas para denunciar vulneracións de dereitos fundamentais renxeu cando entraron no feitos obxecto de xuízo. Como xa expuxo no seu escrito de defensa, Pau Molins, avogado de Vila, lembrou que o ex-conseller dimitiu pola súa oposición á Declaración Unilateral de Independencia (DUI) que aprobou o Parlament o 27 de outubro de 2017. E Mariano Bergés, letrado da ex-consellera Dolors Bassa, pediu que conste como proba do xuízo un certificado do Diario Oficial da Generalitat de Catalunya (DOGC) para acreditar que a DUI non se chegou a publicar de forma oficial.

En xeral, as defensas centraron as súas intervencións en reclamar a protección dos seus dereitos no ámbito estritamente xurídico. Só Van dean Eynde engadiu afirmacións de claro contido político, citando tamén a Constitución Española que os seus clientes están acusados de vulnerar. "A Constitución impide criminalizar a disidencia política", resolveu.

AO VIVO | Retransmisión do xuízo

Retransmisión en directo das sesións do xuízo. Sinal institucional fornecido polo Tribunal Supremo.


Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.