O presidente reclama eleccións xerais no 'superdomingo' de maio fronte ao “despilfarro” de facelas en abril, e considera que os orzamentos de 2018 prorrogados son mellores que os de 2019 de Sánchez agora tombados
Catro días despois de manifestarse en Madrid co resto da dereita fronte a Pedro Sánchez e poucas horas antes de acompañar en Vigo ao presidente estatal do seu partido, Pablo Casado, nun coloquio sobre La unidad de España, o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, volveu receitar este xoves o seu modelo a compañeiros e rivais políticos: Maioría absoluta fronte a pactos. Pero co matiz de que eses pactos, se son co “populismo e o independentismo”, só producen inestabilidade, mentres que se son con Vox “está por ver”.
Segundo Feijóo, "a maioría dos cidadáns" queren eleccións xerais o 26 de maio e facelas antes suporía un "desbalde"
Na súa habitual rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno, Feijóo reclamou a Pedro Sánchez que convoque eleccións xerais para o 26 de maio, coincidindo coas xa previstas eleccións municipais e europeas, no que xa é coñecido como 'superdomingo' electoral. Para o presidente, “a lexislatura está acabada”, pero dubida do que poida facer Sánchez porque ao seu ver “o interese xeral de España de non é o do presidente do Goberno”, de quen en todo caso lembrou que é a competencia exclusiva de fixar a data electoral. Segundo Feijóo, esa data do 26 de maio é a que queren “a maioría dos cidadáns” mentres que fixar as eleccións antes suporía un “desbalde”. Ao seu ver, “a estabilidade é incompatible con dúas datas en 30 días”.
Sobre esa cuestión da estabilidade despois dos comicios, Feijóo asegurou que “non imos recuperar a estabilidade se hai un goberno apoiado polo populismo e o independentismo”. A Feijóo preguntóuselle a continuación se considera que a extrema dereita de VOX pode garantir mellor esa estabilidade. “Que o independentismo non ten ningún interese pola estabilidade de España está contrastado”, dixo, para engadir que “a estabilidade que poden dar outras forzas políticas, está por ver”.
Feijóo di que na campaña das eleccións xerais traballará para que “a maioría dos deputados e senadores sexan do PP” intentando que os outros partidos non teñan representación
Porén, Feijóo evitou concretar a continuación, malia as repreguntas apelando á súa reclamada transparencia sobre os pactos políticos, se o PP debe chegar a acordos con VOX. Foi aí cando o presidente galego volveu poñerse a si mesmo como exemplo tamén ante os seus compañeiros de partido. “A min gustaríame que o PP non necesitara pactar, polo menos con algún deses partidos”, dixo, engadindo que, en caso de necesitarse un pacto, “fose con partidos que xa están no Parlamento”, asegurando que o obxectivo dos populares debe ser que os partidos que actualmente non teñen representación “non a teñan”. El mesmo, dixo, traballará para que en Galicia “a maioría dos deputados e senadores sexan do PP” intentando que os outros partidos non teñan representación.
No Consello da Xunta deste xoves novamente se aprobaron menos acordos firmes (catro) que informes propagandísticos (cinco)
Sobre o desencadeante da actual situación política, a derrota do Goberno este mércores na votación dos orzamentos do Estado para 2019, Feijóo amosouse satisfeito porque considera que as contas de 2018, elaboradas polo PP e que agora seguirán en vigor prorrogadas, garanten mellor os investimentos para Galicia que as que prevía o executivo socialista. Porén, o propio Goberno galego admite que a situación actual podería dificultar unha das peticións que lanzou este mesmo xoves ao Goberno central: que lle dea liberdade para investir os 125 millóns de euros en que cuantifica o superávit en 2018 das contas públicas galegas, o primeiro desde 2002.
Nunha reunión semanal do Goberno galego na que novamente se aprobaron menos acordos firmes (catro) que informes propagandísticos (cinco), a esa última clase pertenceu esa cuantificación final do superavit de 2018, xa previsto nos orzamentos dese ano. O destino que Feijóo quere para eses cartos, di, son investimentos “en sanidade e educación” cuxo bloqueo sería responsabilidade de Sánchez.